A maior parte dos muíños pertencentes a Negreira atópanse en ruínas exceptuándose os situados en Ponte Maceira os cales se atopan perfectamente restaurados.
Estes muíños pertencentes á zona de Negreira posúen unha planta cadrada e son de pequeno tamaño. Están clasificados como muíños de parcería ou de partes posto que, neles, cada familia tiña unha quenda de utilización durante un tempo determinado.
Os hórreos que se atopan en Negreira son de tipo maián ou barcalés: hórreos esveltos que combinan pedra e madeira. Doutra banda, tamén existen outros tipos como o “Xalleiro” situados nas parroquias altas do concello. Este tipo de hórreo fórmase unicamente por pedra e empregando perpiaños e cachotería.
Os pombais da zona son de planta circular e atópanse espallados en diferentes puntos. Caben destacar os situados no Pazo de Albariña e o Pazo de Baladrón.
A mostra máis significativa de arquitectura caribeña en Negreira é a casa de Manuel Negreira, localizada no centro da vila, aínda que tamén caben destacar a casa de Cipriano González (xa derrubada), Andrés Freire, Capeáns, etc. Todas elas datadas no primeiro terzo do século XX.
Este tipo de arquitectura goza de grandes características. Os ambientes sofisticados e cargados da arquitectura europea ábrense a espazos abertos, galerías, celosías por onde se comunica coa natureza. Empréganse ángulos rectos para a súa construción e simplifícanse as fachadas.
Os emigrantes que chegaron a Negreira, ergueron varias escolas de americanos.
Estas escolas foron deseñadas buscando criterios de funcionalidade e hixiene, procurando a calidade dos materiais e tratando de responder ás necesidades pedagóxicas. As escolas contaban con espazos para o recreo, práctica de deportes ou campos de experimentación agrícola. Moitas delas dispoñían de vivendas para os mestres. En Negreira, a escola máis artística é o Colexio de Covas, formado por unha escola, un patio exterior, unha entrada e unha segunda vivenda na parte de detrás que actualmente se atopa en deterioro.
A Escola de Covas xunto ca de Aro foron construcións pertencentes á iniciativa da Unión Barcalesa de La Habana, a escola de Liñaio, ergueita pola Sociedade La Moderna de Barcala, Cuba, a Escola de Portor, prestada á parroquia pola familia Balandrón e a Escola de Broño, construída tamén con diñeiro da emigración americana.
Na parroquia de Bugallido, moi próxima á igrexa atópase a Casa da Torre, construción do século XVIII aproximadamente.
Esta casa pertenceu á Orde Hospitalaria de Xerusalén. Na súa fachada cabe destacar a gran pedra armeira situada no centro da mesma e a pía bautismal situada no xardín que posúe unha representación da Cruz de Malta.
Atópase rodeada dun muro de pedra con adornos nos seus pilares.
Na actualidade é una propiedade privada.
Na marxe de Ponte Maceira, na parroquia de Portor atópase este pazo construído entre 1945 e 1955, con solucións modernistas e históricas, intentando aproximarse ao resto de elementos históricos da zona. Posúe un gran xardín no que se pode ver un pombal e varios hórreos e está rodeado dun baixo muro de pedra.
Ésta propiedade e privada.
Na parroquia de Logrosa, no lugar da Chancela, atópase o Pazo da Albariña.
Este pazo ten base medieval aínda que ten estilos engadidos de reformas que se fixeron ao longo do tempo. Formado por unha construción en forma de L e dúas alturas, posúe un torreón moi marcado e con grosos muros nun dos seus brazos.
Todo isto está rodeado por un belo xardín no que se atopa un pombal e dous hórreos e a súa vez atópase rodeado por un gran muro de pedra no que se deixan ver pilares circulares na súa entrada.
Na actualidade é privado polo que non se pode acceder a el.
Esta fortaleza medieval sufriu importantes reformas, o que ofrece gran dificultade para definir as súas raíces medievais.
Cabe destacar a gran cheminea e a galería de pedra que se pode apreciar dende a rúa principal, “Carreira de San Mauro”, antigo Camiño Real. Esta galería une as dependencias do Pazo coa Capela de San Mauro por medio da súa triple arcada de pedra.
No seu interior pódense apreciar unha ducia de escudos de armas de familias de nome en Galicia.
É posible acceder ó Pazo durante A Feira do Románico que se celebra cada ano, situado no centro da Vila.
A Capela de San Mauro Sitúase no centro de Negreira atopamos o complexo histórico-artístico máis significativo da vila, a capela de San Mauro (San Amaro) e o Pazo de Cotón. Este conxunto relixioso foi construído no XVIII, con estrutura de tres naves.
A Capela é de planta rectangular e unha soa nave con dúas augas. Posúe una fachada sinxela composta por unha porta e sobre ela unha ventá horizontal e máis a dereita, outra ventá cadrada.
No seu interior posúe un retablo neogótico e varias imaxes, sendo as máis antigas as de Santa Lucía e San Amaro (esta última, de época barroca).