Foto-principal.jpg

A organización da Carreira Popular de Negreira “A Clasica”, a cargo do Concello de Negreira, lamenta ter que tomar a decisión de cancelar a celebración da proba na súa 41ª edición, prevista para o domingo día 14 de novembro de 2021.

 

A pesar de que contamos con todas as autorizacións e que a situación sanitaria actual permitiría realizar esta proba deportiva, os protocolos marcados pola RFEA e a RFGA, dificultan enormemente a súa realización. De feito, valorouse distintos escenarios para poder levala a cabo, pero no contexto de inestabilidade que aínda estamos atravesando, chegamos a conclusión de que era inviable a súa organización por diversos motivos:

 

- Necesidade de restrinxir considerablemente o número de dorsais dos participantes escolares, que representa o 60% dos corredores.

- Facer saídas por grupos de 100 participantes cada 10 minutos nas categorías senior.

- Obrigatoriedade de facer test de antíxenos ás persoas participantes adultas.

- Modificar percorridos e/ou sinalizar con conos para que non se crucen.

- Entrega de premios con limitación de asistentes.

 

Foto-2.jpg

 

Por todos estes motivos, entendemos que levala a cabo “vulneraría o espíritu de promoción do deporte”. Temos a ilusión de que no próximo ano 2022, a situación sanitaria nos permita realizar a carreira con total normalidade, tal e como a coñecemos: “A gran festa do deporte na rúa”.

 

Comezamos xa a traballar na preparación da proba con ilusión e tratando de mantela entre as mellores carreiras populares de Galicia.

youtubeiras.jpg

Youtubeiras, a iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Negreira, Ames, A Baña, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña; pechan este venres 22 de outubro, ás 23:59 horas, o prazo de inscrición para a súa quinta edición. Estes galardóns, que teñen como finalidade ser acicate da creación en Youtube con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar as/os youtubeiras/os en galego, divídense nun total de 12 categorías: canle, vídeo, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público.

 

Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. Como gran novidade e co obxectivo tanto de fomentar a creación coma o mantemento de canles, non se poderán presentar vídeos illados como en anos anteriores. Así, poderán aspirar a gañar os galardóns nesta ducia de categorías todas as persoas creadoras de contidos en lingua galega maiores de catorce anos con canles de Youtube, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.

 

O xurado e a decisión do público

 

Once das doce categorías nas que se dividen os Premios Youtubeiras serán decididas por un xurado profesional que analizará todas as propostas recibidas. O sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e coordinadora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da Televisión de Galicia, conformarán o xurado que, a partir da próxima edición, incluirá a persoa gañadora do premio ao mellor Youtubeiro/a.

 

No caso do premio do público, publicarase o próximo 25 de outubro un formulario de votación (na plataforma Easypromo) con todas as propostas recibidas que se difundirá a través das redes sociais de Youtubeiras e que estará habilitado até o 3 de novembro ás 23.59 h. Os tres vídeos que reciban máis votacións nese prazo pasarán ao xurado dos premios, que ratificarán a votación do público, tendo en conta que o vídeo máis votado cumpra as bases xerais.

 

#premiosyoutubeiras2021
#youtubeiras
#youtubeengalego

broken-peach.png

 

A programación do Outono Cultural trae un novo atracón de citas destacadas no eido cultural para esta fin de semana coa actuación do monologuista Carlos Blanco no Ciclo de Monólogos, este venres noite, ou o concerto solidario do grupo de rock e soul Broken Peach, o sábado 23.


Consumidas as tres primeiras citas do programa, aínda quedan sete máis ata o domingo 14 de novembro, pero nos centramos en dous dos pratos fortes: Carlos Blanco volve a Negreira, este venres 22 no Auditorio cos seus monólogos de sempre. A cita é ás 21.00 horas; e mailo concerto solidario de Broken Peach.

 

Carlos Blanco é actor de teatro e foi entre outros moitos, a personaxe de Ladislao Couto, na serie Mareas vivas (onde tamén exercía como guionista) a que o deu a coñecer amplamente en Galicia. Logo, virían papeis en filmes de éxito coma O lapis do carpinteiro (2003), Heroína (2005), así como Cargo, e Volver, ambas no 2006. En 2018 interpretou a Laureano Oubiña en Fariña, a adaptación televisiva do libro homónimo de Nacho Carretero. E conta cunha dilatada traxectoria en monólogos, e incluso foi finalista en 2003 do certame de monólogos: El Club de la Comedia.

 

Concerto solidario

E o sábado 23 á notiña (21.00 horas), no Auditorio da vila, agárdanos unha velada entretida co concerto solkidario que ofrecerán os vigueses Broken Peach. Trátase do concerto solidario cuxa recadación irá destinada a axudar aos damnificados pola erupción do volcán da illa da Palma. As entradas teñen un coste de 5 euros e poderanse retirar ata mesmo antes da actuación, na entrada ao Centro Sociocultural.


Broken Peach son coñecidos polas súas versións de rock, soul, funk, pop, etc. O grupo está composto por catro voces femininas e unha banda musical con guitarra, baixo e batería, e que levan doce anos amenizando todo tipo de eventos e espectáculos dentro e fóra das nosas fronteiras.

 

A súa especialidade é facer súas as cancións que versionan e acompañalas de perfomances, disfraces e interaccións co público. En Negreira actuaron por vez primeira o sábado 4 de xullo de 2020 ofrecendo o seu primeiro concerto pospandemia, dende o 7 de marzo dese ano, debido ás restricións sanitarias en vigor naqueles meses.

 

Diseño sin título 1

O Concello de Negreira infórmalles que debido á exposición pública dos proxectos do parque eólico de Sete Fontes (nove aeroxeradores e cunha potencia total de 54 megawtts), entre os concellos de Negreira e Outes, e de dúas liñas de evacuación de enerxía; acordouse fixar os seguintes días para quenes desexen consultar calquer tipo de dúbida e recibir asesoramento técnico e xurídico por verse afectado/a por devanditos proxectos de novas infraestructuras.

 

Datas: 4, 5 e 15 de novembro

Horario: 10.00 a 14.00 horas

Lugar: Centro Sociocultural

Atenderase sempre con cita previa, chamando ó número de teléfono: 673 249 477 ou no enderezo de correo: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

 

xuntos-nadal-2021.jpg

 

As persoas maiores de 60 anos que vivan soas poden beneficiarse do programa Xuntos polo Nadal, da Xunta de Galicia, para que poidan pasar acompañadas as festas navideñas. Até o día 15 de novembro, está aberto o prazo para solicitar praza para pasar unha semana de balde na residencia de tempo libre de Panxón, no concello de Nigrán (Pontevedra), incluíndo aloxamento, comidas e actividades varias.

 

Deberán elixir entre as dúas quendas ofertadas: do 22 ao 29 de decembro, ou do 31 de decembro ata o 7 de xaneiro de 2022. O programa inclúe: aloxamento en habitación compartida; comidas; actividades de animación sociocultural e autobús desde Santiago de Compostela até Nigrán, así como volta a Santiago.

 

Os participantes deben ter os 60 anos cumpridos, estar empadroados en calquera concello galego, vivir sós e ter que pasar sós as datas de Nadal, ademais de valerse por se mesmos e estar vacinados contra a covid-19. Aquelas persoas que perdesen recentemente o seu cónxuxe ou persoa convivente, teñan máis idade e non participaran en Xuntos polo Nadal en anteriores edicións, terán preferencia dentro das 280 prazas que se ofertan para as provincias da Coruña e Ourense.

 

Para maior información e presentación de solicitudes, as persoas interesadas deben dirixirse ao departamento municipal de Servizos Sociais, na planta baixa da Casa do Concello.

UK-Camino-Ingles-2.jpg

 A Deputación da Coruña está presente na feira turística internacional World Travel Market, que se celebra en Londres, do 1 ao 3 de novembro e na que a Deputación promociona tamén o Camiño Inglés, pola zona norte da provincia.

 

Ata Londres desprazáronse os deputados José Manuel Pequeño e Antonio Leira, quenes recibiron á ministra de Comercio e Turismo, Reyes Maroto, á que lle explicaron con detalle a promoción que se está a facer de todos os camiños de Santiago que pasan pola provincia.

 

José Manuel Pequeño, deputado provincial e a súa vez, alcalde do Concello de Dumbría; acude tamén como presidente da Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, entidade na que está integrado o noso concello para a promoción de lugares de interese turístico como o enclave natural e patrimonial de A Ponte Maceira, ou lugares como o paseo fluvial do río Barcala e mailo Pazo do Cotón, xa que Negreira é a porta de entrada dos peregrinos hacia A Costa da Morte.

DSC_0534.JPG

 A Corporación Municipal de Negreira celebrará o luns, día 8 de novembro de 2021, ás 20:00 horas, unha sesión do Pleno, con carácter ordinario, conforme á seguinte orde do día:

 

1º.- Aprobación, se procede, das actas seguintes:

 

- Acta da sesión ordinaria de data 12 de xullo de 2021.
- Acta da sesión ordinaria de data 13 de setembro de 2021.

 

2º.- Dar conta dos Decretos de Alcaldía emitidos dende o último Pleno Ordinario: do nº 241/2021 ó nº 273/2021, ambos inclusive.

 

3º.- Aprobación provisional, se procede, da modificación das tarifas dos servizos municipais de abastecemento de auga potable e depuración de augas residuais.

 

4º.- Solicitude de financiación á Diputación Provincial da Coruña para a execución da obra: Mejora de la pavimentación de la pista de acceso al Mirador del Alto do Cotro: “Recuperación y puesta en valor del patrimonio natural y paisajístico, mediante el acondicionamiento de un camino de acceso en Campo das Cores”.

 

5º.- Aprobación, se procede, do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible.

 

6º.- Convalidación, se procede, da Adenda de prórroga ao Convenio de colaboración entre os concellos de Negreira e Val do Dubra para a solicitude conxunta dunha subvención á Xunta de Galicia para a xestión compartida-agrupacións de concellos do Servizo de Atención Temperá no marco da Rede Galega.

 

7º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do P.P. en relación coa unidade de actuación nº 3.

 

8º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do P.P. en relación ás obras de saneamento nas aldeas deste termo municipal.

 

9º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do P.P. para a colocación dun sistema de protección acústica no lugar de A Barquiña.

 

10º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do P.P. para a actualización das listas de contratación.

 

11º.- Rogos e preguntas.

 

Principal.jpg

A Deputación Provincial da Coruña financia as obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 5602, de Negreira a Ponte Nafonso, na súa segunda fase. Os traballos de movemento de terras botaron a andar este martes 2 de novembro pola zona próxima á ponte de Barbazán, na parroquia de Lueiro.

 

A ampliación da estrada Negreira-Ponte Nafonso, conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros –inclúe o pago da expropiación deterreos-, pasa por ser un dos investimentos máis importantes programados pola área de Vías e Obras da Deputación, co que cumpre o compromiso do Goberno provincial de dar continuidade ao ensanche e mellora do trazado realizado nos primeiros seis quilómetros da estrada e que supuxeron unha notable mellora da seguridade. 

 

F-2.jpg

 

Nesta segunda fase, as obras contemplan a ampliación da plataforma da estrada nun tramo de 2,5 quilómetros que vai dende o PK 6+105 ao 8+630, preto da ponte Barbazán, dotando ao vial dunha calzada de 7 metros de ancho e arcéns de 0,5 metros naqueles puntos nos que a liña de planeamento o permita. Levaranse a cabo tamén traballos de corrección de trazado nas curvas máis perigosas, acondicionamento de drenaxe lonxitudinal e transversal da vía e sinalización.

 

Valoración

 

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, congratulouse deste inicio das obras: «É un proxecto longamente esperado por toda a veciñanza e, polo que tivemos que pelexar durante moitos anos; primeiro, cun intento fallido para non recorrer ás expropiacións e axilizar o proceso que permitiría facela obra nun menor espazo de tempo, e logo, coa aprobación do proxecto e previo pago das expropiacións», segundo valorou o rexedor, quen agradece o esforzo da Deputación da Coruña.

 

As obras rematarán moi preto da ponte de Barbazán, onde se estreita notablemente a calzada, o que ocasiona un problema de seguridade para o que o departamento provincial de Vías e Obras busca a mellor solución encargando un estudo técnico que determine a mellor opción para ampliar o vial neste punto e outorgarlle unha maior seguridade aos condutores pola súa perigosidade e o mal estado de conservación do vello viaducto.

a-pluma.png

Os Quinquilláns, da man do programa de dinamización lingüística FalaRedes, da Consellería de Cultura, e dentro da programación do Outono Cultural 2021 deseñada pola Delegación de Cultura do Concello de Negreira; presentan unha homenaxe á nosa escritora máis universal: Rosalía de Castro.

 

“A pluma viva de Rosalía”, é unha montaxe teatral para todos os públicos a partir de 9 anos, e está baseada nun feito real de censura a un texto da autora de Follas novas. Arranca coa visita sorpresa de Rosalía de Castro á imprenta de Soto e Freire, que acaba de ser atacada por un grupo de 200 seminaristas contrarios á publicación do artigo “El Codio”.

 

A peza pon en valor a escritora e a súa defensa da nosa cultura, do noso idioma, da xustiza social, da liberdade e da igualdade entre mulleres e homes.

 

A primeira parada deste espectáculo teatral que xira desde finais de outubro é este venres en Negreira. Logo, seguirá por Mos (Pontevedra), o 7 de novembro; Malpica, o 26; Milladoiro-Ames, o 27, e finalmente, cita en O Rosal (Pontevedra), para o 28 de novembro.

 

Data: Venres, 5 de novembro
Hora: 21:00
Lugar: Auditorio Centro Sociocultural

Cartaz2.jpg

A presente convocatoria ten por obxecto a concesión dos premios do XI Concurso de relatos curtos e carteis gráficos: Loita contra a violencia de xénero, organizado polo Concello de Negreira, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co fin de sensibilizar á poboación sobre desta lacra social.

 

BASES DE PARTICIPACIÓN:

 1ª.Poderán participar tódalas persoas menores de 18 anos.

 

2ª.Os traballos presentados deberán ser entregados no Centro de Información á Muller no Concello de Negreira, nun sobre pechado. Deberá constar un número de teléfono de contacto e en ningún caso deberá aparecer o nome da persoa participante. A identificación da persoa levarase a cabo mediante o uso dun pseudónimo.

 

3ª.O concurso constará de tres modalidades: relato curto, cartel gráfico e curtametraxes. A temática a que deben axustarse os traballos é a Loita contra a Violencia de Xénero en tódalas súas manifestacións: física, psicolóxica, sexual, económica, estrutural… así como os efectos e consecuencias da mesma en tódalas persoas que a sofren.

 

4ª.Os traballos presentaranse en galego ou castelán. No caso dos relatos terán como extensión máxima 5 folios (DIN-A4).

 

5ª.Tódolos traballos que se presenten deberán ser orixinais, inéditos e non presentados en anteriores concursos neste ou noutro concello. De non ser así, quedarán inmediatamente excluídos do concurso.

 

6ª.Os criterios de valoración para elixir ós traballos premiados serán os seguintes: contido e tratamento do tema, orixinalidade, expresión e presentación en xeral.

 

7ª. O prazo para a presentación dos traballos é do 6 ó 18 de novembro.

 

8ª.Os traballos orixinais quedarán en poder do CIM de Negreira que se reserva o dereito para a súa publicación, exposición, doazón ou calquera outro uso posterior, sempre sen ánimo de lucro.

 

9ª.Entre tódolos traballos recibidos un xurado independente seleccionará os gañadores de cada modalidade e concederá os seguintes agasallos: 

 

-Premio ó mellor relato curto: vale regalo por importe de 100 euros a utilizar nunha tenda da vila.

-Premio ó mellor cartel gráfico: vale regalo por importe de 100 euros a utilizar nunha tenda da vila.

-Premio ó mellor curtametraxe: vale regalo por importe de 100 euros a utilizar nunha tenda da vila.

 

10ª. A entrega de premios levarase a cabo de maneira individual en data a concretar entre a organización e as persoas premiadas.

 

11ª.Os traballos gañadores poderán divulgarse a través dos medios de comunicación municipais.

 

12ª.As persoas participantes serán as únicas responsables do contido respectando as esixencias legais de dereitos, de autoría ou plaxio, segundo as leis vixentes.

 

13ª.Tódolos participantes están obrigados a cumprir estas bases. Calquera outra circunstancia non prevista nas mesmas, será resolta polo xurado e as súas decisións serán inapelables.