CONCELLO DE NEGREIRA

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
De 9:00 a 14:00 (de luns a venres)
Rúa do Carmen, 3 - 15830 - NEGREIRA

Escola Infantil

Presentación:

A Escola Infantil Municipal do Concello de Negreira está situada nun edificio de planta baixa, situado na rúa de Castelao s/n.

O local atópase nunha zona de fácil acceso, moi próximo ó centro de saúde, ó Centro de Educación Infantil e Primaria, ó Instituto de Educación Secundaria e ó Cuartel da Garda Civil.

A escola está en permanente contacto coa natureza, rodeada de abundantes espazos verdes.

A Escola Infantil Municipal atende ó primeiro ciclo da Educación Infantil nos seus tres niveis.

A escola pode atender un número máximo de 71 nenos e nenas, con idades comprendidas entre os tres meses e os tres anos de idade, é dicir, ata o seu ingreso no segundo ciclo da Educación Infantil.

O número de unidades coas que conta a escola son cinco, unha unidade de 0 a 1 ano; 2 de 1 a 2 anos e outras 2 de 2 a 3 anos.

  UNIDADES RATIO
Nenos/as 0-1 ano 1 8
Nenos/as 1-2 anos 2 26 (13 + 13)
Nen@s ata 2-3 anos 2 37 (20 + 17)

Horario e calendario

A Escola Infantil permanecerá aberta un mínimo de 8 horas diarias, en xornada partida ou continuada, de 8.00 ás 20.00 horas, de luns a venres, agás os días festivos que marque o calendario escolar e outras festividades/días que se acorden ou poidan pertencer. Estes días serán informados/comunicados ás familias na reunión de inicio de curso.

Este horario pode verse reducido pola non existencia de demanda suficiente ó comezo ou ó final do tramo horario. (Cada centro poderá determinar o seu calendario e horarios de apertura e peche ó publico en función da demanda existente).

O luns de Entroido a escola prestará o seu servizo ata as 16.00 horas.

Durante o mes de xullo a escola permanecerá aberta en horario reducido de 8.00 a 16.00 horas (tendo que estar en funcionamento un mínimo de 8 horas).

As causas dos peches estarán acreditadas mediante documentos asinados polo/a representante legal.

Requisitos de acceso á Escola Infantil

Poderán solicitar praza na escola infantil os nenos/as con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos. O neno ou nena para o que se solicita praza deberá ter como mínimo tres meses de idade, e non cumprir os tres anos antes do 31 de decembro do ano que se solicita praza (agás casos excepcionais recollidos na lexislación vixente).

No momento de presentación da solicitude de praza, o neno/a debe ter nacido. Non se recollerán solicitudes de nenos/as que aínda non naceran.

Polo menos , o pai ou nai ou un dos representantes legais do neno/a, e mais o menor para o que se solicita praza deberán figurar de alta no padrón municipal de habitantes de Negreira na data da solicitude, e manterse nesta situación de empadroamento todo o tempo durante o cal faga uso da praza outorgada. A estes efectos, o domicilio real e efectivo poderá ser comprobado a través dos medios municipais necesarios, realizándose ademais periodicamente e de oficio as comprobacións necesarias.

Excepcionalmente, no caso de que queden prazas libres, poderá obviarse o cumprimento deste requisito, sempre e cando o pai ou a nai ou un dos representante legais do neno/a traballen no ámbito territorial do Concello de Negreira. Pero non se garantirá a reserva de praza para o curso seguinte.

No momento do seu ingreso, abriráselles un expediente persoal individual no que constarán, con carácter confidencial, os datos de filiación, sanitarios, enderezo e teléfono, así como cantas circunstancias aconsellen unha atención diferenciada. 

Procedemento de reserva de praza de novo ingreso e de renovación de matrícula.

 O sistema de admisión respectará o principio de igualdade e non

discriminación

• Novo ingreso: as solicitudes de reserva de praza presentaranse na propia Escola Infantil durante o mes de abril en horario de 9.00 a 14.00 horas en modelo normalizado (Anexo I).

Irán acompañada da seguinte documentación:.

  • Copia do DNI do pai e nai ou dos representantes legais do neno/a.
  • Copia do libro de familia.
  • Copias certificadas da declaración do IRPF de cada membro computable referidas ao exercicio económico con data de presentación da declaración do IRPF pechada. Se non se estivera obrigado á presentación do IRPF, aportarase certificación de imputación de rendas e certificacións de ingresos referidos ao mesmo período. Cando non sexa posible acreditar o nivel de rendas ou calquera outra circunstancia que afecten ao cálculo de cotas ou á baremación das solicitudes, presentarase declaración xurada, e poderá solicitarse emisión de informe aos servizos sociais municipais.
  • Copia da última nómina ou informe de Vida Laboral.
  • Situación de desemprego: a acreditar mediante presentación de tarxeta de demandante de emprego con data anterior á da apertura do prazo de presentación de solicitudes.
  • Informe do equipo de valoración de minusvalías no caso de praza de integración.
  • Informe de algunha deficiencia ou enfermidade dos membros da unidade familiar, ou certificado expedido polo organismo competente.
  • Familia numerosa: que se acreditará coa presentación do documento oficial ou o resgardo de ter presentado a súa solicitude, segundo o que en cada momento indique a normativa ao respecto.
  • Situación de familia monoparental, que segundo a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, se da cando formase parte dela un único proxenitor/a .
  • No caso de vítimas de violencia de xénero: certificado da orde de protección ou medida cautelar, informe dos Servizos sociais municipais ou certificación dos servizos autonómicos de acollida.

Renovación de matrícula: os nenos/as xa matriculados na Escola Infantil que desexen renovar praza na escola deberán presentar a solicitude na propia escola durante a primeira quincena do mes de abril (do 1 ao 15) en horario de 9.00 a 14.00 horas en modelo normalizado (Anexo I).

Irá acompañada da seguinte documentación:

  • Copia da última nómina ou informe de Vida Laboral.
  • Situación de desemprego: a acreditar mediante presentación de tarxeta de demandante de emprego con data anterior á da apertura do prazo de presentación de solicitudes.
  • Copias certificadas da declaración do IRPF de cada membro computable referidas ó exercicio económico con data de presentación da declaración pechada. Se non estivera obrigado á presentación do IRPF, aportarase certificado de imputación de rendas e certificacións de ingresos referidos ó mesmo período (INEM, Seguridade Social, empresa contratante…)
  • Outros datos susceptibles de baremación, que varíen substancialmente a situación socio familiar.

Os nenos/as que solicitan renovar praza só poderán facelo no mesmo horario na que a tiñan concedida no curso anterior. No caso de que desexen solicitar unha praza en horario distinto terán que presentar unha solicitude de novo ingreso.

No caso que a documentación presentada sexa incorrecta ou insuficiente requirírase ás persoas solicitantes a súa emenda.

 

1. Documentación para a matrícula.

A documentación necesaria para a matrícula será :

  • 2 fotos tamaño carné do neno/a
  • copia da tarxeta sanitaria
  • informe médico do neno/a no que quede constancia de que non padece enfermidade infecto-contaxiosa
  • libro de vacinas actualizado segundo o calendario de vacinación infantil
  • outra documentación que se considere necesaria.

En cada expediente dos nenos/as figurará o horario de asistencia solicitado polos pais/nais ou titores legais.

Admisións, reclamacións e aceptación da praza.

A lista provisional de admitidos e excluídos expoñerase despois de transcorrido o prazo de presentación de solicitudes, nos taboleiros de anuncios do Concello e na Escola Infantil, así como na páxina web do Concello. Os/as solicitantes que o desexen poderán efectuar as reclamacións que estimen oportunas no prazo de dez días hábiles. Despois de resolver todas as reclamacións, publicaranse a lista definitiva de admitidos e admitidas e a lista de agarda coas puntuacións obtidas, a través dos mesmos medios. Os solicitantes admitidos/as deberán formalizar a matrícula na Escola Infantil no período que se determine, e deberán achegar a documentación para a matrícula. Se o neno/a non se incorpora á escola no mes de setembro, perdería a praza agás causa xustificada de atraso na súa incorporación.

Listaxes de agarda.

As solicitudes presentadas dentro do prazo sinalado que non obtivesen praza, conformarán tres listaxes de agarda diferenciadas por aula/idade ( 0-1, 1-2, 2-3), que seguirán a orde da puntuación coa que foron valoradas inicialmente.

As solicitudes presentadas fóra de prazo, integraranse nas mencionadas listas de agarda .

Período de adaptación.

A escola conta con protocolo de adaptación que será entregado ás familias. O mes de setembro será considerado como período de adaptación, tanto para os novos ingresos como para as reincorporacións dos nenos/as que renovan praza que o necesiten. Cando se produzan novas incorporacións nun mes diferente, utilizarase o mesmo sistema de adaptación. Durante este tempo irase aumentando progresivamente os tempos de estancia dos nenos/as na Escola Infantil, e graduando a incorporación do novo alumnado en diferentes quendas, organizadas pola dirección da Escola Infantil

Criterios de subvencionalidade.

Esta escola é gratuíta xa que a Xunta de Galicia fomenta a gratuidade de atención educativa durante 11 meses ó ano. No suposto excepcional e xustificado, de facer uso da escola por un período superior ao subvencionado deberá ser aboado polas familias.

As familias poderán escoller libremente o período de vacacións, preferentemente nos meses de verán, así como o mes excluído do período subvencionable.

 

CONCELLO DE NEGREIRA

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
De 9:00 a 14:00 (de luns a venres)
Rúa do Carmen, 3 - 15830 - NEGREIRA