O Concello de Negreira, a través do Centro de Información á Muller (CIM), renderá homenaxe o vindeiro venres, 6 de marzo, á taberneira Pilar García Caamaño, máis coñecida como Pilucha do Piolo, distinguíndoa co Premio 8 de marzo na súa décima edición. O acto de entrega terá lugar ás 20.00 horas no auditorio Afonso Eanes do Cotón, no marco da programación organizada pola entidade con motivo do Día Internacional da Muller.
Pilar García naceu en 1945 na parroquia de San Pedro de Gonte, onde creceu vencellada á taberna O Piolo, establecemento familiar aberto ese mesmo ano e que co paso do tempo se ía converter en todo un símbolo na parroquia. Tal e como ela mesma sinalou “nacín nunha taberna e teño espírito de taberneira”, unha frase que resume unha vida enteira detrás da barra.
Tras asumir o legado familiar, estivo á fronte do negocio durante décadas, converténdoo nun punto de encontro veciñal. Ata a súa xubilación no ano 2010, O Piolo foi máis ca un bar: foi punto de encontro e convivencia, de celebración e de memoria en Gonte.
Coa concesión deste Premio 8M, desde o Centro de Información á Muller buscan “poñer en valor a súa traxectoria profesional nun contexto histórico de importantes dificultades económicas e sociais”. Aseguran que se trata “de todo un exemplo, xa que o seu labor contribuíu á actividade da parroquia dunha maneira moi significativa. A súa figura representa o papel fundamental que moitas mulleres desempeñaron no desenvolvemento do tecido económico local”.
A programación
Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o CIM Negreira deseñou unha ampla programación de actividades que se desenvolverá nos próximos días coas que se busca promover a igualdade e visibilizar o papel das mulleres na sociedade.
A programación comezará o xoves, 5 de marzo, coa proxección de ‘Thelma & Louise’ no auditorio da Casa da Cultura. O venres, 6 de marzo, farase a entrega da X edición do Premio 8 de marzo a Pilucha do Piolo.
Á semana seguinte, o venres 13 de marzo, terá lugar o contacontos ‘A viaxe de Maruxiña’ de Olga Abad no auditorio da Casa da Cultura. Será ás 18.00 horas con entrada de balde. Ese mesmo día, ás 21.00 horas, será a quenda do teatro con ‘Brokeback Sabucedo’ no auditorio Afonso Eanes do Cotón. Neste caso é necesario sacar entrada en Woutick.es ou na delegación de Cultura.
Durante os meses de marzo, abril e maio desenvolverase o taller ‘Muller e benestar emocional’, que inclúe diferentes obradoiros. O primeiro será o sábado, 7 de marzo, onde as persoas participantes poderán desfrutar dunha experiencia sensorial a través da degustación de produtos gastronómicos vinculados á figura de Rosalía de Castro. O seguinte será un ‘Baño de Bosque’ o 11 de abril, ao que continuará un Obradoiro de arteterapia e movemento corporal o día 25. Por último, o 9 de maio terá lugar un baño de son con musicoterapia e aromaterapia. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente no 881 035 154 e 881 035 155 ou a través do correo electrónico cim@concellodenegreira.es, xa que as prazas son limitadas.