O Concello de Negreira continúa desenvolvendo a programación do Verán Cultural, cunha ampla oferta de actividades culturais, de lecer e de conciliación que se estenderá ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro.

O Concello de Negreira continúa desenvolvendo a programación do Verán Cultural, cunha ampla oferta de actividades culturais, de lecer e de conciliación que se estenderá ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro.

A programación, que arrancou no mes de xuño con citas xa consolidadas como o Festival Internacional de Folclore "Vila de Negreira", os concertos do Nicrafolk ou a Feira do Románico, afronta agora unha nova etapa cun calendario pensado para todos os públicos.

Entre as actividades de maior demanda destaca o Diververán, destinado a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Os obradoiros de manualidades e pintura desenvólvense de luns a venres en horario de mañá na Casa da Cultura, distribuídos en diferentes quendas durante os meses de xullo e agosto, favorecendo a conciliación das familias durante o período estival.

O espazo público volverá converterse nun dos grandes protagonistas grazas ao ciclo Cultura a Pé de Rúa, que levará espectáculos de teatro, circo e música a distintos puntos da vila. O Parque do Coto acollerá propostas como Carman, Dr. Flaming ou a actuación da formación Royal. Ademais, a Praza do Concello será o escenario, o 25 de xullo, dunha nova edición do Cristobaliño, unha iniciativa da Asociación Negreira Viva que conta coa colaboración do Concello. A programación continuará o 13 de agosto coa representación de Hoxe si!, da compañía De Sempre Arriba.

A creación contemporánea tamén terá un papel destacado coa chegada do Delas Fest, o festival feminista de arte urbana e contextual, que se celebrará entre o 27 de xullo e o 2 de agosto, achegando intervencións artísticas e propostas culturais de vangarda ao municipio.

Xa na recta final do verán celebraranse os tradicionais Campamentos de Verán, que nesta edición terán lugar no Albergue Xuvenil de Espiñeira, en Boiro, entre o 26 de agosto e o 4 de setembro.

A actividade cultural continuará durante o mes de setembro cunha programación variada. O venres 18, o Auditorio Afonso Eanes do Cotón acollerá a representación da obra As formas do amor, dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O sábado 19 celebrarase unha nova edición do Nicrarock no Parque do Coto, coa actuación de D'Crooners e Pepe Piña. O domingo 20 terá lugar na Praza do Concello o tradicional Festival de Bandas, coa participación da Banda Municipal Ateneo de Negreira e da Banda de Música de Lousame. A programación completarase o venres 25 coa proxección de Rondallas, dentro do ciclo de cine no Auditorio Afonso Eanes do Cotón.

Ademais, nunha data aínda por confirmar, celebraráse unha nova edición do Encontro As Tres Negreiras, unha cita de confraternidade que reunirá aos municipios de Negreira, A Estrada e Santa Comba e que incluirá conferencias e actuacións musicais.

CAMPAÑA POLO CONSUMO RESPONSABLE DA AUGA

O impacto do cambio climático en Galicia xa non é unha ameaza futura, senón unha realidade urxente. Basta con mirar o estado dos ríos, encoros e acuíferos para comprobar como as ondas de calor adiantadas, as secas máis longas do habitual e a irregularidade das precipitacións están a poñer en risco un recurso que sempre demos por garantido. Ante este escenario, Espina & Delfín e o Concello de Negreira poñen en marcha, un ano máis, a súa campaña de consumo responsable da auga, baixo o lema «A auga non é infinita. Consúmea con cabeza».


Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo municipal de abastecemento de auga, traballa en estreita colaboración co Goberno local nesta iniciativa. Así, combinaranse materiais informativos e canles de comunicación dixital para que a mensaxe de aforro chegue á veciñanza coa maior proximidade posible.


En 2025, o volume de auga consumida pola veciñanza do Concello de Negreira situouse en 1.210.291 m³, o que supón unha media mensual de 100.857 m³. Se analizamos a evolución ao longo dese ano, o pico de consumo rexistrouse en plena tempada estival: no mes de agosto acadouse o valor máximo, con 120.057 m³. Pola contra, febreiro foi o mes con menor demanda, cun total de 77.851 m³. Esta diferenza implica que durante o mes de agosto o consumo de auga foi un 35 % superior ao do resto do ano.


A campaña pon o foco en que ningunha acción individual é pequena cando se trata de aforrar e protexer o ciclo integral da auga. Por iso, máis alá da teoría, apóstase por trasladar pautas moi sinxelas e fáciles de aplicar no día a día. No fogar, pecha a billa mentres enxaboas os pratos ou lavas os dentes; escolle a ducha fronte ao baño e procura que non se prolongue máis do necesario; utiliza a lavadora e o lavalouzas sempre con carga completa. Tamén é importante revisar as instalacións domésticas e instalar aforradores de caudal para evitar os litros que se perden polo goteo.


Encher a piscina, lavar o coche ou regar o xardín son hábitos frecuentes nesta época, pero convén facelos con responsabilidade: evitar as horas de máis calor, aproveitar mellor cada litro e reducir os usos que non sexan necesarios. E, se marchamos de vacacións e a vivenda queda baleira, deberiamos pechar a chave de paso para evitar fugas e sobresaltos mentres non hai ninguén que poida detectalos. Porque coidar a auga tamén depende desas pequenas decisións que, sumadas, axudan a protexer un recurso cada vez máis valioso e vulnerable.


Sobre Espina & Delfín


Espina & Delfín é unha compañía especializada na xestión integral do ciclo da auga, con presenza en numerosos municipios de Galicia. A súa actividade abrangue a operación de estacións de tratamento de auga potable (ETAP), instalacións de depuración de augas residuais e outras infraestruturas vinculadas ao abastecemento, cun firme compromiso coa sustentabilidade, a innovación e o servizo á cidadanía.
 

NOVOS CURSOS CELGA E LAG

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia convoca, con carácter gratuíto, os cursos de linguaxe administrativa galega (LAG) de nivel medio e superior, en modalidade en liña, así como os cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), que se impartirán durante o curso 2026/27 nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.


Os cursos de LAG impartiranse entre setembro e decembro (primeiro cuadrimestre) e entre xaneiro e abril (segundo cuadrimestre). Pola súa parte, os cursos preparatorios para os certificados Celga celebraranse entre setembro e decembro no primeiro cuadrimestre e entre xaneiro e maio no segundo.


O prazo de presentación de solicitudes para os cursos do primeiro cuadrimestre permanecerá aberto do 29 de xuño ao 10 de xullo de 2026. Para os cursos do segundo cuadrimestre, o prazo será do 2 ao 13 de novembro de 2026.


As persoas interesadas poden consultar toda a información sobre a convocatoria e o procedemento de inscrición no Portal da Lingua Galega.
 

Medio Rural regula o uso de maquinaría con risco alto de incendio

A Consellaría do Medio Rural publicou este luns 29 de xuño, unha nova orde para regular o uso de maquinaria no período de alto risco de incendio que obriga a contar cunha serie de medidas de prevención para realizar traballos entre as 12:00 e as 18:00 horas do día.

No Diario Oficial de Galicia (DOG), infórmase da Orde do 23 de xuño de 2026 pola que se regula a utilización de maquinaria durante a época de perigo alto, nos supostos de índice de risco de incendio forestal moi alto ou extremo. Aplícase durante o período considerado de alto risco -do 1 de xullo ao 30 de setembro- e os días en que o índice de risco diario de incendio sexa elevado. 

A nova normativa permite realizar actividades de carácter preventivo, silvícola ou agrícola con maquinaria en terreos forestais e as súas zonas de influencia eses días, pero cumprindo cunha serie de indicacións entre as 12:00 e as 18:00 horas.

Nesa franxa horaria, é obrigatorio contar cunha persoa que poida exercer de observador para que dea aviso aos servizos de emerxencia se detecta un posible conato.

Tamén será necesario dispoñer dun depósito de auga de polo menos 400 litros, un extintor de espuma con base de auga de polo menos 6 quilos, dous batelumes e unha mochila extintora de polo menos 15 litros.

Medio Rural regula o uso de maquinaría con risco alto de incendio
COMEZA O VERÁN DEPORTIVO

Presentamos o programa de actividades deportivas para este verán, dirixido a tódolos públicos e cunha oferta variada que busca fomentar a participación e o exercicio físico durante os meses de xullo, agosto e parte de setembro.

O programa, deseñado polo departamento de deportes, inclúe disciplinas como fútbol, baloncesto, natación e sendeirismo, ademais de actividades específicas para os máis novos, como talleres deportivos e xogos populares.

As actividades levaranse a cabo en diferentes instalacións municipais, como o Pavillón de Pedra Mámoa, as piscinas e diversos roteiros naturais da contorna. Haberá, ademais, diversos Campus Deportivos específicos como o “Basket Training Days”, “Tenis de mesa” e tamén kárate. As inscricións para participar nestas actividades están abertas e poden realizarse no departamento de Deportes, situado na Casa da Cultura.

O noso concello, ofrece espazos de encontro e diversión para persoas de tódalas idades. Ademáis, a iniciativa conta coa colaboración de varias entidades locais que achegarán recursos e voluntarios para asegurar o bo desenvolvemento de todas as actividades.Tamén destacan as propostas dos clubes locais con iniciativas durante estos meses estivais.

Con esta oferta, Negreira reafirma o seu compromiso co benestar e a súa aposta por un verán activo e participativo, onde o deporte e a convivencia serán os protagonistas.

Actividades destacadas:

I TORNEO INTERPARROQUIAL FÚTBOL 7 - Sábado 4 de xullo (Campo de Cepelo)

- CRISTOLIMPIADAS 2026 - Sábado 24 de xullo (Piscina de O Coto)

TORNEO INTERNACIONAL DE PETANCA - Sábado 8 de agosto (Pistas Municipais de Petanca)

- TORNEO FÚTBOL CAMIÑO FISTERRA – Venres 14 de agosto (Campo de Cepelo)

- FESTA DA AUGA - Venres 28 de agosto (Parque de O Coto)

- II CARREIRA DO ROMÁNICO - Sábado 5 de setembro (Pazo do Cotón)

- WAKAU URBAN FEST - Venres 11 setembro (Parque do Coto)

- XIX DIA DA BICICLETA - Sábado 12 setembro (Rúas de Negreira)

A ESCOLA DE MÚSICA ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN

A Escola Municipal de Música de Negreira (EMMN) abre o proceso de inscrición para o vindeiro curso 2026-2027. A oferta formativa está dirixida a nenos e nenas a partir dos 4 anos, así como a persoas adultas que desexen iniciarse ou continuar coa súa formación musical.

Prazos de matrícula:

  • Renovación de matrícula: Para o alumnado que xa estivo matriculado, o prazo esténdese do 22 de xuño ao 3 de xullo.
  • Novas matrículas: Para todas aquelas persoas interesadas en incorporarse á escola, o prazo estará aberto do 6 de xullo ao 4 de setembro.

Como formalizar a matrícula: O trámite deberá realizarse no Rexistro Municipal, xa sexa de forma presencial nas oficinas municipais ou de xeito telemático a través da Sede Electrónica do Concello de Negreira.

Presentación do curso: A presentación oficial do curso e a asignación de horarios individuais terán lugar o venres 11 de setembro, ás 18:00 horas, no Auditorio Afonso Eanes do Cotón.

Para calquera dúbida ou ampliar información, os interesados poden poñerse en contacto a través do enderezo electrónico: escolamusicanegreira@gmail.com.

XIX Feira do Románico

O desfile de fachos abre a XIX Feira do Románico 

A vila de Negreira adiantou a súa dezanove edición da Feira do Románico para a última fin de semana de xuño, sumando un maior número de paradas de artesáns ao seu mercado medieval e con novidades como o desfile de fachos o primeiro día, o venres 26 desde as dez e media da noite, na honra ao persoeiro máis importante da vila durante a época medieval como é o trovador, Afonso Eanes do Cotón. O desfile sairá dende a rúa do Carme, diante da Casa do Concello. 

 A apertura da Feira do Románico producirase o venres a partir das seis da tarde. Os tres días haberá espectáculos itinerantes de música e malabares como Camiñantes brancos; Familia Bernárdez; cazadores de dragóns ou diaños. Tralo desfile de fachos terá lugar o espectáculo aéreo Innana, no campo da feira. 

O sábado, o día grande

Ao mediodía inaugúrase a feira polas autoridades e súmanse espectáculos como a da exhibición de voo de aves de cetrería, na praza do Cotón, ou a presenza de Os bufóns da Corte. Na tarde-noite do sábado desfrutaremos de espectáculos itinerantes como o do Gran dragón (20:00 horas), aproximándonos ao gran momento do Románico. A apertura do mercado adiántase ás catro e media da tarde, ao igual que o domingo. O momento máis agardado será á noite co desfile Subumbra, de Troula Animación e que comeza ás 10:30 horas por espazo dunha hora. Baux, personaxe zancudo que guía entre as sombras aos seus súbditos e Blame, dende seu trono, xera o ambiente de caos a través da percusión e seus temas de estilo hardcore. Dous seres da escuridade «lobishome» e «Nosferatu», con ansias de apoderarse das almas que invaden seu espazo, percorren os camiños encadeados. Rex e Xuno pechan esta comitiva das sombras, achegando faíscas, luz e lume ao percorrido. E falando de lume, o gran colofón será o espectáculo de lume e cor, que a medianoite ofrece Pirotécnica López sobre o pazo do Cotón e digno de non perderse.

 Por último, o domingo segue a exaltación do románico con actuacións cada media hora, destacando a exhibición de voo (13 e 19 horas), e a clausura. Primeiro, co pasarrúas de todos os grupos ás nove e media da noite e a continuación, o espectáculo de lume Vulcano, de Zeltia, na praza do Cotón.   

 

PROGRAMA XIX FEIRA DO ROMÁNICO

XIX Feira do Románico
TEMPADA DAS PISCINAS AO AIRE LIBRE 2026

O Concello de Negreira informa que o mércores, día 1 de xullo, abrirán ó público para a tempada estival, as dúas piscinas municipais ao aire libre do Parque do Coto, prolongándose a tempada ata o día 13 de setembro.

O seu horario de apertura durante os meses de xullo e agosto, de 10:00 a 15:00 (para cursos e campamentos), e de 16:00 a 20:30 horas (público xeral). O prezo da entrada será de 1 euro.

Abonos

- Individual Mes: 20 €

- Individual Tempada: 34 €

- Familiar: 53 €

- Familiar Mes: 27 €

- Familia numerosa: 53 €

 

Cursos de natación

Durante os meses de xullo e agosto, de luns a venres, e en horario de mañá, haberá cursos intensivos de todos os niveis dende os 2 anos, mediante o pago dunha cota de 20 euros, entregándose o xustificante do ingreso bancario e maila solicitude cuberta, na Delegación de Deportes, na primeira pranta da Casa da Cultura (Carreira de San Mauro, 11), ou ben remitindo o impreso e mailo xustificante á seguinte dirección de enderezo electrónico: alvaro.lira@concellodenegreira.es

 

 Listaxe definitiva Campamento Urbano Respira

Faise pública a listaxe definitiva de persoas admitidas no Campamento Urbano Respira 2026, a cal se atopa dispoñible para a súa consulta no documento adxunto.


As familias adxudicatarias deberán proceder á formalización do pagamento e á presentación do preceptivo xustificante a través do Rexistro Xeral do Concello ou por medio da Sede Electrónica antes do 22 de xuño.


Entidades bancarias habilitadas:
•    Banco Sabadell: ES15 0081 2153 2400 0104 6411
•    Banco Santander: ES42 0238 8191 8806 6000 0870


Concepto de obrigado cumprimento: No documento de ingreso deberase especificar, o vindeiro texto:


Nome e apelidos da persoa participante seguido da expresión “Campamento Respira”.

 Inscricións en Madrugadores e Merendas

O Concello de Negreira abre do 16 ao 29 de xuño o prazo de inscrición para o programa Negreira Concilia, nos servizos de Madrugadores e Merendas, que se desenvolverán nas instalacións do CEIP O Coto durante o vindeiro curso escolar. As prazas son limitadas.


O obxectivo deste programa é facilitar a conciliación da vida familiar e laboral das familias do municipio, ofrecendo un servizo de atención e coidado aos menores nun contorno seguro e adaptado ás súas necesidades. 


Os servizos de Madrugadores e Merendas están dirixidos a menores con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.


Para poder acceder a estes servizos, é requisito indispensable que os menores estean matriculados no CEIP O Coto de Negreira.


Negreira Concilia Madrugadores
Prestarase de luns a venres, en días lectivos, durante o período escolar, no CEIP O Coto. O horario abranguerá desde as 7:30 horas ata o inicio das clases.


Negreira Concilia Merendas
Prestarase de luns a venres, en días lectivos, durante o período escolar, no CEIP O Coto. Consiste na ampliación do horario de saída do centro escolar tras o servizo de comedor en tres horas durante o período lectivo, de setembro a xuño.


Requisitos de acceso ao servizo
•    Familias empadroadas no Concello de Negreira.
•    Familias nas que ambos os proxenitores ou titores legais estean traballando ou en situación de busca activa de emprego ou formación laboral.
•    No caso dos servizos de Madrugadores e Merendas, poderán acceder a eles aquelas nenas e nenos que estean matriculados no CEIP O Coto.


Solicitudes
A solicitude de admisión tramitarase, preferiblemente, a través da sede electrónica (24 horas) ou no Rexistro do Concello (de 9:00 a 14:00 horas), xunto coa seguinte documentación complementaria:
•    Modelo normalizado de ficha de inscrición.
•    Libro de familia, sentenza ou resolución administrativa que acredite a relación xurídica entre ambos os proxenitores.
•    Xustificante da situación laboral (certificado de empresa, último recibo de autónomos e, no caso de persoas desempregadas, certificado de demandante de emprego).
•    Xustificante da necesidade do servizo por incompatibilidade horaria (certificado de empresa que acredite o horario laboral; certificado de demandante de emprego xunto co xustificante de realizar unha busca activa de emprego; ou xustificante de asistencia a accións oficiais de formación para o emprego coincidentes co horario de desenvolvemento dos programas ofertados na presente ordenanza).


O persoal técnico responsable do servizo, unha vez analizadas e aceptadas as solicitudes, publicará unha listaxe provisional para requirir a documentación complementaria ou adicional que sexa necesaria.


No caso de que as solicitudes superen o número de prazas ofertadas e todas cumpran os criterios establecidos, realizarase unha selección das familias por orde de inscrición.


Criterios de adxudicación das prazas
1.º Familias que acheguen informe social que indique a necesidade do servizo con base en circunstancias socioeconómicas e familiares.
2.º Familias con fillas ou fillos de mulleres vítimas da violencia de xénero (con acreditación).
3.º Familias monoparentais (con acreditación).
4.º Familias con menores en réxime de acollemento (con acreditación).
5.º Familias numerosas (con acreditación).
6.º Familias nas que os proxenitores, ou algún deles, teñan recoñecido un grao III de dependencia, debendo acreditar esta circunstancia mediante informe dos Servizos Sociais que indique a necesidade do servizo.
7.º Familias nas que algún dos proxenitores desenvolva o seu posto de traballo como empregado público no Concello de Negreira.


Tarifas
As tarifas dos prezos públicos aparecen recollidas na Ordenanza reguladora do prezo público do Programa Concilia 2026 do Concello de Negreira (BOP do 21 de maio de 2026, núm. 94) e serán as seguintes:


MADRUGADORES
•    1,20 € por hora.
•    Admitirase a utilización deste servizo por quincenas, se o límite de prazas así o permite, tendo prioridade a modalidade mensual.


MERENDAS
•    1,20 € por hora.
•    Admitirase a utilización deste servizo por quincenas, se o límite de prazas así o permite, tendo prioridade a modalidade mensual.


Reducións da cota
a) Redución por causas sociais acreditadas mediante informe social do departamento de Servizos Sociais.
b) Redución por irmáns: cando asistan ao mesmo servizo varios irmáns de xeito simultáneo, o segundo irmán e os sucesivos terán un desconto do 50 %.
A obriga de pagamento dos prezos regulados nace desde o inicio da prestación dos distintos servizos. As persoas usuarias deberán efectuar o pagamento ao Concello unha vez admitidas no servizo correspondente.