DSC_1175.JPG

A Corporación Municipal de Negreira con data de 18 de decembro de 2017 aprobou o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (Plan Único de Concellos) ¨POS +2018¨, da Deputación de A Coruña, cuxos investimentos e reparto de fondos é o seguinte:

Achega provincial 2017 aplicada ao financiamento de pago a proveedores

Importe: 10.091 euros.

 

Achega provincial 2017 para investimentos financeiramente sostibles

Asfaltados e formigonados de pistas e camiños en: San Vicente; A Pena; Gonte; Casa do Mato (Bugallido); Marcelle; Pedralonga (Xallas); Broño; Couso de Abaixo (Campolongo); Romarís (Arzón); Maio Grande (Liñaio), e Borreiros (Logrosa).

Colocación de tubaxes: en Campolongo e San Tomé, e cuneta en A Barquiña.

Senda peonil: entre A Barquiña e A Chancela.

Importe total: 317.944 euros.

 

Achega provincial 2018 aplicada ao financiamento de gastos correntes

Importe: 300.000 euros.

 

Achega provincial 2018

Muro de contención en mampostería en Redemuiños (Broño).

Importe: 34.343 euros.

 

Plan Complementario (POS+2018)

Saneamento e EDAR en Zas; saneamento en Gonte e Gándara, e rede separativa de augas pluviais na avenida de Feiraco.

Importe total: 191.774 euros.

franreipedrobrandariz

Os cómicos Fran Rei e Pedro Brandariz estarán novamente en Negreira este venres, 29 de decembro. Desta volta traerannos o espectáculo de clown  'Menú Magnífico'.

Estes dous humoristas, integrantes da compañía 'Os sete magníficos máis un', visitarán o auditorio do Centro Sociocultural para divertir e facer rir ao público. Será ás 8 da tarde con entrada libre e para todos os públicos.

Fran Rei é cofundador, pallaso en activo e coordinador da compañía oficial do Festival Internacional de Clown de Galicia (Festiclown) 'Os sete magníficos máis un', coa que ten participado en máis de dez espectáculos desde o ano 2001. Igualmente, ten traballado noutras compañías de teatro galegas, como Bagunça Teatro, Producións Desaqueloutrdas e Acontrabutaca.

Pedro Brandariz é un dos cómicos galegos máis emerxentes. Actor, clown, monologuista, contacontos, cabareteiro... abeira o humor dende moi diferentes eidos. Procede do mundo do clown, aínda que ten traballado en compañías de teatro máis clásico, teatro infantil, etc. Tamén ten participado en espectáculos de cabaré e sobre todo como monologuista, ademais de formar parte de diversos proxectos audiovisuais.

Axudas.jpg

O Concello de Negreira pón á disposición da veciñanza axudas para sufragar os gastos das vacinas de meninxite B

Están destinadas a menores de 18 anos que leven máis de 6 meses empadroados/as neste municipio. Así mesmo, non poderán superar os ingresos económicos establecidos nas bases reguladoras.

O prazo para a presentación de solicitudes irá do 2 ao 30 de xaneiro de 2018. Para obter máis información débese contactar co Departamento de Servizos Sociais do Concello de Negreira. 

turron291217.jpg

A I Carreira do Turrón foi suspendida por mor do mal tempo. O Concello de Negreira deciciu cancelar este evento debido á meteoroloxía adversa que se agarda para este sábado, tendo en conta ademais que se trata dunha cita á que acoden moitos nenos e nenas.

 

Dende o Concello valórase moi positivamente a alta participación, xa que había unhas 150 persoas anotadas. Polo de agora a carreira queda adiada, á espera de coñecer se se vai celebrar noutra data. 

alimentos291217.jpg

A Asociación Deportiva Nicrariense de fútbol base fíxolle entrega hoxe ao Concello de Negreira da axuda solidaria recadada o pasado sábado 23 durante a celebración do seu I Torneo de Nadal de Fútbol 8 en categoría benxamín. A recollida solidaria alcanza os 200 quilos de alimentos non percedeiros que lle foron entregados aos Servizos Sociais para o seu posterior reparto entre as familias con máis necesidades do noso concello.

 

No acto de entrega, que se levou a cabo nas instalacións do campo municipal de Cepelo, participaron membros da directiva de ADN encabezada polo seu presidente, Luis Arán, e contou coa asistencia do primeiro tenente de alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez.

 

Esta importante axuda súmase á que está a recoller a Asociación de Amas de Casa de Negreira, dentro da súa campaña solidaria que remata o próximo día 5 de xaneiro. As persoas interesadas poden entregar alimentos non perecedeiros e produtos de hixiene e limpeza nos distintos supermercados da vila, así como os martes e os xoves, de 17:30 a 20 horas na sede que a asociación ten no edificio do antigo instituto, na rúa Castelao.

A Corporación Municipal de Negreira convoca un pleno con carácter ordinario para próximo día 8 de xaneiro (luns) de 2018 ás 20:00  horas no Salón de Plenos do Concello, conforme a Orde do Día que se relaciona a continuación:

         

Punto Primeiro.- Aprobación, se procede, das actas seguintes:

 

-          Acta do Pleno ordinario de data 13 de novembro de 2017

-          Acta do Pleno extraordinario e urxente de data 15 de novembro de 2017.

-          Acta do Pleno extraordinario e urxente de data 16 de novembro de 2017.

 

Punto Segundo.- Dar conta dos Decretos de Alcaldía emitidos dende o último Pleno Ordinario: Do nº 194/2017 ó nº 221/2017, ambos inclusive.

 

Punto Terceiro.- Dar conta á Corporación do escrito presentado polo Presidente e a Secretaria da Asociación de Veciños San Pedro de Gonte.

 

Punto Cuarto.- Modificación na composición da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero.

 

Punto Quinto.- Cesión gratuita de uso de Aula no Edificio de servizos múltiples á Asociación Cultural de Amas de Casa de Negreira.

 

Punto Sexto.- Cesión gratuita do uso do Local Social de Covas á Asociación de Veciños de As Neves de Covas.

 

Punto Sétimo.- Expediente de investigación sobre Local Social sito en Pesadoira, parroquia de Sto. Tomé de Alvite.- Resolución.

 

Punto Oitavo.- Proposta de acordo que formula o Sector de Administración Local do Sindicato CC.OO, ante o Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2018.

    

Punto Noveno.- Rogos e preguntas.

cabalgata040118.jpg

O Concello de Negreira, a través da Delegación de Cultura e Deportes, informa de que non se vai realizar o percorrido polas rúas da Cabalgada de Reis Magos de Oriente, dadas as inclemencias meteorolóxicas previstas.

 

Os actos serán trasladados ao pavilllón do colexio O Coto, na rúa Rosalía de Castro, onde as Súas Maxestades farán a recepción dos nenos e nenas, así como a entrega de agasallos a partir das 18h da xornada do venres.

reis080118.jpg

O Concello de Negreira fixo entrega dos premios do concurso de escaparates de Nadal, e que nesta ocasión foron, segundo a valoración do xurado, para os seguintes establecementos:

 

1º - Confeccións Capeáns

2º - Confeccións Castro

3º - Abraham Fotógrafas

 

Na entrega das súas figuras de cerámica de Sargadelos participaron o alcalde, Jorge Tuñas Caamaño, e maila concelleira de Cultura, Flora Grille Novio, quenes tamén entregaron o premio aos gañadores/as do concurso de cartaces que foi para o debuxo realizado polos nenos/as da aula de 4 anos B do Ceip O Coto, coa súa mestra Mari Paz Tomé, á fronte. 

entroido2018.jpg

O desfile a mediodía dos nenos e nenas da Escola Infantil Municipal polas rúas da vila, marcará o pistoletazo de saída o venres 9 de febreiro, aos grandes festexos do popular Entroido 2018 do Concello de Negreira, seguido pola noite da actuación da orquestra Os Satélites, ás 23 horas, na Praza do Concello, onde haberá unha carpa.

 

Polo que se refire ao gran desfile de carrozas e comparsas, o sábado 10 de febreiro, hoxe mesmo ábrese a inscrición para as agrupacións interesadas en participar nun desfile que arrincará ás cinco da tarde dende o Campo da Feira para percorrer as principais rúas de Negreira, rematando diante da Casa do Concello, onde ás seis da tarde terá lugar a lectura do pregón. 

 

O Concello de Negreira manten a cuantía económica dos diferentes premios en metálico: 1.000; 600; 300; 150 e dous accésits de 100 euros, respeitivamente, tanto na modalidade de carrozas como na de comparsas. En grupos os premios serán de: 250; 150 e 100 euros, e na modalidade de individuais/parellas de 150, 100 e 50 euros, para os tres primeiros clasificados. En canto á modalidade de mellor copla ¨Juan Varela Areoso¨, a cuantía é de 100 euros.

 

Como colofón ao gran desfile de carrozas e comparsas do Entroido 2018 tralo mesmo, haberá unha entrega de premios na Praza do Concello, onde a orquestra Xacobeo amenizará a festa.

 

O domingo 11 de febreiro, a partir das 10 horas vaise celebrar a II Festa dos Callos que organiza a SD Negreira, baixo unha carpa instalada na Praza do Concello, e xa pola tarde, o baile de disfraces para maiores no Centro Sociocultural, a partir das sete da tarde e amenizado por un dúo musical.

 

O luns 12 de febreiro é a quenda para o baile e concurso infantil de disfraces, dende ás cinco da tarde no Centro Sociocultural, cuxos premios pódense consultar máis abaixo.

 

Por último, e como principal novidade, o Concello recupera o seu concurso de receitas de Entroido, cuxas bases pódense consultar nesta web. O fallo do xurado e entrega de premios efectuarase o sábado 17 de febreiro nun acto a desenvolverse no Centro Sociocultural, dende as sete e media da tarde. Inclúe premios para as tres mellores receitas.  

 

A Corporación Municipal de Negreira acordou fixar para o sábado día 3 de febreiro, ás 13:00 e diante da Casa do Concello, a celebración dun acto de apoio á familia da pequena Julia, así como a todas aquelas outras que padecen unha enfermidade rara para que sexan recollidas no Real Decreto 1148/2011,  e teñan acceso aos mesmos dereitos como as compensacións económicas pola reducción da xornada laboral dos pais e nais para atender aos seus fillos/as, dentro sistema da Seguridade Social, posto que a aplicación do Real Decreto está dando lugar a situacións de desprotección para as familias de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave, o que conleva unha constante atención e coidado  dos menores.

 

A realidade revela que a aplicación práctica do Real Decreto 1148/2011 está dando lugar a situacións de desprotección en supostos de enfermidades graves e incapacitantes, en menores que precisan unha constante atención e coidado, pero que non poden incluírse na listaxe de 109 enfermidades que recolle o Real Decreto, nin tampouco, nas cláusulas abertas contidas no mesmo.

 

Respecto da concesión das prestacións, o verdadeiramente relevante non é tanto a inclusión do nome exacto da enfermidade na listaxe, senón si esa enfermidade é en verdade grave ou invalidante.