Co gallo da conmemoración do próximo 25 de novembro "Día da loita contra a violencia de xénero", a Deputación da Coruña pon en marcha unha campaña online e colaborativa baixo o lema: "De fronte á violencia de xénero", á que poden adherirse entidades públicas e privadas que conta cun programa de actividades online, dirixido a público infantil, xuvenil e adulto, e apela directamente á participación e implicación social. Na web defronte.gal podes seguir a campaña e adherirte a ela, así como na web e nas redes de Facebook, You tube e Twitter da Deputación da Coruña.
Mediante esta campaña procúrase promover a creación dunha rede de administracións locais e entidades sensibles e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia de xénero, xerando sinerxías entre elas, coa propia Deputación, e co resto da sociedade. Entre os seus obxectivos tamén se encontra a sensibilización social fronte á violencia de xénero, así como fornecer de recursos accesibles ou apoiar a diversificación da oferta de actividades socioculturais relacionadas coa igualdade de xénero.
Programa
Contaremos con tres palestras informativas, un concurso de desafío poético, unha actividade colectiva de papiroflexia e un contacontos.
A partir do día 4 de novembro se ofrecerán online e en aberto tres conferencias que abordarán a violencia de xénero desde diferentes perspectivas, como o da mocidade, da man de Vanessa Rodríguez Pousada, das tecnoloxías da información, con Sara Vierna Fernández, e dos medios de comunicación, con Ana Sanmartín López.
O Desafío poético, é un concurso que se desenvolverá entre o 4 e o 26 de novembro e que consiste en compartir en Facebook ou Twitter un texto poético, propio ou non. O premio serán tres bonos de 60€ para gastar en librarías da provincia.
Entre o 9 e o 15 de novembro desenvolverase unha actividade, guiada por Palmira Castro, de narración poética para todas as idades, conxuntamente cunha acción colectiva de origami nas redes sociais.
Para público infantil e familiar, ofrécese "Contos de nenas grandes e pequenas", unha produción de Marta Ortiz e Brais das Hortas, en aberto do 23 ao 29 de novembro.
Por último, a campaña verase reforzada por oito pequenos vídeos onde diferentes persoeiros da cultura galega recitarán versos contra as violencias machistas.
Lembrade que podedes compartir nas redes a campaña, así como a vosa participación, a través do cancelo #defronte.
O Concello informa que o número de casos activos pola pandemia sanitaria en Negreira é a día de hoxe, e segundo datos proporcionados polas autoridades sanitarias, de 11 casos activos, cun incremento de seis novos contaxios na última semana e polo cal, o noso concello atópase actualmente no nivel de alerta 1 (cor amarela), con entre 7 e 14 casos detectados nos últimos sete días, a través das probas PCR que Sanidade está a facer entre a poboación.
Lémbrase á cidadanía a importancia de manter as distancias de seguridade, a hixiene de mans e mailo uso de máscara en todos os ámbitos, con especial chamamento nas xuntanzas de amizades e familiares, que a Xunta ampliou esta semana a un máximo de seis persoas non conviventes naqueles concellos que coma o noso, non están suxeitos ás novas restricións.
Unha vez máis debemos apelar á responsabilidade individual para conter o avance da nova enfermidade e así, evitar a súa propagación entre a veciñanza do noso concello, sobre todo aquela de maior risco polas súas patoloxías e idade.
Dada a confusión detectada en torno ao que debería ser a correcta xestión das máscaras desbotables, unha vez convertidas en residuos, a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), vén de lanzar unha campaña baixo o título: “Non enmascares a túa responsabilidade: as máscaras desbotables, ao contedor da fracción resto”. Está integrada por un vídeo que explica cómo debe actuar a cidadanía para evitar que os novos residuos derivados da pandemia da Covid-19 (máscaras, toalliñas desbotables, guantes,…), acaben abandonados na contorna natural.
O correcto uso dos elementos de protección individual fronte ao novo virus faise indispensable para evitar, ou alomenos minimizar, a propagación dunha pandemia que, ademais de constituír unha seria ameaza para nosa saúde e economía, alterou substancialmente a nosa forma de vida.
- Tomar conciencia da situación faranos máis cautelosos e precavidos. Debemos protexernos a nós mesmos e axudar á protección dos demais.
- O consumo responsable cobra de novo protagonismo e, como alternativa ás máscaras hixiénicas dun só uso, recoméndase as reutilizables (de especificación UNE 0065), que propician en boa medida a redución de residuos.
- En caso de optar polas máscaras desbotables, unha vez esgotada a súa vida útil deben depositarse no contedor verde convencional, en bolsa pechada, xunto coa fracción resto (bolsa negra). En Sogama, a parte non reciclable do lixo valorízase enerxeticamente, e con todos os controis ambientais, a temperaturas superiores a 850ºC, permitindo deste xeito a destrución de axentes nocivos. Mesmo percorrido seguen as luvas de usar e tirar, confeccionadas habitualmente con vinilo, vitrilo, polietileno ou látex.
- As máscaras desbotables constitúen un dos novos residuos hixiénico- sanitarios que acaban abandonados na natureza. A maioría están fabricadas con polipropileno non tecido (un tipo de plástico), polo que o seu negativo impacto na contorna non ofrece dúbida.
- Unha máscara hixiénica común tarda entre 300 e 400 anos en degradarse no medio natural. E nese intervalo de tempo pode afectar aos ecosistemas de distintas formas.
- Estar vixiante no correcto uso das máscaras conforme ás instrucións das autoridades competentes en cada momento e xestionalas correctamente unha vez convertidas en refugallos, resulta esencial. Baixo ningún concepto poden arroxarse á vía pública ou ao medio natural, toda vez que constitúen un foco de contaminación.
Pola súa banda, o destino dos envases de xel hidroalcohólico debe ser o contedor amarelo para propiciar a súa separación na planta de clasificación de Sogama e posterior envío ao correspondente centro reciclador.
Imponse o rigor desde a dimensión hixiénica. Completemos a protección co lavado frecuente de mans, evitemos tocarnos a cara e manteñamos a distancia de seguridade con outras persoas.
Xestión das máscaras desbotables from Sogama on Vimeo.
A Corporación Municipal de Negreira celebrará o luns, día 9 de novembro, ás 20:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello, unha sesión ordinaria do Pleno, conforme á seguinte orde do día:
1º.- Dar conta dos Decretos de Alcaldía emitidos dende o último Pleno Ordinario: do nº 159/2020 ó nº190/2020, ambos inclusive.
2º.- Convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na área de transporte metropolitano de Santiago de Compostela.
3º.- Aprobación inicial, se procede, da modificación orzamentaria número 35/2020.
4º.- Aprobación provisional, se procede, da modificación das tarifas dos servizos municipais de abastecemento de auga potable e depuración de augas residuais.
5º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE cara a elaboración dun Modelo Eólico Integral.
6º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE en relación ao sobrecuste que supón para os concellos os gastos de limpeza e desinfección dos Centros Educativos de titularidade autonómica.
7º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do PP en relación á realización de certas actuacións co fin de mellorar o Campo da Feira.
8º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do PP para instar ao Goberno de España a aprobar, urxentemente, unha Lei que garanta o dereito constitucional á propiedade privada e combata eficazmente a ocupación ilegal de vivendas.
9º.- Rogos e preguntas.
A iluminación LED é a mellor opción, non só porque potencia o aforro enerxético, evitando encarecer a factura pola iluminación das rúas. Tamén porque diminúe a tensión e a contaminación lumínica, mellorando de paso a cantidade de luz nas rúas. Por último, pola súa eficiencia, pola duración da luz ou pola súa contribución respectuosa co medio ambiente, debido aos produtos cos que se fabrica o LED.
O Concello de Negreira está a executar un proxecto de renovación das instalación de iluminación pública exterior para a mellora da eficiencia enerxética en dez rúas da vila:
- Avenida das Brañas
- Avenida de Barcala
- Avenida de Vilachán
- Rúa da Cachurra
- Rúa Camiño Vello
- Rúa de Castelao
- Rúa Víctor García Ferreiro
- Rúa do Corzán
- Rúa do Tambre
- Rúa Fonte do Carme
Trátase dun proxecto financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental, da Consellería de Industria, e cuxo orzamento ascende a 65.000 euros (IVE incluído), distribuidos da seguinte forma:
- Luminaria LED de 100 watios – 34 unidades
- Luminaria LED de 40 watios – 115 unidades
- Punto de luz con columna de 6 metros e brazo – 4 unidades
Ademais, tamén se van mellorar tres cadros eléctricos coa súa correspondente legalización.
Página 77 de 260