DSC_3029.JPG

O Concello de Negreira está adherido ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, que leva aparellado un compromiso de reducir as emisións de CO2 no seu territorio para o ano 2030 en, polo menos, o 40% a través de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovable, así como na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e aumento da resiliencia.

 

O Pacto das Alcaldías é a maior iniciativa urbana do mundo en materia de clima e enerxía no que as autoridades locais comprométense a reducir as emisións un 40% ata o ano 2030, mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovable e desenvolver accións para mitigar o cambio climático. Por todo isto, lanzamos unha enquisa para recoller información por parte da veciñanza de Negreira para deseñar o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostibles (PACES).

 

Preme no seguinte enlace para acceder á enquisa onde podes ver un vídeo explicativo do que é o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostibles:

 ACCEDER Á ENQUISA 

DSC_0745.JPG

Despois de 12 meses de formación e traballo, hoxe tiña lugar a clausura do programa de emprego Mocidade 2020, promovido dende o Concello de Negreira, en colaboración cos da Baña, Santa Comba e Val do Dubra; coa formación e aprendizaxe de 16 alumnos/as – traballadores/as.

 

Con 45 actuacións programadas nos catro concellos participantes; fóronse combinando cos módulos de formación teórica e práctica de ambos certificados de profesionalidade nas especialidades de: Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, e Fábricas de albanelería. O alumnado puido completar a súa formación realizando un curso de condución de carretillas elevadoras que foi sufragado polos catro concellos.

Foto-2.jpg

O proxecto que contou cunha achega económica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, da Xunta de Galicia, de 369.492 euros, dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil; estivo confinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 91,89%.

 

A súa clausura acudiron os alcaldes/as e concelleiros/as, de Negreira, Val do Dubra, Santa Comba e A Baña, quenes no mes de outubro inician un novo programa de emprego dual, sendo o seu promotor o Concello de Val do Dubra nas especialidades de: Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, e Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, e cuxo prazo para anotarse na Oficina de Emprego Santiago Norte remata este xoves 30 de setembro.

DSC_3552.JPG

 Trala súa apertura o 1 de xullo de 2021, cun horario de atención continuo de luns a domingo, de 12:00-14:00 e de 16:00-18:00 horas, incluídos festivos, e sendo atendido por dúas persoas, o Punto de Información Turística vén de pechar as súas portas o pasado xoves día 30 de setembro.

 

No mes de setembro foron atendidas un total de 730 persoas, fundamentalmente peregrinos e peregrinas que veñen facendo o Camiño de Fisterra e Muxía. A maioría dos que se achegan pola caseta de información son de procedencia nacional (67%), mentres que o (33%) restante son de fóra de España. Subindo a porcentaxe dun 6% da procedencia internacional con respecto aos dous meses anteriores.

 

Predomina como motivo principal de consulta o selo, o 44% dos peregrinos e peregrinas que pasan por este Punto queren selar a credencial do camiño, segundo constata o informe de valoración dos datos que foi emitido por María Núñez Vicente, técnica de turismo do Concello de Negreira. A motivación principal dos peregrinos e peregrinas que fan o Camiño de Fisterra-Muxía ordenadas por frecuencia son o deporte, natureza, turismo, e por último, a relixión.

 

Valórase tamén se é a primeira vez que están en Negreira ou repiten a experiencia e o 99% dos visitantes coinciden en que é a súa primeira vez, fronte o 1% que repite a experiencia. A gran maioría dos que foron atendidos na caseta foron peregrinos e peregrinas correspondendo co 93% que facían o Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía a pé 88% ou en bicicleta 5%; e unha pequena porcentaxe do 7% foron turistas que se achegaron ata Negreira en coche particular ou noutros medios de transporte. Respecto a idade, o grupo máis numeroso represéntao as persoas entre 35-60 anos cun 48%, en segundo lugar os de entre 18-35 cun 26%, seguido dos de máis de 60 anos co 24%, e por último cunha representación do 0,96% os menores de idade. En canto o sexo das persoas que pasan pola caseta de información turística o 56% son homes e o 44% mulleres.

 

Por outro lado, a media por día de usuarios e usuarias que pasan pola caseta de información turística anda entre as 25 persoas diarias, sendo os martes, mércores e xoves, onde se concentra unha maior afluencia de persoas que buscan información. Podemos destacar o día 25 de setembro no que pasaron pola oficina un total de 70 persoas, chegando á cifra máxima do mes.

 

Foto: Arquivo Concello de Negreira

Diseño sin título (16).png

 

Nos últimos sete días, o 80% dos concellos galegos non tiveron novos casos de coronavirus. É por iso que a Xunta de Galicia decidiu relaxar as medidas restrictivas a partir do sábado día 9 de outubro. Ademáis, a porcentaxe de positividade é do 1,20% moi por debaixo do 5% recomendado pola OMS e do 3% que tiñamos establecido en Galicia. Hai que engadir tamén que, no que atinxe á hospitalización somos a comunidade con mellor situación, tanto en hospitalizados de agudos coma en UCI. Dende o pasado luns 4 estamos na nova normalidade.


Iso, unido a unha elevada porcentaxe de vacinación, o 92,5% da poboación diana ten xa a pauta completa, recomendan que sexa o momento de ir ampliando aforos.
Deste xeito, a Xunta relaxará a partir do sábado 9 de outubro as restriccións de ocupación ao 90%, como eixo principal de referencia. Nesta nova etapa, xa non temos os niveis de concellos coma referencia. Hoxe están todos en nivel medio baixo e rexerán para todos eles as mesmas normas; agás en situacións concretas con gromos que obriguen a tomar medidas extraordinarias:

 

Actividades no interior

Comercios, academias, lugares de culto, congresos.. tamén en instalación deportivas e tamén na cultura. A partir do sábado 9 de outubro, o aforo pasa do 75% ao 90%. Elimínase ademáis o número máximo de grupos de persoas para a realización de actividades (por exemplo, ximnasio).

 

Espectáculos en recintos interiores

A partir do sábado, pasamos do 75 ao 90% de público sentado; e o aforo será do 50% co público de pé.

 


Espectáculos ao aire libre

- Público sentado, pasamos do 75 ao 90%.

- Público de pé: pasáse do 33% ao 66% (sen número máximo de persoas—tiñamos 5.000—isto desaparece.

 

Zonas comúns e instalacións destinadas ao turismo

Do 50% pasáse o sábado ao 75%.

Albergues

Estaba no 50% pasa ao 75% (excepto conviventes, ou grupo burbulla que é do 100% -igual que na fase 0).

 

Velorios

Pasamos de 10 persoas máximo, a 20 por túmulo.

 

Sobre a hosteleria segura

- Amplíase o número de persoas que poden estar xuntas en grupo, pasando de 8 a 10 en interior, e de 15 a 20 en exterior.

- Amplíase o aforo nos locais con unha cunchiña, pasamos del 50% ao 75% en interior / e do 75 % ao 90% en exterior con dúas cunchiñas ata o 90% en interior. (pasa do 75 ao 90% e mantense o 100% en terraza

 

Lecer nocturno

O Comité Clínico considera que o mellor é agardar, dado que acaba de entrar en vigor o novo protocolo, avalado polo TXSG.

 

Transporte público

Amplíase o aforo de pé ao 75% (e permanece no 100% xente sentada.)

 

Dentro de 15 días, un ciclo completo, si a cosa segue ben, seguiremos ampliando aforos e achegándonos a esa normalidade. Non debemos esquecer as normas xerais de seguridade frente ao covid-19: uso de máscara en interior e en extrerior cando non podemos cumprir a distancia de seguridade; distancia interpersoal, hixiene de mans, e unha boa ventilación en espazos interiores.

mostra-cultural-ramona-do-tambre.JPG

Ramona, ou Ramona do Tambre, é noticia esta semana por exhibir os seus cadros na sala de exposicións do Centro Sociocultural. Ramona, de 87 anos, era a propietaria do Bar merendeiro Ponte Ínsua, na Abeanca e que rexentou durante máis de 40 anos. Foi famosa polas troitas e a costela en zorza, en Negreira e alén de Negreira. A súa clientela incluía xente como Manquiña, Pemón Bouzas, Xosé Manuel Beiras, etc.

 

Ramona non só era cociñeira, taberneira e empresaria, senón tamén era e segue sendo unha persoa entrañable, moi simpática e realmente querida por moitísima xente. Os últimos anos foron especialmente duros para ela por perdas importantes na familia, pero aos seus 87 anos demostrou sacar toda a súa valentía para saír adiante con máis forza ca nunca. Despois de sufrir problemas de saúde fai tres anos, decidiu mergullarse na pintura e xunto as súas dúas coidadoras pintou mais de 40 cadros, trinta deles expostos agora no Centro Sociocultural da vila.

Diseño sin título (17).png

 

O Concello de Negreira informa á veciñanza do comezo este venres 15 de outubro, da tempada das actividades deportivas e culturais 2021/22, e que van ter unha duración de 8 meses, finalizando o 15 de maio de 2022.

 

Todas as persoas inscritas nas actividades foron admitidas debido ao levantamento das restricións sanitarias en Galicia, e maila ampliación de aforos. A pesar disto, aínda deberemos cumprir coas seguintes normas durante as clases:


1.- Uso obrigatorio da máscara en todas as actividades.
2.- Na entrada dos recintos haberá xel hidroalcólico para os usuarios.
3.- Non se poderá usar as duchas nas instalacións.
4.- Estará habilitada unha zona de entrada e outra de saída, naqueles recintos que se poda realizar.

Consulta aquí a listaxe de persoas admitidas:

DSC_0055.JPG

O Diario Oficial de Galicia publicou este xoves 14 de outubro de 2021, o acordo con data do 5 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, da Consellería de Economía, Emprego e Innovación, polo que se somete a información pública por un prazo de 30 días, a documentación técnica pola solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto de solución de evacuación conxunta dos parques eólicos Maragouto e Banzas, nos concellos de Mazaricos, Brión, Lousame, ????????, Outes e Rois (expediente IN408A 2020/144).

 

Dende o Concello de Negreira vaise a ofrecer colaboración á veciñanza para que poida presentar alegacións, ao tempo que estudarase a documentación relativa a este proxecto de solución para a evacuación conxunta de parques eólicos entre os que se inclúen os de Alvite e Alvite II, no territorio municipal.

 

Este prazo de exposición pública cóntase a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia. A documentación atópase exposta na Casa do Concello, pero tamén pode consultarse na web da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e nas seguintes ligazóns:

 

• Anuncio do 14 de outubro de 2021:

 

• Proxecto de execución:
http://descargas.xunta.es/964c2a23-a108-480a-b7a6-fd79d10338ea1633106558004

 

• Plano Xeral do proxecto do Parque Eólico:
http://descargas.xunta.es/9c9381e7-2096-4b1a-9286-66789177ea461633106085834

 

• Estudo de Impacto Ambiental (EIA):
http://descargas.xunta.es/33db8149-2769-4723-a212-09d8be9f1faa1633106372818

 

• Proxecto de Interese Autonómico:
http://descargas.xunta.es/e25a3ba2-94c5-4967-9de1-5c6a69da985a1633107008812

 

DSC_0029.JPG

A Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia, somete a información pública o Estudo de Impacto Ambiental (EIA), e a solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Sete Fontes, de 54 MW e a súa infraestructura de evacuación, nos concellos de Outes e Negreira, na provincia da Coruña. Dito anuncio foi publicado o xoves 14 de outubro de 2021 no Boletín Oficial do Estado (BOE), e o peticionario do mesmo é: Green Capital Development 118, S.L.U.

 

Nº de Disposición: BOE-B-2021-41942|Boletín Oficial: 246|Data Disposición: 0000-00-00|Data Publicación: 2021-10-14|Órgano Emisor: Ministerio de Política Territorial.

 

O parque eólico Sete Fontes de 54 MW de potencia nominal, estará integrado por nove (9) aeroxeradores tripala de 155 metros de diámetro, de 6.000 kW de potencia nominal unitaria e de 122,5 metros de altura de buxe. Conta con centros de transformación en cada un dos aeroxeradores 0,69/30kV. Rede subterránea de media tensión de evacuación, 30kV; Subestación elevadora de tensión "Sete Fontes"30/132kV, e Liña Aérea de Alta Tensión (LAT), de evacuación 132kV: Desde a subestación "Sete Fontes" ata o punto de conexión en T co apoio nº15 da liña aérea de alta tensión "SET Banzas -SET Colectora Lousame".

 

O proxecto do parque eólico Sete Fontes e a súa infraestrutura de evacuación están suxeitos a avaliación de impacto ambiental ordinaria, en virtude do definido no artigo 7.1.a de a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. O órgano ambiental competente para emitir a declaración de impacto ambiental é a Dirección General Calidad y Evaluación Ambiental do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

 

De conformidade co previsto no artigo 53.1.a de a Lei 24/2013, do 26 de decembro, a tramitación de ambos os procedementos (Autorización Administrativa Previa e Avaliación de Impacto Ambiental) está a efectuarse de maneira conxunta. Corresponde á Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia a tramitación de ambos os procedementos. Con tal motivo, esta Área é o órgano competente ante o que poden presentarse as alegacións que se estimen convenientes.

 

O prazo de exposición pública é de trinta (30) días, contados a partir do día seguinte a súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE). O proxecto das instalacións e o estudo de impacto ambiental poden ser consultados a través da seguinte ligazón:

 

https://ssweb.seap.minhap.es/almacen/descarga/envio/066df3a7060c86c3799358324c2f04b6bf8db544

 

Tamén se pode consultar na sede electrónica da Delegación do Goberno en Galicia, en: "Procedimientos de información pública" dentro do apartado: "Proyectos, Campañas e Información". 


https://www.mptfp.gob.es/portal/delegaciones_gobierno/delegaciones/galicia/proyectos-ci/INFORMACION_PUBLICA/INSTALACIONES_ELECTRICAS.html 


A documentación tamén foi posta a disposición de cada un dos concellos afectados.

ImagenDOG

 

Atópase a disposición das persoas interesadas, a documentación relativa á futura instalación da Liña de Alta Tensión (LAT), entre os parques eólicos de Troitomil (A Baña) e Banzas (Outes), que permanece en exposición pública durante un prazo de 30 días.


A empresa Green Capital Power, S.L., é a promotora desta liña que atravesará os concellos da Baña e Negreira, polo que dende o Concello de Negreira vaise a colaborar coa veciñanza para que poidan presentar as alegacións que estimen oportunas contra o referido proxecto.


A documentación atópase exposta na Casa do Concello, pero tamén pode consultarse na web da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e nas seguintes ligazóns:

 

• Acordo do 5 de outubro de 2021

• Documentación técnica do proxecto

• Plano xeral do parque eólico

• Estudo de Impacto Ambiental

• Proxecto de Interese Autonómico

 

Fonte Seca.jpg

 

Infórmase á veciñanza de Negreira e comarca, ca este domingo 24 de outubro, a Asociación Fonte Seca da Baña, promove polas rúas de Negreira unha manifestación contra os parques eólicos abusivos que comezará ás 11.30 horas na zona da avenida das Brañas, e que logo seguirá pola rúa da Cachurra, a Carreira de San Mauro até o Campo da Feira, e dende alí, voltará pola Carreira hacia a avenida de Santiago, a Fonte do Carme, o Camiño Vello e entrada á praza do Concello, onde rematará o percorrido da mesma coas intervencións para amosar a disconformidade da poboación coa implantación masiva de parques eólicos na comarca de Barcala.


Por este motivo, lémbrase que a circulación de vehículos verase afectada ao paso da manifestación polas rúas anteriormente citadas durante o tempo de duración da mesma. A autorización da Subdelegación do Goberno da Provincia de A Coruña indica que a concentración rematará ás 14.00 horas.