O venres 7 de febreiro no Auditorio do Centro Sociocultural, celebraremos a novena edición da Gala do Deporte ¨Concello de Negreira¨, coa entrega duns premios que recoñecen os méritos deportivos entre a veciñanza do noso concello, quenes co seu esforzo e compromiso, levan o nome de Negreira por toda Galicia e por España adiante. Estes permios son outorgados por un xurado integrado por un representante de cada club deportivo do noso concello, os técnicos municipais de Deportes e o director de Radio Negreira.

 

A 9ª Gala do Deporte comezará ás 21:00 horas e, ademáis dos recoñecementos aos méritos deportivos, tamén haberá actuacións musicais e exhibicións artísticas, nunha gala cunha duración aproximada de 90 minutos.

 

Os galardoados/as na oitava edición foron:

 - Mellor deportista do 2018 - Alba Cuns Iglesias (atletismo).

 - Mellores deportistas promesas – Nicolas Carnota e Le Zhou (kárate).

 - Mellor equipo – Infantil da Escola de Ximnasia Rítmica.

 - Recoñecemento á traxectoria - Manuel Freire Pazos.

 - Recoñecemento colaborador co deporte – Mobles Gran Vía.

 - Recoñecemento antigüidade: AD Nicrariense.

powered by social2s

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e mailo alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, asinaron esta mañá, o convenio polo que ambas as dúas administracións financiarán as obras de reurbanización e mellora da rúa Teresa Fabeiro Caamaño,  no centro urbán.

 

Os traballos suporán un investimento de 191.906,85 euros, dos que o 80% (153.525,88 €) serán achegados pola Deputación e servirán para evitar as inundacións que periodicamente se producen en sotos, garaxes e baixos comerciais e que afectan a outras rúas adxacentes (Rosalía de Castro, Rúa do Tambre, Rúa Castelao…), así como o retorno de augas fecais que afecta entre outras instalacións ao CEIP O Coto debido ao exceso de caudal e a aos continuos atascos que se producen na deficiente rede de saneamento actual.

 

As obras consistirán na construción dunha nova rede separativa de pluviais e fecais, que discorrerá ao longo de toda a rúa e que estará dimensionada para evitar a carga excesiva que colapsa a rede actual, facilitando un mellor rendemento da EDAR e beneficiando tanto aos veciños da zona coma as instalacións educativas da zona.

 

Os traballos inclúen tamén a reurbanización posterior da zona, o reasfaltado da rúa e pintado das marcas viais, pasos de peóns e demáis sinalética.

 

powered by social2s

A Deputación da Coruña ven de adxudicar por 678.931 euros, a construción de 5 quilómetros de sendas peonís no Camiño de Fisterra-Muxía, ao seu paso polo concello de Negreira. As beirarrúas discorrerán polas marxes da estrada DP-5603 que une a vila de Negreira co Marco do Cornado.

 

A este orzamento hai que sumar outros 119.116 euros que a institución provincial xa destinou á expropiación dos predios necesarios para executar os traballos.

 

As obras na DP 5603 de Negreira a Marco do Cornado realizaranse en catro tramos situados entre os puntos quilométricos 1+430 e 2+170, 7+300 e 7+820, 8+750 e 10+770 e do 11+110 ao 12+900.

 

As novas sendas terán dous metros de ancho e realizaranse en zahorra artificial estabilizada con cemento, o que proporciona un firme brando e cómodo para camiñar longas distancias.

 

As obras están incluídas no Plan de Sendas Peonís, que pretende mellorar a seguridade viaria dos peóns en todas as vías de titularidade provincial. Así mesmo, a Deputación realiza este tipo de actuacións especialmente naqueles tramos polos que discorren as sendas xacobeas, co obxectivo de mellorar as dotacións para os peregrinos e evitar que teñan que transitar pola calzada ou as beiravías, co consecuente perigo.

powered by social2s

O grupo de música instrumental Oîma integrado pola negreiresa Olalla Liñares (clarinete), xunto con Antía Ameixeiras (violino) e Martín Senande (acordeón diatónico), presenta este venres 10 de xaneiro no Auditorio de Negreira, o seu primeiro disco Ala!, composto por 12 pezas que non teñen letra, pero din moito. Un traballo que péchase coa peza Nicraria, unha adaptación do Pasodobre Nicraria.

 

O concerto con entrada de balde comeza ás 21:00 horas. Oîma identifícase con eses contextos nos que o esencial é o secundario, e como eles din: «Cando se pon o foco no fondo, no acompañamento, no recheo. Reivindicamos a identidade de todos eses elementos que non significan nada».

powered by social2s

Unha trintena de rapaces e adultos de Negreira participaron no segundo Torneo de Nadal, de xadrez, desenvolvido na Casa da Cultura. Tras cinco roldas, rematou como vencedor do torneo, Hugo Domínguez, quen fixo pleno de vitorias.

 

Acompañando ao vencedor absoluto e con só unha derrota ante o campión, compretaron o podio: Jesús García e Pedro Varela.

 

En canto as categorías de promoción salientar o primeiro posto Sub14 de Noel Casares; o Sub14 local de Hugo Domínguez Búa; Sub10 Nicolás Amado; o Sub10 local para Daniel Souto; Sub8 para Luka Tuñas e Sub8 local para Leandro Vidal.

 

Na entrega de trofeos participaron o máximo mandatario municipal, Manuel Ángel Leis Míguez, así como os concelleiros María del Mar García e Adolfo Manuel Barbosa.

 

powered by social2s