ximnastas1.jpg

Negreira acadou catro medallas de ouro na segunda xornada do I Torneo Inter Escolas de ximnasia rítmica, celebrado onte domingo no pavillón Paco Paz da cidade de Ourense. Tralo éxito da primeira xornada o pasado 18 de marzo no Carballiño, as xóvenes ximnastas da Escola Municipal de Ximnasia Rítmica que dirixe María Fernández, refrendaban en Ourense o seu gran traballo de preparación con sendos ouros en equipos: Alevín e Infantil, así como en categoría individual onde Sara Verde fíxose co ouro en alevín, e Xiana García, en infantil.  

 

ximnastas2.jpg

 

Este I Torneo Inter Escolas de ximnasia rítmica está organizado polos  clubes Marusia de Ourense, e Rítmica Compostela, e consta de catro fases, tres das cales se desenvolven na provincia de Ourense (O Carballiño-Ourense e Ribadavia), sendo o pavillón de Pedra Mámoa, en Negreira, o que acolla a gran final o sábado 2 de xuño pola tarde. A terceira fase será o 13 de maio en Ribadavia.

 

Está reservado a ximnastas de nivel escolar B, é dicir, ximnastas que como máximo adestren tres horas á semana. Non poderán participar nel ximnastas que competisen no 2017 no Campionato de Galicia Escolar ou no Campionato Provincial Escolar 2018.

pelvico.jpg

María del Carmen Souto Fraga, fisioterapeuta especialista en uroxinecoloxía e obstetricia, da clínica Fisiocenter, en Santiago, impartirá unha charla-taller acerca do solo pélvico, este sábado 14 de abril, ás 20:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura. Baixo o título: Descubre o teu solo pélvico, a fisioterapeuta abordará cuestións de interese como a recuperación postparto, a incontinencia urinaria, as disfuncións, ou as terapias preventivas, entre outras.

 

O solo pélvico é o gran descoñecido para moitas mulleres, que, aínda que oíron falar del, non saben ata que punto unha disfunción do mesmo pode influír na súa calidade de vida nin que actividades poden danalo. Entre os primeiros síntomas indicativos dunha disfunción do mesmo, figura como o máis común: a incontinencia urinaria. Así podemos entender o solo pélvico como un conxunto de músculos e ligamentos que pechan a parte máis inferior da cavidad abdominal.

 

debate100418.jpg

O IES Xulián Magariños de Negreira acadou onte a clasificación de dous dos seus tres equipos para a Fase Final do Club de Debate, a celebrarse o vindeiro 5 de maio na cidade de Ferrol. Fixérono tras superar na Fase de Zona celebrada no salón de plenos da Casa do Concello de Teo, aos equipos dos institutos Leixa e Canido, de Ferrol, e aos tres do IES de Cacheiras, de Teo.

 

A temática escollida foi: A mocidade tamén ten actitudes e comportamentos machistas. O IES Xulián Magariños acadaba como xa fixo o pasado curso, a clasificación de dous equipos para a gran final, se ben desta volta, presentaba tres equipos. Finalmente, foron o Equipo 1 (459,80 puntos) e o Equipo 2 (423,80 puntos), os que tentarán revalidar para Negreira e por terceiro ano consecutivo, o título de campións galegos do Club de Debate.

 

debate_equipo1.jpg

A decisión final do xurado fíxose agardar, e non foi ata aproximadamente as nove da noite cando coñecíase o desenlace da valoración do xurado, e pola cal, o IES Xulián Magariños pasa á gran final onde agardaban dous equipos do instituto de Ames, un do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, de Dodro, e mailo IES Luís Seoane, de Pontevedra, ca serán os seis equipos da final.

 

debate_equipo2.jpg

Os tres equipos do Xulián Magariños estiveron coordenados pola profesora, María Blanco, contando co apoio de alumnos de Segundo de Bacharelato. Na final de Ferrol, o tema a debater será: As tecnoloxías da información propician o emprego do galego ou non?

 

O Club de Debate é unha iniciativa dos Servizos de Normalización Lingüística co apoio dos concellos, entre eles, o de Negreira, de aí, a nosa noraboa a todo alumnado, profesorado e pais e nais que apoiaron coa súa presenza esta xornada chea de emocións.

 

O Concello de Negreira informa da convocatoria dunha xuntanza, que terá como tema a tratar a organización das festas patronais da vila de Negreira, tanto as de San Cristobo, os días 5, 6 e 7 de xullo, e mailas de Santa Margarida, o 17 de setembro, pois tendo renunciado a Comisión encargada de organizalos festexos nos dous últimos anos, a súa celebración está no aire.

 

Dita xuntanza, á cal está convocada toda a veciñanza, comerciantes, transportistas e mailo sector da hostalaría, celebrarase este xoves 12 de abril, ás 21 horas no Auditorio da Casa da Cultura, polo que prégase a asistencia á mesma.

radon120418.jpg

O gas radón é unha radiación natural. Procede principalmente do chan, e en menor medida por contaminación de materiais de construción ou da auga. Hai estudos que constatan que o 9 % dos cancros de pulmón en Galicia relaciónanse directamente con esa radiación natural. Negreira e A Baña, son dos dos municipios con alto risco.

 

Por todo isto, o Concello de Negreira está a instalar hoxe unha serie de medidores en cinco edificios públicos: a Casa do Concello; a Casa da Cultura; o Centro Sociocultural; a Escola Infantil e mailo CEIP O Coto. Durante un periodo de tres meses mediarán o nivel de incidencia do gas radón en distintas dependencias onde se concentra esta radiación natural, dentro dunha primeira fase. Logo, exáminase a incidencia do gas e se os niveis son elevados pásase a unha segunda fase cunha medición máis exhaustiva, así como á aplicación de solucións como a ventilación das zonas onde se detecte unha cantidade máis elevada de gas radón.

 

Este traballo corresponde á empresa Control y Estudio (CYE), que radicada en Narón, é pioneira en Galicia e das poucas a nivel nacional, especializada en ofrecer solucións a este problema. Faino en colaboración co Laboratorio de Radón de Galicia, situado no Comprexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

maiores180418.jpg

Desde este mércores 18 e até o luns 30 de abril, a veciñanza de Negreira que teña máis de 60 anos cumpridos pode retirar no departamento municipal de Servizos Sociais, os convites para asistir ó vixésimo terceiro Encontro dos maiores que se vai celebrar o sábado 5 de maio, no recinto do Campo dá feira.

 

A xornada comezará cunha misa ás 13:30 horas na capela do Pazo do Cotón, seguida da actuación da Banda Municipal de Negreira, e do xantar popular dos participantes a partir das 14.30 horas. E a sobremesa será amenizada por un dúo musical.

 

O Concello informa que haberá un servizo de autobuses polas distintas parroquias, a partir das 12:00 horas.

 

Máis información: 981 885 250 - 638 275 891.

coleccionistas3.jpg

Marcos Pereiro, Oswaldo Digón e Santi Romay, reinterpretan a historia da arte en Coleccionistas, a comedia que poderemos ver este venres 20 de abril, ás 21 horas no Ciclo de Teatro que desenvólvese no Auditorio do Centro Sociocultural. Este novo espectáculo de comedia cargado de sorpresas ven de estrearse a pasada fin de semana na Illa de Arousa, polo que a cita deste venres en Negreira será a segunda da xira.

 

Os espectadores asistirán en cada función ás máis orixinais reinterpretacións dalgunhas das obras de arte máis coñecidas. Pereiro, Digón e Romay encargaranse de describir con todo luxo de detalles a historia, o anecdotario ou o proceso de creación de cada un dos cadros, cando non a vida do artista.

 

Comedia e arte mestúranse nun espectáculo irrepetible que conta ademais coa música en directo do mestre Cristian Leggiero, que acompaña o relato de cada unha das obras seleccionadas polo público.

 

Oswaldo Digón dirixe este novo espectáculo no que participa Ainé Producións, e que tamén terá unha vertente solidaria, xa que o público participará realmente nesa poxa, achegando a súa oferta para levar un dos cadros ao saír do teatro. O importe recadado será destinado a unha entidade social sen ánimo de lucro de cada municipio no que actúen.

balnearios2018.jpg

O departamento municipal de Servizos Sociais informa da apertura do prazo para solicitar a participación na convocatoria de prazas para estadías e tratamentos termais dentro do programa de Benestar en Balnearios 2018, segundo publicou o Diario Oficial de Galicia. En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de 3 destinos por orde de prioridade.

 

Para máis información poden dirixirse ós Servicos Sociais Comunitarios do Concello de Negreira, teléfono 981 88 53 81.

 

Programa de Benestar en Balnearios 2018

fundaciongasnatural.jpg

A Fundación Gas Natural Fenosa en colaboración co Concello de Negreira, vai a impartir un taller co fin de asesorar ás familias de Negreira en materia de enerxía e para minimizar o coste enerxético na vida dos colectivos máis vulnerables da nosa sociedade, a través do Bono social eléctrico.

 

Será o xoves 3 de maio, ás 17:00 horas no Auditorio da Casa dá Cultura, na Carreira de San Mauro, 11.

 

A modo de charla, informaráse de cómo aprender a ler e optimizar a factura de luz e gas, e a establecer hábitos de consumo eficientese aproveitar as axudas como o Bono social. Recoméndase asistir e vir coa factura eléctrica, e con independencia que sexan ou non, clientes de Gas Natural Fenosa, pois os conceptos son comúns a calquera comercializadora de enerxía doméstica.

ocasoetersaude.jpg

Os actores Jouse García, Xoque Carbajal, Patricia Rodríguez, Celia González e Carlos Mosquera, protagonizan a comedia O caso é ter saúde, da compañía Malasombra Producións, que baixo a dirección de Marcos Orsi represéntase este venres 27 de abril, ás 21:00 horas na terceira entrega do Ciclo de Teatro 2018.

 

A comedia ten unha duración de 70 minutos e está recomendada para un público a partir de 16 anos, e a entrada é de balde. O caso é ter saúde é unha comedia de principio a fin, que fala da condición humana, da súa ambición polo diñeiro, e do que as persoas somos capaces de facer por conseguilo.

 

Sépnose

 

Un vinte e dous de decembro, o día da lotaría de Nadal, Miki vive dúas circunstancias das que cambian por completo unha vida: Lola, a súa parella, abandónao repentinamente e sen previo aviso logo de vinte anos de relación, e minutos máis tarde, o seu décimo resulta premiado con catrocentos mil euros no gordo da lotaría de Nadal. Miki non sabe como sentirse, pois está eufórico e deprimido a partes iguais. Esta situación sumada á visita do seu amigo Suso, a posterior chegada dunha prostituta rusa chamada Irina e a inesperada aparición dun ladrón italiano chamado Dimitri, farán que Miki viva a hora e media máis intensa e confusa da súa vida.

 

A historia transcorre nunha contorna de crise, nun ambiente de clase media decadente, que ten que buscarse a vida de calquera forma para saír adiante. O público, a través do distanciamento que produce a comedia, deixando ver claramente o ridículo das situacións, é o espectador privilexiado que observa ata que extremos pódese chegar con tal de saír adiante, aínda que sexa traizoando aos seres máis queridos, ou facendo cousas que nunca se pensou facer.