O Auditorio de Negreira acolleu o pasado venres 29 a entrega dos quintos Premios do Deporte can esta edición recaeron no dobre campión galego de tiro en compak sporting, e en percorridos de caza, Daniel Cebreiro García, veciño da parroquia de Liñaio e, para o cal foi o galardón ao mellor deportista de Negreira no pasado 2015 que lle foi entregado polo concelleiro de Deportes, José Daniel Casal Leis.

En categoría promesa, o atleta Azzid Saidi, do Atletismo Negreira, sexto no Campionato de España en 1.000 metros lisos e subcampión galego, recolleu o premio de mans de María del Mar García Vidal, concelleira de Emprego, Muller, Agricultura e Medio Ambiente, no apartado masculino. No feminino, foi a karateca, Ildara García Ruíz, da Escola Akai-Ryu, a galardoada na categoría promesa. Ildara acadou o pasado ano, o subcampionato galego de kata alevín, rematando nos primeiros postos en diversos trofeos galegos e nacionais, ademáis de pertencer ó Plan de Tecnificación da Federación Galega de Kárate.

O galardón de mellor club recaeu na Sociedade Deportiva Negreira polo seu campionato de Liga en Preferente Norte, o seu ascenso a Terceira División e, o título de campión galego de fútbol afeccionado. Os capitáns Óscar Vidal e Ángelo Liñares, xunto aos seus compañeiros Juan Diego e Diego Vidal, mailo presidente, José Antonio Fraga, e o adestrador, José Manuel Pose, recolleron o premio de mans da concelleira de Educación e Servizos Sociais, María Jesús Veiga Hortas.

O padriño da gala foi nesta ocasión David Palmas, o xogador do Santiago Futsal, sendo ovacionado por un auditorio ateigado de público, dado que a súa traxectoria deportiva é un claro exemplo do esforzo desde a base ata chegar ao máis alto no fútbol sala profesional.

Durante a velada entregáronse tres recoñecementos: o de mellor traxectoria que recaeu no aventureiro e alpinista, Rubén Suárez Carballo, entregado polo concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Ángel Leís Míguez; o de colaboración co deporte, á firma Autocares López que entregou o alcalde, Jorge Tuñas Caamaño e, o da entidade deportiva para o club Ciclista Negreira.

O concelleiro de Deportes, José Daniel Casal, felicitou aos deportistas polo seu esforzo e constancia, así como aos que posibilitan que o deporte en Negreira sexa unha dos acenos de identidade do noso municipio.

 

Actuacións 

Durante a gala non faltou o humor do cómico Pedro Brandariz, e mailo espectáculo de danza de Duelirium, quenes puxeron o toque artístico a unha gala pola que desfilaron as alumnas da escola municipal de ximnasia rítmica dirixidas por María Fernández, á vez que unha parodia en vídeo sobre o deporte, da man de Suárez e Suárez, sendo algúns dos momentos especiais da velada.

powered by social2s