baloncesto escolar

O sábado 28 de febreiro e o domingo 1 de marzo Negreira vaise a convertir no “epicentro” do baloncesto de base coa disputa da copa Galicia feminina e o Baby Basket 2026.

O primeiro día será o turno da categoría mini feminio cos partidos de algúns dos mellores equipos de baloncesto de Galicia como son o Baxi Ferrol ou o 6 de Nadal de Vigo. As anfitrioas do Deleite Ledicia van a tratar de competir e poñerllo dificil os seus rivais nesta xornada emocionante no Pavillón de Pedra Mámoa.

12:00 h. -  Deleite Ledicia Vs  6 Nadal Vigo 

16:00 h. – Baxi Ferrol Vs 6 Nadal Vigo

Na xornada dominical os máis pequenos serán os protagonistas do Torneo Baby Basket coa presenza de 14 equipos da comarca de Santiago que xogarán partidos simultaneos en 2 pistas dende as 10 da mañán.

Estas dúas xornadas están enmarcadas na campaña de promoción do baloncesto, organizado pola Federación Galega de Baloncesto en colaboración con Baloncesto Galdea e o Concello de Negreira.

- Copa Galicia feminina (Mini Feminino) -  Horarios

- Baby Basket 2026 (Negreira) – Horarios

malasombra

Esta comedia chega este venres 27 ao Auditorio Afonso Eanes do Cotón, da man de Malasombra Producións, a partir das 21:00 horas, dentro do que é a segunda proposta do ciclo de teatro do primeiro semestre de 2026 da Rede Galega de Teatros e Auditorios, na que Negreira participa por segundo ano consecutivo.

En 1880, o bispo de Ourense denuncia a Curros Enríquez por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.

A partir destes feitos históricos, Cándido Pazó constrúe unha peza teatral que, en ton de sainete cómico protagonizado por unha galería de personaxes populares do Ourense de finais do XIX, aborda con frescura e desenfado, pero con rigor e reflexión, a cuestión do hoxe en día chamado lawfare, así como outros temas (a lingua, a cultura, a identidade...) que seguen vixentes na actualidade.

Cándido Pazó escribiu e dirixe esta proposta que conta con Jouse García, Marcos Orsi, Paula Pier e Xoque Carbajal sobre o escenario a darlle vida a once personaxes diferentes. A peza partiu da publicación do Consello da Cultura Galega e o Colexio de Avogados de Ourense, do proceso penal a Manuel Curros Enríquez (1880 – 1881), que recolle as actas oficiais do proceso canda a un prólogo e un estudo. O pasado mes de setembro, Celanova acollera tamén a estrea de O Rexurdimento do Divino Sainete da compañía LaGriot'te, que tamén trataba o xuízo a Curros.

Prezo: 5€ público en xeral e 3,5€ para carné xove e maiores de 60 anos

Público: adultos +14

Duración: 75 minutos

MIGRANTES

O Concello de Negreira, en colaboración coa ONGD SenValos, organiza unha xornada informativa dirixida a persoas migrantes en situación administrativa irregular e a solicitantes de protección internacional (asilo), co obxectivo de ofrecer información clara, práctica e actualizada sobre o proceso de regularización extraordinaria previsto para 2026.

A sesión terá lugar o mércores 11 de febreiro, ás 11.00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura de Negreira, con entrada libre ata completar aforo.

Durante a xornada explicaranse os requisitos, prazos, documentación necesaria e criterios xerais establecidos polo Goberno. Entre outros aspectos, informarase de que, con carácter xeral, será preciso acreditar unha permanencia continuada mínima de cinco meses, residencia en España antes do 31 de decembro de 2025 e carecer de antecedentes penais. No caso das persoas solicitantes de asilo, poderá ser suficiente ter presentada a solicitude antes desa data e poder acreditalo.

A sesión contará cun espazo para resolver dúbidas e ofrecer orientación práctica sobre as canles oficiais de información.

Esta actividade enmárcase no Programa de Mediación Intercultural de Negreira, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo Plus (FSE+), dentro do Programa FSE+ Galicia 2021–2027, coa participación da Xunta de Galicia.

O Concello de Negreira, xunto con SenValos, subliña a importancia de proporcionar á cidadanía información fiable e práctica, especialmente nun momento no que os prazos e requisitos poden xerar incerteza.

Muíño

O Concello de Negreira convocou para este sábado, 7 de febreiro, unha reunión informativa dirixida á veciñanza da Ponte Maceira e, que terá lugar na capela de san Brais, ás 11:30 horas, co obxectivo de abordar a rehabilitación dos muíños, que son de titularidade privada.

Segundo explica a misiva do alcalde, tras manter unha reunión na Dirección Xeral de Patrimonio, búscase unha fórmula xurídica que permita ao Concello intervir no seu arranxo e mantemento, malia que moitas destas construcións carecen de títulos de propiedade definidos.

Desta maneira, faise un chamamento á participación, especialmente das persoas maiores, para recompilar información histórica que axude a dar coa mellor solución para conservar este patrimonio.

Pleno extraordinario

A Corporación municipal de Negreira celebra o xoves, día 5 de febreiro de 2026, a partir das 11:00 horas, unha sesión extraordinaria do Pleno coa seguinte orde do día:

Único.- Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de Concellos) “POS+ 2026” (Expediente Núm. 2026/A003/000001).

Rexistro de Asociacións

Como consecuencia das tarefas de actualización do Rexistro Municipal de Asociacións que se están a levar a cabo no Concello, requírese ás asociacións que teñan domicilio social nalgunha das parroquias do Concello de Negreira a seguinte documentación actualizada para proceder á súa correcta inscrición no Libro Municipal de Rexistro de Asociacións:

a) Estatutos actualizados da asociación.

b) Número de inscrición no Rexistro Xeral de Asociacións autonómico ou provincial.

c) Nome das persoas que ocupen os cargos directivos actualizados.

d) Domicilio social actualizado.

e) Orzamento do ano en curso.

f) Programa de actividades do ano en curso.

g) Certificación do número de socios, asinado polo Secretario/a da Asociación co visto bo do/a Presidente/a.

A data límite para entregar a documentación requirida é o 30 de xaneiro de 2026. A documentación deberá achegarse no rexistro xeral de maneira presencial ou por sede electrónica.

Entroido

O Concello de Negreira informa que por decreto de Alcaldía, autorízase a ampliación de horarios xerais de peche dos establecementos abertos ao público, dos espectáculos públicos e das actividades recreativas, en aplicación do disposto no artigo 17 da Lei 10/2007, de 27 de decembro, de Espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, en relación coa Orde de 23 de outubro de 2020.

Autorízase a ampliación de dúas horas dos horarios límite de peche establecidos para cada categoría do local; nas madrugadas do sábado 14 e domingo 15 de febreiro de 2026, con motivo da festividade do Entroido barcalés.

VILA DE NEGREIRA

O club de Tenis Negreira, en colaboración co Departamento de Deportes do Concello de Negreira, vai a celebrar o primeiro torneo de tenis deste recén iniciado ano 2026, nas pistas de Pedra Mámoa.

O sábado 31 de xaneiro e o domingo 1 de febreiro, preto de 80 xogadores vanse a disputar o título nas seguinte categorías:

  • Benxamín
  • Alevín masculino
  • Alevín feminino
  • Cadete
  • Senior masculino
  • Senior feminino
  • Veterano +35
  • Veterano + 55

* Haberá trofeos para os finalistas de cada categoría.

Coa remodelación completa das pistas de tenis, a intención é a de ter un circuito estable de torneos durante todo o ano.

Calendario torneo Inverno “Vila de Negreira”

 

Tecnificación Provincial RFG tenis

As instalacións de Pedra Mámoa están a ser a sede das sesións de tecnificación escolar da zona de Santiago, coa participación dos mellores xogadores e xogadoras da comarca.

Os domingos de outubro a decembro de 2025, puideron adestrar con monitores do club tenis Negreira con sesións sobre técnica, regulamento, preparación física, etc.

As clases terán continuidade dende febreiro a setembro 2026.

 

 

Presentación programación entroido 2026

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez cando ao concelleiro de Cultura, José Antonio Villar Caamaño e maila concelleira Teresa Duro Leis  presentaron hoxe a programación festeira.

Conta atrás para unha das grandes citas do ano  como son as Festas do Entroido 2026 do Concello de Negreira, que este ano se encargará de abrir por segundo ano consecutivo a orquestra Olympus.

As festas de Entroido comezarán o venres 13 de febreiro coa actuación da afamada orquestra Olympus, a partir das 22:30 horas na praza do Concello, ademais dun DJ. Trala véspera, o sábado 14 de febreiro chega o seu día grande co Desfile e concurso de carrozas e comparsas.

A concentración será a partir das 16:00 horas no Campo da Feira, e o comezo do desfile está  para as 17:00 horas, a través da Carreira de San Mauro, rúa da Cachurra, avenida das Brañas, rúa Rosalía de Castro, rúa de Castelao e remate, na rúa do Carme, diante da Casa do Concello.

A agrupación musical Tíralle do aire abrirá o desfile e unha vez rematado, comezará a actuación musical da orquesta Suavecito e un DJ, na praza do Concello, lugar para a posterior entrega de mais  de 5.000 euros en premios en torno as 20:00h.

Festa infantil

A terceira parada das festas terá lugar o luns, día 16 de febreiro, a partir das 17:30 horas no pavillón do colexio O Coto, coa Festa infantil de disfraces. Non faltará a animación musical co Dj Animus, os xogos inchables, talleres de maquillaxe e un sorteo de agasallos entre toda a rapazada disfrazada.

As inscricións están abertas na Delegación de Cultura ata o mércores 11 de febreiro.

+información: marcos.perez@concellodenegreira    - telf: 676 454 879

                      Facebook e instagram Cultura Negreira