O Concello de Negreira presenta os actos co gallo do Día da Muller Traballadora (8 de marzo), os cales van ter lugar o venres 11 coa obra teatral ¨As fillas bravas¨, de Chévere, ás 21:00 horas e, mailo sábado 12 de marzo ás 20:00 horas co concerto do grupo Queicoa e maila presentación da Escola municipal de gaita, no Auditorio municipal. As entradas para ¨As fillas bravas¨, pódense retirar na Delegación de Cultura (primeiro andar Casa da Cultura), en horario de mañá. O prezo é de 2 euros.

 

As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.

Perspectiva de xénero

En escena: Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar. Dramaturxia e dirección: Xron. Escrita por Manuel Cortés é unha producción Chévere e coa que segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero, dando continuidade a traballos que cuestionaron a rixidez dos xéneros (Testosterona), que reivindicaron as voces silenciadas dunha forza de traballo feminina que segue levantando imperios económicos na era da globalización (Citizen), que promoveron unha lectura crítica dos valores machistas que transmiten as cancións románticas (I’ll be watching you). Nesa liña de traballo, ¨As fillas bravas¨ veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados.

As fillas bravas é tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflexados nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX.

As fillas bravas é un espectáculo para todos os públicos, pero xa temos comprobado que ofrece un aproveitamento lúdico e pedagóxico especialmente axeitado para dous segmentos de público moi interesantes á hora de crear e formar novos espectadores: Rapazas e rapaces de entre 14 e 18 anos, e maiores de 65 anos.

Músicas

As músicas usadas no espectáculo están inspiradas en cantos tradicionais recollidos en diferentes lugares de Galicia. Entre eles, "Pandeiretada" gravada no primeiro disco de Radio Cos e "Danza de Cerdeira", gravada no primeiro disco de Leilía.

powered by social2s