Debido á pandemia da covid-19, neste ano non estarán permitidas as cacharelas en terreos públicos. Soamente será posible facelas en terreos de titularidade privada.
As persoas interesadas en realizar unha cacharela en terreos privados deberán presentar a solicitude correspondente, con data límite o día 21 de xuño, por algunha das seguintes vías:
- Rexistro telemático, na Sede Electrónica do Concello: https://sede.concellodenegreira.es
- Rexistro Xeral do Concello (horario de 8:00 a 14:00h).
O número máximo de persoas que se poidan reunir en grupo axustarase ao disposto na normativa vixente o día 23 de xuño de 2021 reguladora da situación de emerxencia sanitaria, así como das demáis recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias.
A separación de cacharelas entre os edificios, fincas forestais, árbores e demáis obxectos que poidan resultar danados será coma mínimo de 20 metros. Poñerase especial coidado de non situalas debaixo de tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacen produtos inflamables nin vehículos.
Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites e en xeral calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipentes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprais), aínda que estean baleiros. Sobre terreos con vexetación herbacea, previo ó inicio do lume, farase unha devesa do material combustible nunha franxa de polo menos 9 metros de ancho, rodeando o perímetro.
A fogueira permanecerá vixiada polas persoas responsables ata a súa extinción, que deberá ser asegurada empapando os restos con auga, e asegurándose de que as cinzas queden totalmente apagadas. No caso de que se levante o vento, e poida dificultarse a vixilancia e extinción da fogueira, esta deberá suspenderse.