O pasado 30 de setembro botaba a andar o Programa de emprego mocidade 2020, promovido polo Concello de Negreira en colaboración cos concellos da Baña, Santa Comba e Val do Dubra. Con 45 actuacións previstas nos catro concellos participantes e combinando cos módulos de formación teórica e práctica de ambos certificados de profesionalidade, as actuacións avanzan favorablemente.

 

Así, o equipo de Fábricas de albanelería rematou en Negreira as prácticas de formigón e tabicado no campo de fútbol Jesús García Calvo; un acceso para persoas discapacitadas no local social de Portor e a colocación de bancos e mesas de pedra nunha parcela tamén no lugar de Santa María de Portor. Durante este mes de xaneiro, están a traballar no baixo da cuberta do centro social e da terceira idade de San Vicenzo da Baña. Está previsto que a primeiros de febreiro actúen en Bembibre, coa ampliación da Biblioteca Municipal do Concello de Val do Dubra.

 

Colocación de mesas e bancos en Portor

 

Ao mesmo tempo, o equipo de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería xa renovou por completo o invernadoiro e os bancais con plantacións de inverno no terreo da rúa Tedelle da Baña, xunto con traballos de mantemento nas zonas verdes de San Vicenzo. Antes do Nadal, comezaron en Negreira coa limpeza e mantemento da zona axardinada da avenida de Santiago e destaca a importante renovación feita diante do Centro de Saúde e o Parque do Coto.

 

Renovación diante do Centro de Saúde

 

Esta especialidade tamén tivo a oportunidade de facer unha visita formativa ao Centro de Formación e Experimentación de Guísamo, onde se procuraba que acadasen un coñecemento maior da diferente maquinaria que se emprega en xardinería, e outra a un viveiro en Valga (Pontevedra). Durante este mes de xaneiro de 2021, continúan os traballos de poda e mantemento nos catro concellos xunto coa creación de viveiros para a obtención de planta de tempada que se utilizarán para os diferentes axardinamentos que figuran no proxecto.

 

Dende a dirección do Programa de emprego mocidade 2020 queren sinalar e agradecer que ambas especialidades están a contar co apoio, para o desempeño das súas tarefas, das brigadas dos concellos participantes, co servizo de mantemento de alumeados públicos da Mancomunidade de Concellos do Tambre e con Protección Civil.

 

 Arranxo invernadoiro na Baña

 

Neste primeiro trimestre, no proxecto impartiuse xa parte da formación complementaria que determina o Servizo Público de Emprego como foron as materias de alfabetización informática (30h), sensibilización ambiental (9h) e prevención de riscos laborais (60h). Tamén están a traballar, ata o mes de marzo, co módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes que se fai coincidir con días sinalados como foi o 25 de novembro (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller), a publicidade sexista en campañas de Nadal ou para conmemorar, o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller. O alumnado traballador, durante todo o proceso formativo, recibe orientación, asesoramento, información profesional e formación empresarial.

 

O Programa de emprego mocidade 2020 está subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, cofinanciado polo pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil.

powered by social2s

DSC 0780

A Xerencia da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza programou para este domingo 17 de xaneiro, e a petición do Concello de Negreira, un cribado sanitario mediante probas PCR para un total de 775 persoas de sectores económicos coma comercio, hostalaría, talleres, e todo tipo de servizos, así como traballadores municipais.

 

O cribado levarase a cabo en horario de 9:00 a 20:30 horas, nas consultas de enfermeiría do Centro de Saúde (primeira planta), a través de dous equipos de enfermeiría desprazados a Negreira.

 

Todas as persoas anotadas previamente recibirán un SMS citándoas a unha hora concreta. Para unha mellor organización do dispositivo prégase á veciñanza que acuda á hora citada ou como máximo cinco minutos antes para evitar aglomeracións na entrada ás dependencias sanitarias.

 


Actualización de datos

Dende o Concello de Negreira queremos enviar unha mensaxe de ánimo e desexarlle unha pronta e boa recuperación, a aqueles veciños e veciñas que actualmente están diagnósticados coa enfermidade. Cómpre sinalar que a día de hoxe, venres 15 de xaneiro, son 26 os casos activos en Negreira, segundo informan as autoridades sanitarias. Na incidencia acumulada dos últimos 14 días, o Servizo Galego de Saúde (Sergas), informa hoxe de 28 contaxios detectados mediante Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA).

powered by social2s

Foto xoguetes

O Servizo de Voluntariado do Concello de Negreira rematou a súa campaña solidaria de agasallos de Reis, para que ningún neno e nena do noso concello quedase sen o seu xoguete e agasallo pola festividade de Reis, baixo o lema: "Por un Nadal sen diferenzas".

 

A participación nesta campaña é anónima, polo que as persoas participantes recibiron unha carta na que unha nena ou un neno, pedía varios agasallos, mercando só un deles, dun valor igual ou inferior a 30 euros.

 

Segundo informou a coordenadora do Voluntariado, Laura Platas, a resposta da veciñanza foi "moito mellor do agardado", pois cubríronse todas as demandas "dun total de 38 rapaces e rapazas de ata 14 anos de idade" de familias con menos recursos.

 

Na recepción dos agasallos, que incluiron non só xoguetes, pois tamén a rapazada solicitou prendas de roupa e de deportes, ou mesmo libros; participou a concelleira de Servizos Sociais, María del Mar García Vidal, quen agradeceu "o importante e bonito xesto solidario feito polos adultos participantes na campaña", ao tempo que felicitou aos catro voluntarios e voluntarias que colaboraron na campaña.

powered by social2s

xogue1

Dende o Concello de Negreira queremos agradecer unha vez máis a colaboración solidaria da asociación de Amas de Casa, quen entregou ao departamento municipal de Servizos Sociais que dirixe a concelleira, María del Mar García Vidal, un elevado número de xoguetes usados que foron doados a esta entidade por particulares.

 

Estes xoguetes foron entregados pola presidenta das Amas de Casa, Soledad de la Fuente, a Servizos Sociais, quen a súa vez prevé repartilos durante os cumpreanos da cativada das familias con menos recursos.

 

xogue2

 

Tamén queremos agradecer a importante labor que por décimo ano consecutivo levou a cabo a asociación de Amas de Casa coa súa campaña solidaria de recollida de alimentos polo Nadal. A achega a Servizos Sociais rolda os catro mil quilos de víveres, grazas á recepción de alimentos aportados por particulares e sobre todo por negocios locais como Carnicerías Suso, que aporta en dúas quendas, un total de catrocentos quilos de carne; a cooperativa Clun, que aportou trescentos litros de leite; ou Cáritas de Santiago, quen entregou 1.500 quilos de patacas e medio cento de polos, así como Distribucións Fagín Lama SL, que aportou alimentos á campaña. 

powered by social2s

Dni

A Dirección Xeral da Policía Nacional comunicou ao Concello de Negreira, as datas do ano 2021 nas que o Equipo Móvil da Comisaría da Policía Nacional de Santiago de Compostela se desprazará a Negreira para a renovación do Documento Nacional de Identidade (D.N.I.), e que son as seguintes:

 

dnis negreiras

 

A listaxe para cada renovación sempre está aberta ata chegar ao límite de prazas, que son 45 por cada día de realización do documento, e que para apuntarse é necesario chamar ao Concello: Tlf. 981 885 250

 

O horario de atención é de 09:00 a 12:30 horas.

O lugar de expedición é a planta baixa do Centro Sociocultural.

powered by social2s