As nenas e nenos do Concello de Negreira están convidadas e convidados, á recepción oficial que as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente ofrecerán este martes 5 de xaneiro, no polideportivo do CEIP O Coto, en horario de 16:00 a 20:00 horas; de forma segura e evitando que se formen aglomeracións, baixo todas as medidas de seguridade.

 

Infórmase á veciñanza que o acceso ó pavillón efectuarase a través da rúa Rosalía de Castro, xusto á altura da súa confluencia coa rúa do Corzán, a través do portal de acceso do profesorado e mediante un circuito de entrada e saída, perfectamente marcado para respetar a distancia de seguridade, e sendo obrigatorio o uso de máscara de protección. Tamén se estableceu un punto de control de temperatura e desifección de mans.

 

Para velar polo correcto e normal desenvolvemento da xornada, tanto persoal voluntario de Protección Civil como axentes da Policía Local, vanse a encargar de velar pola seguridade e o cumprimento das normas, para que a recepción se desenvolva con normalidade nunha tarde de alegría e maxia para a cativada de Negreira.

 

Pregamos ás familias de Negreira que prestedes atención a todas as indicacións do persoal.

 

powered by social2s

Concello

Á vista da solicitude de tódolos Concelleiros integrantes do Grupo Municipal do Partido Popular que cumpre co disposto na normativa de aplicación e dando cumprimento ao disposto no artigo 46.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das bases do réxime, convócase un Pleno Extraordinario da Corporación Municipal de Negreira a celebrarse o vindeiro martes, día 5 de xaneiro de 2021, ás 14:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello, conforme á seguinte orde do día:

1º.- Modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto de Bens Inmobles do Concello de Negreira, reducindo o tipo de gravame ao 0,4%

2º.- Modificación da ordenanza fiscal reguladora sobre o Imposto de vehículos de tracción mecánica.

3º.- Modificación da ordenanza fiscal reguladora sobre Construccións e Instalacións de Obras.

4º.- Derrogación da ordenanza fiscal reguladora pola licenza de apertura de establecementos ou pola actividade de control posterior daquelas actividades sometidas a comunicación previa ou declaración responsable.

5º.- Modificación da taxa de recollida de lixo.

6º.- Modificación da taxa pola entrada de vehículos a través de beirarrúas e reservas da vía pública para aparcamento exclusivo, parada de vehículos, carga e descarga de mercadorías de calqueira clase.

7º.- Derrogación da taxa pola expedición de documentos administrativos.

 

 

 

Attachments:
Download this file (Convocatoria.pdf)Convocatoria.pdf
powered by social2s

O Concello de Negreira vén de facer público o cadro de honra de gañadores do Concurso de decoración de Nadal, tanto na categoría de Particulares coma na de Establecementos.

 

Co obxectivo de contribuír a dinamizar e engalanar o municipio negreirés, o Concello organizou o Concurso de decoración de Nadal con dúas categorías diferenciadas: Particulares, para todo tipo de vivendas, e Establecementos, na que podían participar todo tipo de negocios abertos no territorio de Negreira. Os gañadores déronse a coñecer o venres, 18 de decembro trala valoración dos membros do xurado.

 

O xurado con dereito a voto estivo formado exclusivamente por representantes convidados das corporacións dos concellos veciños de A Baña, Ames e Brión, garantindo deste xeito a imparcialidade. Os criterios de valoración foron 3: Creatividade, Orixinalidade e Apreciación de elementos locais, con 10 puntos de máximo por cada un dos criterios.

 

Na categoría de Establecementos, os gañadores son os seguintes, con imaxes con parte das decoracións expostas:

 

1º) Las Cosas de Lía

 

 

2º) Abraham Fotógrafas

 

 

3º) A Nosa Taberna

 

 

Na categoría de Particulares, as persoas gañadoras son as seguintes, con imaxes con parte da decoración realizada:

 

1º) Uxía Pérez Ponte

 

 

2º) Silvia Fernández Blanco

 

 

3º) Mónica Romero Castro

 

 

O xurado valorou de forma moi positiva a calidade nas decoracións cunha grande creatividade e orixinalidade como factor máis común, e con moitos elementos feitos de xeito artesanal e reciclados. O apartado máis diferencial do concurso foi o de Apreciación de elementos locais, xa que non todas as persoas participantes lle deron protagonismo a este criterio.

 

O establecemento gañador, Las Cosas de Lía (Rúa do Carme, 19), destaca cunha decoración co Pazo do Cotón como protagonista do conxunto, ao que acompaña unha coidada vila de Nadal, cun pequeno tren con movemento rodeando unha fervenza con auga natural. A decoración complétase con luces e outros elementos característicos do Nadal, e unha árbore branca no fondo.

 

A vivenda gañadora, de Uxía Pérez, amósanos un conxunto ben coidado e escollido. Ademais dunhas luces de Nadal, podemos ver unha fiestra con decoración vexetal, campás, lazo e estrelas; outros motivos vexetais na entrada e unha pequena árbore e unha xesta decoradas flanqueando a fiestra máis destacada. Aquí atopamos un pequeno Belén ou Nacemento, representado na Ponte Maceira, a cal foi diferencial pola puntuación como elemento local do noso Concello.

 

Os premios entréganse este venres 18 de decembro, con 400 € para o primeiro dos establecementos, 150 € para o segundo e unha cesta de regalos cortesía de Gadis para o terceiro. Para os particulares, o primeiro levará unha tarxeta regalo (para gastar en establecementos de Negreira) de 100 €, o segundo outra tarxeta regalo (para gastar en establecementos de Negreira) de 60 €, e o terceiro unha cesta de regalos cortesía de Gadis.

 

As decoracións poderán contemplarse en establecementos e vivendas ata o 7 de xaneiro de 2021, e iranse publicando na páxina de facebook “Descubre Negreira”.

powered by social2s

O Alcalde-Presidente do Concello de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, quere mandarvos unha forte aperta nestas datas tan especiais e desexarvos a todas e todos, unhas boas festas en nome de toda a Corporación municipal.

 

Estimados veciñ@s. Aproveito para felicitarvos este Nadal e desexarvos unhas felices festas e un próspero ano novo. Darvos as gracias por todo o esforzo que fixechedes dende aquel 13 de marzo, e animarvos a que seguidades loitando xa que moi pronto, poderemos volver a facer unha vida normal e segura, abrazar os nosos seres queridos e facer todo aquel proxecto que por mor deste virus tivemos que suspender.

 

Foi un ano dificil, duro, na que perdemos a seres queridos, ilusions e a veces a esperanza era moi efímera. Por iso, estas verbas son para darvos forza, animarvos a non perder a ilusion e que recuperedes da mellor maneira posible, a alegria nestas festas.

 

Polo tanto, dende aquí, pedirvos unha vez máis precaución, responsabilidade, e bo facer. Un último esforzo para que pronto poidamos volver a nova normalidade, renacer con mais ilusión que nunca, deixando que o 2020 quede o mais alonxado posible das nosas mentes e corazón. Saúde e sorte para tod@s.

 

Felices festas!

powered by social2s

A Fundación Mª Esperanza Rubido Romero efectúa unha achega de 3.000 euros para a contratación dunha profesional para levar a cabo o Programa de mellora de benestar persoal e social neste ano que estivo adaptado á actual situación sociosanitaria por mor da pandemia sanitaria da Covid19.

 

Os obxectivos deste programa foron mellorar as habilidades na área de vida no fogar, aumentar a autonomía persoal das persoas usuarias da fundación, así como identificar e expresar as emocións.

 

Dende a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos "Comarca de Barcala", agradecen a colaboración da Fundación Mª Esperanza Rubido Romero debido a que a súa situación é preocupante, xa que levan acarreando problemas económicos durante estes últimos anos.

 

No acto de sinatura participaron hoxe, o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, en calidade de presidente do Padroado da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos Comarca de Barcala, xunto con José María Varela Rial, preesidente da Fundación Mª Esperanza Rubido Romero, e mailo vicepresidente da Fundación e alcalde do Concello da Baña, José Antonio Pereira Gil.

 

Manuel Ángel Leis agradeceu esta colaboración anual, dada a importancia que ten para a Fundación "pola situación económica que está atravesando nos últimos anos, e sobre todo, a colaboración que estamos prestando os concellos de Negreira e A Baña" para manter a actividade.

 

Pola súa banda, José María Varela sinalou que a entidade barcalesa "ten preferencia fronte a outras posibles axudas que poidamos dar".

 

powered by social2s