Este mércores fóronlle entregados aos Servizos Sociais comunitarios do Concello de Negreira, os máis de dous mil quilos de alimentos da campaña solidaria emprendida a finais do mes de outubro pola Asociación de Amas de Casa de Negreira para axudar ás familias con menos recursos do municipio.

En total foron 2.044 quilos de produtos non perecedeiros coma aceite, pastas, lentellas ou galletas, doados polos negreireses, ao que hai que engadirlle, a doazón de leite entregado pola cooperativa Feiraco (40 caixas), xunto coa aportación da firma de estética Ana Mancebo, quen doou cincoenta litros de leite. As encargadas da campaña agradeceron en Radio Negreira, o esforzo que todos os anos realiza a parroquia de Portor, cuxa recaudación de alimentos entregan ás amas de casa.

 

Soledad de la Fuente, presidenta do colectivo promotor da campaña que por terceiro ano consecutivo lévase a cabo en Negreira, salientou a boa colaboración dos veciños e veciñas, á vez que agradeceu ó pobo de Negreira por sumarse a este tipo de iniciativas solidarias que non abundan e, que dixo, permitiu axudar a 90 persoas do noso concello, dentro das listaxes que manexan dende Servizos Sociais.

 

Xa nas pasadas festas do Nadal fixeron entrega aos Servizos Sociais comunitarios de 200 quilos de carne, doados por carnicería Suso.

powered by social2s