Igrexa de Broño

Ó Norte do concello está a parroquia de Broño. Nela podemos atopar unha igrexa de estilo neoclásico con planta rectangular e tellado a dúas augas.

A súa fachada, datada do 1781, é obra dun arquitecto seguindo o modelo de San Fiz de Solovio en Santiago de Compostela, do arquitecto Simón Rodríguez.

Esta fachada amosa pilastras laterais que rematan en capitel con molduras que parecen conformar no cume un frontón triangular.

Igrexa de Aro

Aro é a parroquia de maior extensión e atópase no centro do concello. Nela está unha igrexa que data de finais do XVIII e principios do XIX.

Antes de chegar á Igrexa, atopámonos cunha praza denominada “Praza da Igrexa” desde 1999 que favorece o camiño ata a entrada da mesma.

Esta igrexa posúe unha nave única e conta cunha grande bóveda de canón corrida que denota alarde técnico e sensación de robusteza. No seu prebisterio atópase unha bóveda de arestas.

Cabe destacar o reparto das fachadas laterais en tramos e a fachada principal cun frontón recto e partido.

BNG

BNG

Psg PSOE

PSdG-PSOE

Partido Popular

PP

Igrexa Parroquial de San Pedro de Gonte

Na parroquia de Gonte, ao Sueste do concello, está a igrexa de San Pedro de Gonte enmarcada na segunda metade do s. XII.

Componse dunha planta de nave rectangular con cabeceira cadrada dun tramo. Esta nave conserva os muros románicos da fachada Oeste, ata o arrinque do piñón.

Os muros Norte e Sur posúen dous contrafortes prismáticos e un contraforte no muro triunfal.

A capela maior, de fondo plano, ábrese ó muro triunfal por arco de medio punto dobrado sobre imposta que parte na inserción da nave coa cabeceira e se prolonga polos costados do presbisterio.

Os capiteis da Epístola (Sur) e do Evanxeo (Norte) son de cesta tronco-cónica con fitas e volutas na zona do ábaco. Presentan grosos colariños e fuste de tres tambores. A base destas columnas é ática, de dous boceis moi grosos, sen escocia e con bolas nas esquinas do plinto.

No seu interior hai columnas arrimadas, entregas, de fuste moi alto e capiteis vexetais que sosteñen unha imposta corrida da que arrinca os arcos, e quizais, os riles dunha bóveda de canón.

No exterior, a ábsida está perforada no muro de fondo por ventá abucinada, incluída nun típico esquema galego. Os muros Norte e Sur decóranse con pares de arcos cegos de medio punto.

No ano 1987 realizáronse unhas escavacións nos adros que permitiron recuperar varias doelas do rosetón da fachada, arquivoltas con ornamentación xeométrica e outras pezas románicas.

Unha serie de formas ornamentais anotadas en Portor acadan aquí maior profusión e perfección, dentro dun aparello, en xeral regular e bo.

Igrexa de Santa María de Portor

Portor é a parroquia situada máis ao Leste do concello. Nela atópase unha das igrexas románicas máis completas de toda a comarca da Barcala, priorado dos monxes bieitos, dependente de San Martiño Pinario (Santiago de Compostela), a Igrexa de Santa María de Portor.

A súa fachada e a torre datan do século XVII. Formada por unha nave repartida en catro tramos por tres pares de semicolumnas, contrafortes prismáticos, canciños zoomorfos, capiteis historiados, arquiños cegos, portal lateral e acroteiro absidal.