Rede Araña, en colaboración co Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela e mailo Centro de Información á Muller do Concello de Negreira, iniciaron hoxe unha acción formativa de emprendemento para mulleres dentro do programa "Adiante rural", coa participación dunha ducia de veciñas da comarca de Barcala.

 

Este curso vaise desenvolver ata o venres 18 de decembro, tódalas mañás, en horario de nove da mañá ás dúas da tarde, na Casa da Cultura, e incluirá este xoves 17 a participación de Beatriz García Cibreiro, vicepresidenta de AJE para Santiago de Compostela, para un estimulante Networking.

 

A devandita acción formativa inclúe dúas partes diferenciadas: Unha primeira de motivación para a búsqueda de emprego, dunha duración de 5 horas, que inclúe motivación e reforzo, coaching motivacional, e habilidades sociais de aplicación no ámbito profesional; e unha segunda acción dunha duración de 20 horas en tres módulos: Liderado feminino; marketing online e axudas e subvencións para o emprendemento feminino no medio rural.

 

O acto de inauguración contou coa presenza da concelleira da Muller e Igualdade, María del Mar García Vidal, e maila directora do CIM, Rosa Fuentes Cambeiro.

 

powered by social2s

A Área de Turismo do Concello de Negreira presenta o novo logo de Turismo de Negreira, co patrimonio e a natureza como valores destacados. Trátase dunha imaxe composta por varios elementos. O máis destacado é o nome da vila e do Concello en cor negra. Por debaixo e con menor tamaño, a palabra “turismo” en cor verde. Acompañando as dúas palabras do logo, sitúase a imaxe, tamén coas cores verde e negra. Un conxunto que semella unha folla de carballo, coa parte superior representando o patrimonio negreirés, xa que pode intuírse o pazo do Cotón, protagonista e xerme da vila, ou a Ponte Maceira, flamante porta de entrada do Camiño no Concello de Negreira. A sombra do elemento superior en verde completa o conxunto nunha folla dunha típica árbore galega como é o carballo, que marca a importancia da natureza.

powered by social2s

eólicos

Ante o prazo de exposición pública ó que se somete actualmente toda a documentación aportada referente ao proxecto do Parque Eólico Banzas, promovido por Green Capital Power SL, dende o Concello de Negreira infórmase da posta a disposición da veciñanza, de un servizo de asesoramento xurídico para resolver calquera dúbida, e que tamén facilitará información relativa a dito procedemento en curso.


O horario previsto para a atención ó público será de 12.00 a 14.00 horas nas seguintes datas: venres 11; martes 15 e venres 18 de decembro, no Local Social da parroquia de Campolongo.


Infórmase que debido ao actual estado de emerxencia sanitaria pola Covid 19, e para evitar a aglomeración de persoas en espazos pechados, é necesario pedir cita previa nos seguintes números de teléfono: 881 035 142 (de 8.00 a 15.00 horas), ou no 673 249 477.

powered by social2s

Segundo a información publicada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), o número de novos contaxios diagnosticados por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA), nos últimos 14 días no noso concello é de 26 casos. En canto ao número de casos activos a día de hoxe, venres 11 de decembro é de 29 contaxios.

 

O Concello de Negreira pídelle á cidadanía o cumprimento das medidas hixiénicas e de protección fronte á pandemia, e que son as recomendadas polas autoridades sanitarias que no caso da Consellería de Sanidade, e tras analizar o subcomité clínico a situación epidemiolóxica na nosa comarca, acordou implementar unha vixilancia especial cando a outros 15 concellos galegos, e entre eles figuran os veciños municipios da Baña, Mazaricos e Santa Comba. Todos estes municipios continuarán, polo de agora, co mesmo nivel de restricións actual.

 

É moi importante seguir respectando as medidas sanitarias e de seguridade para poder continuar reducindo a cifra de contaxios no noso concello como xa sucedeu en ocasións anteriores durante a pandemia.

powered by social2s

A iluminación de Nadal no concello de Negreira quere sumarse ás iniciativas que estivemos a realizar durante o outono, conxuntamente coa Asociación de Empresarios de Negreira (ENe), de cara a fomentar o consumo no comercio e a hostalería da vila, máxime nesta época que é unha das máis importantes e especiais do ano. Tamén queremos axudar a levantar o ánimo entre a veciñanza, sobre todo entre os máis novos despois dun ano moi difícil debido ás circunstancias derivadas da pandemia sanitaria a nivel mundial, polo que un sorriso dos nenos e as nenas, é sumamente importante nunhas datas tan entrañables.

Non queremos esquecer a motivación especial que a iluminación das nosas rúas e tamén como é costume das parroquias, supoñen para a cidadanía á hora de animalos a facer as compras no noso pobo, xa que sabemos que non é o mesmo que non haxa luces para mercar e consumir nosos establecementos locais que se engalanan para a ocasión, e que tamén ofrecen descontos e un amplo surtido de produtos por estas datas.

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, María del Mar García Vidal e mailo concelleiro de Deportes, Novas Tecnoloxías e Participación Cidadá, Iván Guardo Porto, asistiron o acendido da iluminación de Nadal na árbore instalada na praza do Concello.

Por último, queremos animar a toda a veciñanza e aos profesionais do comercio e a hostalería, a sumarse a participar no concurso de decoración de Nadal, a través dun proxecto que contribuirá á participación activa do pobo de Negreira na tradición de Nadal e á posta en valor do comercio, a hostalería e o patrimonio cultural.

As inscricións son gratuítas e están abertas a toda a poboación maior de idade do concello de Negreira, así como a establecementos hostaleiros e comerciais con actividade emprazada no termo municipal.

Podes consultar as bases premando na seguinte ligazón: https://cutt.ly/2hk1EMK

powered by social2s