Novos cursos de galego

O Servizo de Normalización Lingüística dos concellos de Negreira e A Baña impulsa este outono dúas novas propostas destinadas a facilitar a aprendizaxe, o uso e a socialización en lingua galega, con actividades pensadas especialmente para aquelas persoas que queren achegarse ao galego, mellorar a súa expresión oral ou incorporar a lingua ao seu día a día.

A primeira das iniciativas é un curso de introdución á lingua e cultura galegas en Negreira, dirixido a persoas maiores de 16 anos que se achegan por primeira vez ao galego. A formación terá unha duración de 20 horas, será totalmente gratuíta e desenvolverase de maneira presencial na Casa de Cultura de Negreira.

As sesións terán lugar os mércores e xoves, entre as catro e as seis da tarde, desde o mércores 14 de outubro ata o xoves 12 de novembro. Ao longo do curso, as persoas participantes adquirirán unhas nocións básicas de lingua galega e tamén coñecerán diferentes aspectos da cultura de Galicia, como as festas e tradicións, a gastronomía ou a música. Ao remate da formación, o alumnado recibirá un diploma acreditativo de participación.

Para participar é necesaria inscrición previa. O prazo permanecerá aberto ata o 2 de outubro e hai un total de 20 prazas dispoñibles. As solicitudes, unha vez cubertas e asinadas, poden enviarse ao Servizo de Normalización Lingüística ou presentarse presencialmente na Casa de Cultura de Negreira.

E xunto a esta formación, o Servizo de Normalización Lingüística pon en marcha unha segunda proposta: “Falarmos... nós!”, un grupo de conversa en galego promovido pola Deputación da Coruña, pensado para crear un espazo próximo e acolledor no que falar, escoitar, socializar e compartir experiencias en galego.

O primeiro encontro será o mércores 30 de setembro, de seis a sete da tarde. Non se trata dunha clase convencional, senón dun espazo de conversa no que non haberá leccións nin deberes. A intención é que as persoas participantes poidan falar con naturalidade, expresar as súas opinións, formular dúbidas, equivocarse e ir gañando confianza no uso da lingua.

O grupo estará formado por un número reducido de participantes e contará cunha ou dúas persoas dinamizadoras que propoñerán diferentes temas e facilitarán a participación de todo o mundo. Poderanse abordar cuestións relacionadas coa cultura, a actualidade, a música, os libros, as viaxes ou as propias experiencias persoais.

A actividade está aberta tanto a persoas que saben falar galego pero non o utilizan habitualmente como a aquelas que están aprendendo e queren gañar soltura. O único requisito é entender o galego e ter ganas de participar.

As inscricións para “Falarmos... nós!” abriranse o luns 7 de setembro ás nove da mañá. Poderán realizarse presencialmente na Casa da Cultura de Negreira ou na Casa do Concello da Baña, así como a través do correo electrónico snlabananegreira@gmail.com ou nos teléfonos 981 88 65 01 e 981 88 58 86, en horario de oito da mañá a dúas da tarde.

ESCOLAS DEPORTIVAS 26/27

O Concello de Negreira oferta máis de 20 actividades deportivas para nenos e adultos, en distintos horarios e localizacións. Ata o día 30 de setembro podes facer efectiva a túa inscrición na Delegación de Deportes (Casa da Cultura), en horario de mañá.

            1.- Para realizar a matrícula en calquera actividade, debes levar a cabo os seguintes pasos:

            a.- Cubrir a folla de inscrición das actividades que che interesen

b.- Entregar a folla de inscrición cuberta, na Delegación de Deportes ou enviar escaneado o documento ao email: alvaro.lira@concellodenegreira.es

c.- Pagar a cota de inscrición na conta bancaria do Concello de Negreira.

IBAN: ES33 2080 0305 0131 1000 0021 (Abanca)

IBAN: ES15 0081 2153 2400 0104 6411 (Sabadell)

2.-No recibo debes indicar nome do/a alumno/a e actividade/es.

3.-Prezos:

  1. -1 actividade: 80 €
    1. -2 actividades: 140 €
    2. -3 actividades: 195 €
    3. En caso de ser familia directa (pais/fillos):
      1. -2 irmáns: 140 €
      2. -3 irmáns: 195 €

4.- Tes que enviar copia do recibo ao email:, ou entregala de forma presencial na oficina de Deportes.

5.- Para dúbidas podes chamar ó número: 981 885 886

6.- As clases comezan o 1 de outubro.

7.-As actividades desenvolveranse entre os meses de outubro de 2026 e maio de 2027, ambos incluídos. As clases impartiranse principalmente en horario de tarde e coincidirán co calendario escolar, polo que non haberá actividades durante as vacacións lectivas nin nos festivos locais, autonómicos ou estatais.

snl.png

Informámos da volta do servizo de Normalización lingüística co que retómanse diferentes programas co obxectivo de fomentar o aumento do uso e do prestixio da lingua galega, nun servizo compartido entre os concellos de Negreira e A Baña

Os seguintes proxectos son os principais programas nos que se focalizará a acción do servizo: as ordenanzas municipais reguladoras do impulso do uso do galego; o programa Apego xunto co proxecto Maimiños e Furabolos; o Club de Debate Alingua e cursos de Acollemento Lingüístico, xunto con grupos de conversa en lingua galega, ademais dalgunha actividade ou obradoiro que se desenvolva nos centros educativos da comarca.

Ao longo das vindeiras semanas iranse anunciando cada un dos proxectos a desenvolver. Para maior información non dubidedes en poñervos en contacto co Servizo de Normalización Lingüística, sexa presencialmente na Casa da Cultura, na vila de Negreira (martes e xoves), ou na Baña (luns, mércores e venres). Máis información a través do correo electrónico: snlabananegreira@gmail.com.

Cambios na Televisión Dixital Terrestre

A Xunta de Galicia está poñendo en marcha unha serie de actuacións para realizar os cambios necesarios para cumprir coa Fase 1 do proceso de evolución tecnolóxica da TDT nos centros de extensión de cobertura do sinal de TDT. Infórmase que ditas actuacións realizaranse o luns, día 31 de agosto nos centros de extensión de cobertura de Pedreira e Trece; o martes 1 de setembro no centro de extensión do monte da Pena, e o xoves 3 de setembro no centro de Agrón, do concello de Ames. 

As actuacións consisten en:

Apagamento nos referidos centros da frecuencia de emisión do múltiple RGE2 (La 1 UHD, Clan, Dkiss), que se emite actualmente na canle 42, e o acendido do múltiple MPE4 na canle 45 (Boing, Energy, Mega, Trece). 

Unha vez rematada a actuación, cando se inicie a Fase 1 con data prevista para o próximo 5 de novembro, os centros da Pena e Trece pasarán a emitir as seguintes canles:

Canle 22 (RGE1): TVE1, TVE2, Clan, 24h, TDP (Teledeporte)

Canle 28 (MPE3): T5, Cuatro, FDF, Divinity, BeMad

Canle 38 (MPE2): A3, La Sexta, Neox, Nova, A3series

Canle 40 (MUX AUTONÓMICO): TVG, G2, TVG UHD. 

Canle 45 (MPE4): Boing, Energy, Mega, TreceTV

Canle 46 (MPE1): Squirrel, Squirrel 2, Dmax, Veo7)

E o centro de Pedreira pasará a emitir as seguintes canles:

Canle 22 (RGE1): TVE1, TVE2, Clan, 24h, TDP (Teledeporte)

Canle 28 (MPE3): T5, Cuatro, FDF, Divinity, BeMad

Canle 33 (MUX AUTONÓMICO): TVG, G2, TVG UHD.

Canle 38 (MPE2): A3, La Sexta, Neox, Nova, A3series 

Canle 45 (MPE4): Boing, Energy, Mega, TreceTV

Canle 46 (MPE1): Squirrel, Squirrel 2, Dmax, Veo7

A veciñanza que reciba o sinal de TV destes centros deberá realizar unha busca das novas canles no receptor de TDT. No caso das comunidades de veciños, pode ser necesario axustar a instalación colectiva para asegurar a calidade da recepción.

No caso de dúbida, a veciñanza poderá confirmar tanto o centro emisor como a calidade da cobertura da TDT por vía telefónica -881 866 388- ou na web www.tdtgalicia.gal.

 

A rúa Fonte do Carme pecharase ao tráfico o luns 17 de agosto por obras

O proxecto de mellora da rúa Fonte do Carme consistente na renovación de colectores subterráneos e a capa de rodadura, obriga a cortar totalmente á circulación de vehículos, a partir do LUNS 17 DE AGOSTO e durante o tempo que duren os traballos. Igualmente, tampouco poderá estacionarse na rúa e a entrada e saída dos garaxes queda restrinxida puntualmente.

A alternativa para o tráfico será continuando pola avenida de Santiago (tramo Casa Barqueiro e farmacia), con xiro obrigatorio á dereita pola rúa do Carme (Casa do Concello), en dirección contraria ó habitual para logo conectar coa rúa Camiño Vello e a rúa de Castelao. 

Vehículos pesados

O tráfico de camións (máis de 3,5 toneladas) polo centro urbano será desviado a través da Variante de Negreira dende a rotonda de acceso na zona de A Barquiña e dende o Campo da Feira. 

PLANO CAMBIOS

 

Cambio parada de bus

Infórmase á veciñanza e visitantes que a parada do transporte de viaxeiros pasará a estar situada provisionalmente e mentres duren as obras, na avenida de Santiago (abaixo de Ferretería Ferreiro), facilitando así, a circulación dos buses de entrada e saída do centro urbano. 

Todos os cambios e desvíos alternativos estarán perfectamente sinalizados. Pregamos a colaboración da veciñanza e desculpen as molestias que uns traballos tan necesarios poidan ocasionar. 

Concerto a dúas bandas

A Banda Ateneo de Negreira protagonizará este sábado un concerto moi especial xunto ao Centre Estudi Musical d'Almàssera, unha agrupación da Comunidade Valenciana que estes días se atopa na vila participando nun intercambio musical coa formación negreiresa.


Baixo o título de "Concerto a dúas bandas", ambas agrupacións compartirán escenario para ofrecer un repertorio conxunto nunha actuación que servirá para estreitar os lazos de amizade e colaboración entre os dous colectivos a través da música.


A cita será o sábado, 1 de agosto, ás 20.00 horas, no Auditorio Afonso Eanes do Cotón.
 

cristobaliño

O Entroido de Verán do Cristobaliño volverá converter Negreira nunha gran festa cun programa de actividades que cada ano incorpora novas propostas e consolida outras xa tradicionais. Organizado pola Asociación Negreira Viva, este evento, xa é unha das citas máis destacadas do verán, reunindo a centos de persoas.


Mañá, sábado 25, a xornada comezará cunha das novidades deste ano: a Sesión Vermú, que contará coa actuación de Los Jinetes del Trópico e coa celebración do Nicravisión Júnior, un espazo no que os máis pequenos demostrarán o seu talento sobre o escenario.


Pola tarde chegará un dos momentos máis agardados coa Festa da Auga, no Campo da Feira, antes de dar paso ao desfile do Cristobaliño no seu tractor ata a Praza do Concello.


A continuación celebrarase unha nova edición do Nicravisión, o xa tradicional concurso de playbacks que premia as mellores actuacións e caracterizacións, antes dunha noite de concertos cun cartel de primeiro nivel.


O escenario do Cristobaliño contará coa actuación de Fuego Lolita, banda gañadora do certame de Novos Valores do Festigal 2026 e na que canta a negreiresa Lara López; dos noieses Monoulious DOP; e do mítico dúo Azúcar Moreno.


O peche da festa correrá a cargo do DJ Bacardit e do xalleiro Lg1do, artista revelación da música urbana galega.


Liñaio celebra a súa Festa da Zorza


Como alternativa para quen busque unha proposta máis tradicional, a parroquia de Liñaio acolle esta fin de semana a Festa da Zorza e os festexos na honra da Virxe das Dores.


O sábado, desde as 20.00 horas, haberá unha degustación de zorza con pan e viño do país, amenizada polo Dúo Explosión e coa actuación da cantante Adriana Vigo.


Xa o domingo celebraranse o día das Dores, coa misa solemne ás 12.30 horas, seguida da tradicional sesión vermú, que nesta edición estará amenizada pola Charanga Santa Compaña.
 

Obras de mellora na Avenida de Feiraco

O Concello de Negreira informa á veciñanza de que, con motivo das obras de mellora do firme na Avenida de Feiraco, os vindeiros mércores 22, xoves 23 e venres 24 permanecerá cortado o acceso ao tráfico de vehículos nesta vía.

Durante estas tres xornadas estará tamén prohibido estacionar en toda a Avenida de Feiraco, polo que se solicita a colaboración da veciñanza para que retire os seus vehículos con suficiente antelación, evitando así incidencias e facilitando o desenvolvemento dos traballos previstos.

As actuacións comezarán coa limpeza integral da vía e, unha vez rematada esta fase, procederase ao aglomerado de toda a rúa, uns traballos necesarios para mellorar o estado do pavimento e reforzar a seguridade e a comodidade da circulación.

O Concello agradece de antemán a comprensión e colaboración de todas as persoas afectadas e pide desculpas polas molestias temporais que estas actuacións poidan ocasionar, lembrando que se trata dunhas obras destinadas a mellorar unha das principais vías no centro  da vila.

Noites en Vela 2026

A Ponte Maceira volverá converterse no sábado 18 de xullo nun escenario único coa celebración dunha nova edición das Noites en Vela, unha cita cultural organizada conxuntamente polos concellos de Ames e Negreira que, desde 2016, pon en valor este enclave patrimonial e paisaxístico situado no Camiño de Fisterra-Muxía.

A partir das 21.00 horas, o público poderá gozar das actuacións do cuarteto Balteira e do grupo de gaitas da Asociación Cultural Follas Novas de Ames. A programación completarase cun espectáculo pirotécnico que servirá de peche á velada.

Os alcaldes de Negreira, Manuel Ángel Leis, e Ames, Blas García, destacaron a importancia desta iniciativa para promocionar un espazo tan emblemático como A Ponte Maceira, declarada Ben de Interese Cultural e integrada na rede dos Pobos Máis Bonitos de España.

Noites en Vela 2026

 

 

 

Convocatoria de pleno ordinario

O Concello de Negreira informa de que o vindeiro luns 13 de xullo de 2026, ás 21:00 horas, terá lugar na Casa do Concello a sesión ordinaria do Pleno da Corporación Municipal, co obxectivo de tratar os asuntos que se detallan na seguinte orde do día:

Orde do día:

  1. Primeiro. Dar conta dos Decretos de Alcaldía emitidos desde o último Pleno Ordinario: Decreto nº 181/2026 ao Decreto nº 283/2026, ambos inclusive.
  2. Segundo. Ratificación do Decreto de Alcaldía nº 214/2026, do 21/05/2026, relativo á aprobación do proxecto "Aglomerado en Pesadoira". (Expediente Núm. 2026/G003/000222).
  3. Terceiro. Ratificación do Decreto de Alcaldía nº 216/2026, do 21/05/2026, relativo á aprobación do proxecto "Aglomerado en Gonte". (Expediente Núm. 2026/G003/000221).
  4. Cuarto. Ratificación do Decreto de Alcaldía nº 268/2026, do 17/06/2026, relativo á aprobación do proxecto "Rede de saneamento nos núcleos de Cancelo e Triáns en Cobas. Negreira". (Expediente Núm. 2026/G003/000277).
  5. Quinto. Ratificación do Decreto de Alcaldía nº 269/2026, do 19/06/2026, relativo á aprobación do proxecto "Aglomerado Pedra Mámoa". (Expediente Núm. 2026/G003/000278).
  6. Sexto. Ratificación do Convenio de colaboración subscrito entre os concellos de Negreira, A Baña, Santa Comba e Val do Dubra para a xestión de servizos e obras compartidos ao abeiro da convocatoria de subvencións para Obradoiros Duais de Emprego 2026. (Expediente Núm. 2026/A005/000002).
  7. Sétimo. Modificación da Ordenanza municipal reguladora do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Negreira. (Expediente Núm. 2026/G014/000002).
  8. Oitavo. Modificación da Ordenanza reguladora da Taxa pola prestación do Servizo público de Axuda no Fogar. (Expediente Núm. 2026/G016/000001).
  9. Noveno. Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do BNG en relación co Centro de Saúde de Negreira.
  10. Décimo. Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do BNG en relación co CEIP Plurilingüe O Coto.
  11. Décimo primeiro. Rogos e preguntas.