infantil2

Infórmase da apertura do prazo para a renovación de matrícula e solicitude de novo ingreso, de nenos e nenas, de 0 e 3 anos de idade, na Escola Infantil Municipal para o curso 2026-2027.

O prazo de renovación de matrícula vai do día 1 ó 15 de abril, e o de novo ingreso, do 1 ó 30 de abril. O lugar de tramitación é na propia escola en horario de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres.

A documentación necesaria pódese consultar a continuación, así como descargar os modelos de inscrición.

pel_deputacion

O Concello de Negreira publicou as bases de selección de persoal laboral de carácter temporal durante sete meses para prestar servizos básicos municipais, ao abeiro do Programa PEL-Concellos 2026 que financia a Deputación da Coruña. 

As prazas ofertadas son: catro albaneis, oficiais de 1ª e 2ª.

Titulación requirida:

  • Certificado de escolaridade ou equivalente
  • Permiso de conducir tipo B
  • CELGA 1: en caso de non estar en posesión do título contémplase a posibilidade de presentarse a unha proba.

O sistema selectivo elixido é o de concurso-oposición.

Prazo de presentación: 10 días naturais a contar dende o seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (ata o luns 6 de abril, ás 14:00 horas), no Rexistro Xeral do Concello de Negreira. 

Consulta as bases completas do proceso aquí. 

oficina_retorno

O vindeiro 24 de marzo a Oficina Móbil Retorno da Xunta de Galicia desprazarase ao Concello de Negreira para ofrecer atención presencial ás persoas emigrantes retornadas e ás súas familias.

A atención terá lugar na Praza do Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas, no marco dunha iniciativa cofinanciada pola Unión Europea que busca facilitar información e asesoramento técnico para favorecer a integración sociolaboral das persoas que regresan a Galicia.

Durante a xornada, persoal especializado prestará atención individualizada sobre os programas da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, abordando cuestións como trámites administrativos, asistencia sanitaria, vivenda, formación e distintas axudas, entre elas as de autoemprego, gastos de retorno e bolsas BEME e Retorna Talento FP.

Para máis información, as persoas interesadas poden consultar https://emigracion.xunta.gal ou chamar ao teléfono gratuíto 900 102 380.

imaxe-mofa-e-befa

Mofa e Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira), aparecen no ano 1992 asaltando, literalmente, o palco da desaparecida Sala Nasa, en Compostela. Moita xente cando escoita a expresión: Os dous de sempre, identifica a Mofa e Befa. E a Castelao non lle parece mal.

O primeiro semestre da Rede Galega de Teatros, eiquí en Negreira, achéganos o venres 27 de marzo o regreso aos escenarios deste dúo cómico fundado hai trinta anos por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira e que son parte do fecundo río do humor galego que ten a súa fonte nos bufóns e no escarño medievais, e ao que tamén pertence o humor de Castelao.

Un espectáculo de Producións Teatráis Excéntricas encadrado no xénero da comedia e cunha duración de noventa minutos dirixido a maiores de 13 anos, que aterra no auditorio Afonso Eanes do Cotón, o venres 27 dende as 21:00 horas.

Mofa e Befa pertencen á estirpe dos pallasos de circo, dos artistas do cinema mudo, dos canallas do cabaret, que decídense a encarnar duas personaxes de papel, concebidos por un humorista gráfico: Os dous de sempre.

Autores:  Quico Cadaval  e Carme Varela (versión libre de Os dous de sempre de Castelao e da súa produción de humor gráfico).

Entradas: www.woutick.es ou Delegación de Cultura (mañás)

Prezos: 5€ xeral / 3,50€ carné xoven e +60 

imaxe-entrega

O Concello de Negreira inicia unha nova campaña de compostaxe doméstica, coa que busca fomentar a correcta xestión dos biorresiduos nos fogares e promover prácticas máis sostibles no municipio.

A primeira entrega de composteiros terá lugar o luns 23 de marzo, ás 11:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura nunha sesión informativa na que as persoas participantes recibirán formación básica para comezar a compostar no seu fogar.

Esta iniciativa permitirá que os veciños e veciñas con pequeno terreo poidan transformar os seus restos orgánicos en abono natural de alta calidade, reducindo así a cantidade de lixo que chega ao colector e contribuíndo a unha economía circular máis eficiente enNegreira.

O Concello facilitará aos fogares participantes un composteiro de balde, formación e acompañamento, para garantir unha correcta posta en marcha e seguimento do proceso.

Nas vindeiras semanas celebraranse novas sesións en diferentes puntos do municipio, que serán anunciadas a través dos canais oficiais do Concello. A inscrición continúa aberta para aquelas persoas interesadas en participar na campaña.

As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: negreira.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – NextGeneration EU, e forma parte da aposta do Concello de Negreira por un modelo de xestión sostíbel e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.

Concilia semana santa

O Concello de Negreira abre o prazo de inscrición para o programa Concilia Semana Santa, que terá lugar no Centro Sociocultural os días 30 e 31 de marzo, e o 1 e 6 de abril. O servizo funcionará en horario de 8:30 a 14:30 horas, facilitando a conciliación das familias durante o período non lectivo mediante actividades lúdicas e educativas.

As inscricións poderán realizarse do 12 ao 18 de marzo a través da sede electrónica municipal ou no rexistro do Concello, e dado que as prazas son limitadas, recoméndase facer o trámite canto antes para asegurar a participación.

Para máis información ou consultas, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 881 035 154 ou 881 035 155.

pilucha

O Concello de Negreira, a través do Centro de Información á Muller (CIM), renderá homenaxe o vindeiro venres, 6 de marzo, á taberneira Pilar García Caamaño, máis coñecida como Pilucha do Piolo, distinguíndoa co Premio 8 de marzo na súa décima edición. O acto de entrega terá lugar ás 20.00 horas no auditorio Afonso Eanes do Cotón, no marco da programación organizada pola entidade con motivo do Día Internacional da Muller.

Pilar García naceu en 1945 na parroquia de San Pedro de Gonte, onde creceu vencellada á taberna O Piolo, establecemento familiar aberto ese mesmo ano e que co paso do tempo se ía converter en todo un símbolo na parroquia. Tal e como ela mesma sinalou “nacín nunha taberna e teño espírito de taberneira”, unha frase que resume unha vida enteira detrás da barra.

Tras asumir o legado familiar, estivo á fronte do negocio durante décadas, converténdoo nun punto de encontro veciñal. Ata a súa xubilación no ano 2010, O Piolo foi máis ca un bar: foi punto de encontro e convivencia, de celebración e de memoria en Gonte.

Coa concesión deste Premio 8M, desde o Centro de Información á Muller buscan “poñer en valor a súa traxectoria profesional nun contexto histórico de importantes dificultades económicas e sociais”. Aseguran que se trata “de todo un exemplo, xa que o seu labor contribuíu á actividade da parroquia dunha maneira moi significativa. A súa figura representa o papel fundamental que moitas mulleres desempeñaron no desenvolvemento do tecido económico local”.

A programación

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o CIM Negreira deseñou unha ampla programación de actividades que se desenvolverá nos próximos días coas que se busca promover a igualdade e visibilizar o papel das mulleres na sociedade.

A programación comezará o xoves, 5 de marzo, coa proxección de ‘Thelma & Louise’ no auditorio da Casa da Cultura. O venres, 6 de marzo, farase a entrega da X edición do Premio 8 de marzo a Pilucha do Piolo.

Á semana seguinte, o venres 13 de marzo, terá lugar o contacontos ‘A viaxe de Maruxiña’ de Olga Abad no auditorio da Casa da Cultura. Será ás 18.00 horas con entrada de balde. Ese mesmo día, ás 21.00 horas, será a quenda do teatro con ‘Brokeback Sabucedo’ no auditorio Afonso Eanes do Cotón. Neste caso é necesario sacar entrada en Woutick.es ou na delegación de Cultura.

Durante os meses de marzo, abril e maio desenvolverase o taller ‘Muller e benestar emocional’, que inclúe diferentes obradoiros. O primeiro será o sábado, 7 de marzo, onde as persoas participantes poderán desfrutar dunha experiencia sensorial a través da degustación de produtos gastronómicos vinculados á figura de Rosalía de Castro. O seguinte será un ‘Baño de Bosque’ o 11 de abril, ao que continuará un Obradoiro de arteterapia e movemento corporal o día 25. Por último, o 9 de maio terá lugar un baño de son con musicoterapia e aromaterapia. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente no 881 035 154 e 881 035 155 ou a través do correo electrónico cim@concellodenegreira.es, xa que as prazas son limitadas.

cartaz 8m
baloncesto escolar

O sábado 28 de febreiro e o domingo 1 de marzo Negreira vaise a convertir no “epicentro” do baloncesto de base coa disputa da copa Galicia feminina e o Baby Basket 2026.

O primeiro día será o turno da categoría mini feminio cos partidos de algúns dos mellores equipos de baloncesto de Galicia como son o Baxi Ferrol ou o 6 de Nadal de Vigo. As anfitrioas do Deleite Ledicia van a tratar de competir e poñerllo dificil os seus rivais nesta xornada emocionante no Pavillón de Pedra Mámoa.

12:00 h. -  Deleite Ledicia Vs  6 Nadal Vigo 

16:00 h. – Baxi Ferrol Vs 6 Nadal Vigo

Na xornada dominical os máis pequenos serán os protagonistas do Torneo Baby Basket coa presenza de 14 equipos da comarca de Santiago que xogarán partidos simultaneos en 2 pistas dende as 10 da mañán.

Estas dúas xornadas están enmarcadas na campaña de promoción do baloncesto, organizado pola Federación Galega de Baloncesto en colaboración con Baloncesto Galdea e o Concello de Negreira.

- Copa Galicia feminina (Mini Feminino) -  Horarios

- Baby Basket 2026 (Negreira) – Horarios

malasombra

Esta comedia chega este venres 27 ao Auditorio Afonso Eanes do Cotón, da man de Malasombra Producións, a partir das 21:00 horas, dentro do que é a segunda proposta do ciclo de teatro do primeiro semestre de 2026 da Rede Galega de Teatros e Auditorios, na que Negreira participa por segundo ano consecutivo.

En 1880, o bispo de Ourense denuncia a Curros Enríquez por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.

A partir destes feitos históricos, Cándido Pazó constrúe unha peza teatral que, en ton de sainete cómico protagonizado por unha galería de personaxes populares do Ourense de finais do XIX, aborda con frescura e desenfado, pero con rigor e reflexión, a cuestión do hoxe en día chamado lawfare, así como outros temas (a lingua, a cultura, a identidade...) que seguen vixentes na actualidade.

Cándido Pazó escribiu e dirixe esta proposta que conta con Jouse García, Marcos Orsi, Paula Pier e Xoque Carbajal sobre o escenario a darlle vida a once personaxes diferentes. A peza partiu da publicación do Consello da Cultura Galega e o Colexio de Avogados de Ourense, do proceso penal a Manuel Curros Enríquez (1880 – 1881), que recolle as actas oficiais do proceso canda a un prólogo e un estudo. O pasado mes de setembro, Celanova acollera tamén a estrea de O Rexurdimento do Divino Sainete da compañía LaGriot'te, que tamén trataba o xuízo a Curros.

Prezo: 5€ público en xeral e 3,5€ para carné xove e maiores de 60 anos

Público: adultos +14

Duración: 75 minutos

MIGRANTES

O Concello de Negreira, en colaboración coa ONGD SenValos, organiza unha xornada informativa dirixida a persoas migrantes en situación administrativa irregular e a solicitantes de protección internacional (asilo), co obxectivo de ofrecer información clara, práctica e actualizada sobre o proceso de regularización extraordinaria previsto para 2026.

A sesión terá lugar o mércores 11 de febreiro, ás 11.00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura de Negreira, con entrada libre ata completar aforo.

Durante a xornada explicaranse os requisitos, prazos, documentación necesaria e criterios xerais establecidos polo Goberno. Entre outros aspectos, informarase de que, con carácter xeral, será preciso acreditar unha permanencia continuada mínima de cinco meses, residencia en España antes do 31 de decembro de 2025 e carecer de antecedentes penais. No caso das persoas solicitantes de asilo, poderá ser suficiente ter presentada a solicitude antes desa data e poder acreditalo.

A sesión contará cun espazo para resolver dúbidas e ofrecer orientación práctica sobre as canles oficiais de información.

Esta actividade enmárcase no Programa de Mediación Intercultural de Negreira, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo Plus (FSE+), dentro do Programa FSE+ Galicia 2021–2027, coa participación da Xunta de Galicia.

O Concello de Negreira, xunto con SenValos, subliña a importancia de proporcionar á cidadanía información fiable e práctica, especialmente nun momento no que os prazos e requisitos poden xerar incerteza.