Dende o Concello de Negreira sumámonos ás mostras de pésame e fondo pesar polo recente pasamento de Xerardo Moscoso Caamaño; xinecólogo, actor, productor, cantautor, director de cinema e teatro, e activista, cuxa nai, Matilde Caamaño, era oriunda de Negreira, onde Xerardo pasaba as súas vacacións de verán sendo neno.

 

Licenciado en Medicina e especializado en Xinecoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, era director da Escola de Artes Escénicas da Universidade Autónoma de Coahuila (México), estado onde residía. Nos últimos anos traballou para a Secretaría de Cultura de México. Foi un dos fundadores da Nova Canción Galega e de Voces Ceibes (movemento contra o réxime franquista), sendo expulsado de España nove anos despois. Tivo unha longa e fructífera traxectoria no ámbito do cinema e o teatro na cidade de México, onde tivo a oportunidade de traballar cos mellores actores da súa xeración. Gañou o prestixioso Premio Xavier Villaurrutia que se entrega ás persoas que lograron desenvolver unha actividade importante no mundo do teatro.

 

O seu falecemento deixa un baleiro imposible de encher na difícil tarefa da promoción cultural, dos dereitos humanos e da difusión das artes.

powered by social2s

itv2

 

A Unidade Móbil 03 de Inspección Técnica de Agrícolas desplazarase ao concello de Negreira nas seguintes datas:

1 – Do 21 ó 23 de xullo, en Pesadoira (Alvite)
2 – Do 26 ó 29 de xullo, no aparcadoiro do Campo da Feira (Negreira)

 

O horario de atención será de 09:00 a 13:30 horas pola mañá, e de 15.15 a 18:00 horas, pola tarde, agás o día 23 e mailo 29 que será só en horario de mañá.


Para solicitar cita previa, pódese chamar por teléfono ó 902 30 90 00, ou ben a través da web: www.sycitv.com, no apartado de cita previa.

 

NOTA: A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.

powered by social2s

 

visita a Ponte Maceira1.JPG

Os alcaldes de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez e de Ames, Blas García, reunironse hoxe cando aos técnicos municipais de ambos concellos, de cara a estudar a viabilidade do saneamento ás vivendas de A Ponte Maceira sitas no lado negreirés.

 

Para levar a bo porto a conexión á rede de recollida e tratamento existente no lado de Ames, estanse barallando diversas opcións como conectar as augas residuais da parte de Negreira co sistema de bombeo situado na parte amesá da Ponte Maceira mediante un topo dirixido baixo as augas do río Tambre, ou mediante unha canalización ao longo do río Tambre ata a zona próxima á depuradora que ten o Concello de Ames, en Agrón, recuperando un antigo proxecto feito con Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio.

 

Deste xeito, estanse valorando as distintas alternativas. A máis viable e menos custosa sería mediante unha conexión por debaixo do leito fluvial para conectar os dous pozos de bombeo, en ambas marxes da Ponte Vella. Agora, o Concello de Negreira elaborará o proxecto técnico para a realización do saneamento na súa parte, toda vez que a de Ames xa conta coa recollida de augas residuais.

 

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, agradeceu a colaboración do Concello de Ames para solucionar o grave problema que ten a veciñanza da zona nun lugar designado como un de Los pueblos más bonitos de España.

powered by social2s

 IMG 1828

O Concello de Negreira ante a documentación recibida no Departamento de Urbanismo referente á tramitación por parte da empresa Green Capital Power dun proxecto para instalar o parque eólico da Armada, e da empresa Norvento, da liña de evacuación de enerxía LAT66 Outes - Noia, convoca á veciñanza da parroquia de Xallas a unha reunión veciñal este sábado día 22 de maio, a partir das 19:30 horas diante do Local social.

 

Neste encontro aportarase información relativa a ambos proxectos con afectación na parroquia de San Pedro de Xallas e, intentarase resolver as dúbidas que poidan xurdir entre a veciñanza.

 

Unha persoa por casa

 

Debido a actual situación pola pandemia sanitaria da covid-19 prégase na medida do posible, que acoda un representante por cada casa, así como extremar as medidas de protección o máximo posible.

powered by social2s

 Muro de pedra no Busto1

Superadas con éxito as dificultades que supoñen os inicios dos proxectos, ambas as especialidades do Programa de emprego Mocidade 2020 van desenvolvendo as actuacións previstas favorablemente con avances importantes nos catro concellos involucrados.
Durante o mes de xaneiro de 2021, a especialidade de Fábricas de albanelería rematou as obras do baixo da cuberta do Centro Social e da Terceira Idade de San Vicenzo, na Baña, consistente no revestido á man de 150 m2 con morteiro branco e 20 m2 de piso nivelado e fratasado. En febreiro actuou en Bembibre, coa ampliación da Biblioteca municipal de Val do Dubra, onde se fixo unha demolición de tabiques e un novo tabicado e revestido, reparouse o falso teito e o rodapé e colocáronse novas plaquetas e tapaxuntas.

 

Xa nos meses de marzo e abril, correspondeulle a Santa Comba con dúas actuacións no Busto. Por un lado, fixeron un muro de bloques na escola infantil de 30m de longo e unha media de 0,70m de altura xunto coa colocación de postes e malla, o que lle proporciona maior seguridade para os nenos e nenas. Por outro, na área recreativa do Busto construíron un muro de pedra a dúas caras vistas de 25m de longo, 0,50m de ancho e unha media de 1m de alto coa correspondente colocación dos postes e malla electrosoldada para peches, que ofrece melloras nun espazo natural, integrado no ambiente para o ocio e lecer da veciñanza.

FOTO 1


Con estas actuacións o alumnado traballador de Fábricas de albanelería puxo en práctica unha parte importante das unidades de competencia que configuran o certificado de profesionalidade, como son: Elaborar pastas, morteiros, adhesivos e formigóns; Construír fábricas para revestir e Construír fábricas vistas. Así, xa son quen de organizar e realizar obras de fábrica de albanelería de ladrillo, bloque e pedra (muros resistentes, cerramentos e particións), seguindo as directrices especificadas na documentación técnica e as prescricións establecidas en materia de seguridade e calidade. O grupo, formado por 4 mozos e 4 mozas de menos de 30 anos, vaise especializando na elaboración de morteiros e pastas de xeso, cemento e cal, tanto con medios manuais como mecánicos, para executar os traballos de albanelería e revestimento. Do mesmo xeito, elabora formigóns tanto con medios manuais como mecánicos para executar obras de construción, seguindo a composición e dosificación fixada e opera correctamente cos materiais e cos equipos de traballo (máquinas, ferramentas, útiles e equipos de protección individual) necesarios para lograr o rendemento e calidade requiridos.


A especialidade de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería segue a aumentar a produción de planta e flor no invernadoiro, xunto co xardín comestible nos bancais da Baña, que actúa como base ou sede do viveiro principal para os catro concellos participantes. Nos primeiros meses do ano, rotou por todos eles e encargouse principalmente de labores de poda, poda en altura e de acondicionar os peches vexetais e rozas dos lugares que así o esixían.


Un labor importante desta especialidade foi a plantación de máis de 100 árbores froiteiras en diferentes zonas, para converter os espazos públicos en lugares vivos e ricos, que non só conten con especies ornamentais senón tamén con alimentos saudables e accesibles para toda a poboación. Dotáronse con estas plantacións de froiteiras, moitas delas autóctonas, aos catro concellos; en Negreira, no Parque do Coto, en Pedra Mámoa, na avenida das Brañas e en Portor; na Baña, nas áreas recreativas de Chans, na da Chousa (en Lañas) e na de Fiopáns, xunto co propio terreo base da rúa Tedelle; en Santa Comba, na zona do Museo Casa do Pozo e na piscina municipal descuberta; e en Val do Dubra, na área recreativa de Bembibre.

FOTO 2

A parte que pon a nota de cor no seu traballo, despois do éxito da actuación feita diante do Centro de Saúde, pode verse na modificación substancial na entrada de Negreira pola avenida de Santiago, que lle outorga unha nova imaxe. Ao igual que pode verse o importante traballo feito polo grupo no concello de Santa Comba, tanto diante da casa consistorial con parterres renovados con deseños do propio alumnado traballador, como no multiúsos cunha rocalla feita a partir de material reciclado en gran parte ou nas rotondas das inmediacións da casa da cultura e da policía local, en fase de renovación durante esta tempada.


No Programa de emprego Mocidade 2020 contamos coa colaboración doutros axentes para complementar os contidos teóricos e prácticos de ambas as especialidades. Así, no mes de febreiro, un técnico da Oficina Comarcal Agraria de Negreira acode ao noso centro para explicarlle ao equipo de AGAO0108 cales son as liñas de actuación e falarlle das axudas á incorporación de persoas mozas á actividade agraria que existen. Tamén se achegou persoal do Servizo de Orientación Laboral e do CIM de Negreira para darlles outra visión da formación complementaria para a busca de emprego ou en materia de igualdade de oportunidades.


Ambos os grupos realizaron visitas formativas; como exemplos, no viveiro O Forno de Valga (Pontevedra) explicáronlles os sistemas de rega, características e utilización xunto cos tipos de substratos empregados para facer sementeiros e técnicas de cultivo; no viveiro O Pomariño na Capela (A Coruña) puideron descubrir as variedades de froiteiras autóctonas, coidados, podas etc.

 


Formación

No mes de abril, a especialidade de AGAO0108, a docente e a directora fan tamén unha visita formativa ao Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón) coa que se complementaron os contidos tanto teóricos como prácticos do certificado de profesionalidade en materia de carné de aplicación de fitosanitarios grazas a un dos seus docentes que lles explicou métodos de control fitosanitario, produtos, medidas preventivas e de protección, maquinaria específica de tratamentos, aplicación e doses así como boas prácticas ambientais no seu uso.


A especialidade de Fábricas de albanelería, xunto co docente e a directora visitaron en Santiago de Compostela os exteriores da zona de Santa Isabel, o tramo recuperado do río Sar na contorna do hospital provincial coñecido como o Banquete de Conxo, os arredores da Cidade da Cultura e o Monte Viso, para ver finalizados muros de dúas caras, muros de pedra, mampostos, empedrados en tipo chapacuña tanto en edificación civil como en pública, para complementar o certificado de profesionalidade.
De novo, dende a dirección do Programa de emprego Mocidade 2020 queren agradecer o importante apoio que reciben das brigadas dos concellos participantes, do servizo de mantemento de iluminación pública da Mancomunidade de Concellos do Tambre e de Protección Civil, pois sempre están para botar unha man.


O Programa de emprego Mocidade 2020 está subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

 

GALERÍA DE IMAXES

 Ampliacion da biblioteca municipal. Val do Dubra2 1Avda de Santiago. Evolucion Avda de Santiago. FinalBaixo cuberta do centro social e da terceira idade da BanaBaixo cuberta do centro social e da terceira idade da Bana2Bancais co xardin comestible da BanaMuro de pedra no Busto1Muro de pedra no Busto2Muro na escola do Busto1 1Plantacion de froiteirasPoda en altura na area recreativa da ChousaPraza do Concello de Santa CombaPraza do Concello de Santa Comba. FinalRocalla no multiusos Santa CombaSementeiros no invernadoiro

 

 

powered by social2s