O Concello de Negreira anuncia a licitación da contratación dos servizos de cafetería na Casa da Cultura, cun prazo de concesión de catro anos, sen admisión de prórroga e mediante tramitación ordinaria.

 

 

O importe do canon será dun mínimo de 50 euros mensuais, nun procedemento aberto cun único criterio de valoración: factor prezo. Toda a documentación para optar a esta licitación pódese obter na Secretaría da Casa do Concello.

 

 

Máis información: http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2017/03/16/2017_0000001917.html

powered by social2s

O Concello de Nigrán acolle este venres 17 de marzo un acto en que sete novos concellos formalizarán a súa participación no proxecto Apego, de socialización da infancia en galego, que se amplía así a trinta municipios.

 

Alcaldesas, alcaldes, concelleiros/as e persoal técnico dos concellos participantes, entre eles, o de Negreira, acoden á Casa do Concello de Nigrán no acto de sinatura da addenda ao programa Apego, o proxecto para a socialización da infancia en galego que se puxo en marcha en 2015 desde os servizos de normalización lingüística (SNL) de 12 concellos, que vai medrando ano a ano, e que chegará neste 2017 a ser desenvolvido en 30 municipios.

 

As novas entidades que se incorporan a este programa de dinamización lingüística cooperativo son O Carballiño, Cee, Lugo, Nigrán, Ponteareas, Sada e Vilagarcía de Arousa, e súmanse así a Ames, A Baña, Carballo, Carnota, Coruña, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Teo, Santiago de Compostela, Vigo e Vimianzo.

 

Despois dos dous primeiros anos de vida deste proxecto dirixido a poñerlles en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitárllela con apoio, información, recursos, programación de actividades etc., súmanse sete aos 23 concellos que o están a desenvolver.

 

Deste xeito, o proxecto Apego chega agora a unha poboación que supera 1.300.000 habitantes, entre a que está a das sete cidades galegas e das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia.

 

Avaliación positiva

 

Desde os servizos de normalización lingüística (SNL) faise unha avaliación moi positiva do programa, tanto pola acollida ata o momento, como polo número de familias directamente implicadas –xa están adheridas formalmente arredor de 2.000–, polos recursos creados, pola participación nas actividades e polos resultados que se van percibindo.

 

Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos.

 

Para o proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia, a través do programa, facilítanselles ás familias materiais, tanto físicos (unha caixa de benvida cunha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo, un medidor, un disco de música infantil en galego de diferentes grupos e estilos, etc.) coma virtuais, con propostas de cancións, xogos, etc., a través do sitio web www.apego.gal, ou da serie de vídeos na rede en que o polbo Po lles ensina ás nenas e aos nenos cousas como xogos para aprender as partes do corpo, atar os cordóns, facer galletas en familia, etc. Ademais de facilitar materias, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais (charlas, obradoiros, etc.), e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas (concertos, contacontos, teatro, etc.).

 

Neste 2017 deseñaranse e desenvolveranse novas accións no marco deste programa.

 

Prema eiquí para coñecer máis sobre o programa:

www.apego.gal

www.facebook.com/apego.gal/

powered by social2s

Os alcaldes de Negreira e A Baña analizaron co presidente da Deputación os servizos de recollida de lixo e alumeado público que xestionan conxuntamente. Valentín González Formoso, recibiu hoxe no su despacho da institución provincial aos alcaldes de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, e A Baña, Andrés García Cardeso, municipios que integran a Mancomunidade de Concellos do Tambre. Á reunión asistiu tamén o deputado responsable da área de Economía e Facenda, Antonio Leira.

 

Jorge Tuñas e Andrés García Cardeso explicaron o funcionamento da entidade supramunicipal, creada en 1990 e que xestiona actualmente os servizos de recollida de lixo e mantemento do alumeado público de ambos os dous concellos, que suman máis de 11.000 habitantes, e analizaron co presidente provincial outros problemas aos que se enfrontan os municipios do rural como a xestión dos  servizos sociais en lugares con elevado envellecemento e dispersión xeográfica da poboación, ou o transporte comarcal.

 

 

Os rexedores solicitaron a colaboración da institución provincial para a adquisición dun novo vehículo con volquete, grúa e cesta articulada para destinalo a labores de mantemento do alumeado público, xa que a furgoneta que actualmente realiza estas labores ten case vinte anos de antigüedade. O investimento, segundo as estimacións realizadas polos alcaldes, sería de arredor de 60.000 euros.

 

 

Valentín González Formoso comprometeuse a estudar esta petición, que podería encaixarse a través do plan de apoio a mancomunidades e consorcios de concellos que prepara a institución provincial.

powered by social2s

A entrada ó Centro Sociocultural alberga dende este xoves 16 e até o día 31 de marzo, a 15ª Exposición fotográfica Can de palleiro, promovida dende o Club Can de Palleiro, raza autóctona galega, e baixo o lema: Pon un can de palleiro na túa vida!. A inauguración será este xoves día 16 de marzo ás 20.00 horas.

 

A maiores da mostra fotográfica, o xoves día 23 pola mañá desenvolverase no Auditorio, unha charla para nenas/os do CEIP O Coto sobre a responsabilidade que conleva o ter unha mascota.

 

Orixes da raza

 

Seguindo os programas impulsados pola Unión Europea para poñer en valor a biodiversidade das diferentes agrupacións raciais dos animais domésticos, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria (Dirección Xeral da Produción Agropecuaria) decidiu facer unha prospección para determinar a realidade da situación étnica nativa da especie canina en Galicia, posto que se tiña constancia visual e por referencias orais así como tamén escritas, da existencia de catro tipos de cans (un de pastor e tres de caza).

 

Ademais dos sondeos e as actuacións iniciais para pulsar a realidade existente, coa procura e localización dos primeiros exemplares, planificouse a extensión de devandita procura ás catro provincias galegas, coa colaboración dos veterinarios que realizaban as campañas de saneamento gandeiro, durante o desenvolvemento do seu traballo cotián a todo o longo do agro galego, recollendo as observacións sobre a presenza de posibles exemplares de can mediante a cumplimentación duns modelos de Fichas de Campo confeccionadas ad hoc, para cada posible animal que se asemellase ás características morfolóxicas das agrupacións raciales xa detectadas anteriormente, feito que contribuíu a complementar a procura inicialmente empezada e a detección en localizacións moi repartidas e extensas a todo o longo da xeografía de Galicia.

 

Do filtrado inicial realizado, tralo estudo de ditas fichas, realizouse unha segunda visita en todos aqueles animais que aparentemente encaixaban no modelo de procura, agora xa cunha observación máis pormenorizada e minuciosa, incluíndo apúntalas e medicións zoométricas preceptivas de xeito moi detallado e exhaustiva, ademais do fotografado, para aqueles exemplares que se axustaban ao prototipo buscado.

 

Máis info: http://www.clubcandepalleiro.com/es/

powered by social2s

Os habitantes de Negreira xa dispoñen dunha segunda pista de pádel, perfectamente equipada e con iluminación nocturna, no Comprexo Deportivo Municipal de Pedra Mámoa, cuxa inauguración levouse a cabo este pasado sábado cunha demostración desta modalidade deportiva, a cargo do alumnado da Escola Municipal de Pádel.

 

A segunda cancha para a práctica do pádel foi construida a carón da primeira e as pistas de tenis, grazas a unha achega de 12.000 euros da Deputación de A Coruña. Próximamente, tamén se vai a dotar dunha cuberta á primeira pista aberta no ano 2015 e cuxo investimento é de 56.265 euros, incluidos no Plan de Acción Social (PAS 2015).

 

 

No acto inaugural participaron o alcalde, Jorge Tuñas Caamaño, o concelleiro de Deporte e Xuventude, José Daniel Casal Leis, e mailo concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Ángel Leis Míguez, xunto co adestrador da escola de pádel, Manuel Villar.

 

A nova cancha de pádel xa está dispoñíbel para a cidadanía que pode facer uso da mesma, mediante unha solicitude na Delegación de Cultura e Deportes, en horario de mañá.

powered by social2s