obradoiro2903172.jpg

Vinte alumnos/as remataron a súa andaina de seis meses na etapa de formación e traballo, promovido polo Concello de Val do Dubra en colaboración con Negreira e A Baña, cuxos alcaldes presidiron o acto de entrega dos diplomas de certificación de profesionalidade nivel 1, entre eles, sete veciños/as do noso concello.

 

Á clausura asistiu Isidoro Martínez, xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, da Xunta de Galicia, quen puxo en valor este tipo de programas mixtos de formación e emprego. Neste caso, o Obradoiro de Emprego Barcala-Dubra II contou cunha achega de 180.000 euros, con dous módulos: operario auxiliar de acabados ríxidos e urbanización e operario auxiliar de revestimentos continuos en construcción.

 

obradoiro2903171.jpg

 

Os alcaldes de Val do Dubra, Negreira e A Baña, Antonio Negreira, Jorge Tuñas Caamaño e Andrés García Cardeso, respeitivamente, acompañaron aos participantes e mailo profesorado, xunto coa asistencia do concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Ángel Leis Míguez, e maila concelleira de Emprego, Mar García Vidal, e maila súa homóloga da Baña, Alicia Blanco Sande.

 

Cabe lembrar que os tres concellos, xunto ao de Santa Comba, veñen de solicitar un novo proxecto de obradoiro de emprego que para o 2017 pasará a ter unha maior duración, de nove meses, e para dúas modalidades: Operacións auxiliares e revestimentos continuos en construcción e, de auxiliar de axuda a domicilio. Ofertará vinte prazas -dez por módulo- dirixido a persoas desempregadas maiores de 18 anos.

 

En Negreira, os alumnos-traballadores realizaron o pintado interior da Escola Unitaria de Aro, así como o adecentamento da fachada do edificio do antigo instituto, xunto co formigonado dunha rúa do Parque do Coto e maila parte traseira do Pavillón de Pedra Mámoa.

viapublica2.jpg

O Concello de Negreira lembra a empresas e particulares da existencia dunha Ordenanza Municipal que prohíbe a utilización do mobiliario público e, en fachadas na vía pública, de colocación de cartelería. Lembra que segundo recolle a ordenanza, as sancións económicas van desde os 750 euros para as faltas leves, e de 750 a 1.500 euros para as faltas graves ou daqueles reincidentes, e de 1.500 a 3.000 euros nos casos moi graves.

 

Ante a aparición hoxe en varias rúas do casco urbán de papeis colocados en farolas e baixantes de edificios, a Policía Local requeriu aos responsábeis da devandita firma para que retirasen dita propaganda, iniciando o correspondente expediente sancionador.

 

Por todo o anterior, desde o Concello de Negreira advírtese que non está permitido a colocación de cartaces e propaganda no mobiliario urbano, sen unha autorización municipal previa, así como en elementos comúns da vía pública coma fachadas e baixantes da auga de edificacións.

autismo mural.jpg

Este domingo 2 de abril celébrase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, e o Concello de Negreira súmase ao apoio ás familias de persoas con Transtorno do Espectro do Autismo (TEA). O lema escollido este ano é: Rompamos xuntos barreiras polo autismo. Fagamos unha sociedade accesible.

 

Dende a Escola Infantil Municipal leváronse a cabo diferentes actividades como a elaboración dun mural con pezas dun puzzel, cada unha pintada por unha clase e que logo uníronse, e mesmo estiveron a repartirse pulseiras de cor azul entre os nenos/as e mailas profes, xa que é a cor representativa da causa. Tamén remitíronlle unha carta ás familias para que o domingo 2 de abril poidan locer algo de cor azul e axudar na concienciación. 

 

autismo 2.jpg

 

Animádevos a cambiar a imaxe do fondo de perfil nas vosas redes sociais pola seguinte...

                                      

Foto fondo.jpg

 

Tan importante é sensibilizar como informar das manifestacións máis frecuentes deste trastorno na infancia. Detectar o autismo o máis cedo posible implica poder ter un mellor pronóstico. Na franxa de 18 - 24 meses é cando acostuman a aparecer estes síntomas. Se se detecta tan só tres dos síntomas que aparecen neste cartaz nun neno, xa é motivo de alerta.

                                            Cartaz síntomas.jpg

 

A Confederación Autismo España e a Confederación Española de Autismo (FESPAU), en coordinación con Autismo Europa, promoven unha campaña de concienciación para dar a coñecer este trastorno á sociedade e atraer a atención sobre as necesidades e a realidade das persoas con TEA.

 

As persoas con autismo enfróntanse a moitas barreiras á hora de gozar dos seus dereitos fundamentais e de formar parte plenamente da comunidade. As barreiras ás que se enfrontan varían en función de cada individuo e das súas necesidades específicas. O autismo é un gran descoñecido dentro da sociedade e existen moitos falsos mitos sobre este trastorno.

 

Para o movemento asociativo do autismo é moi importante que a sociedade entenda cales son as barreiras ás que se enfrontan as persoas con TEA porque iso permitirá unha mellor adaptación ás súas necesidades e reforzará a inclusión destas persoas en todos os ámbitos da sociedade.

 

O autismo é unha alteración do neurodesarrollo de orixe multifactorial, o cal provoca dificultades na comunicación, na interacción social e dificultades coxnitivas. Non é unha enfermidade. Non se cura.... COMPRÉNDESE.

 

Prema no seguinte enlace para ver o vídeo da campaña de concienciación do 2017.

 

Máis info: www.diamundialautismo.com

#DiaMundialAutismo

Fase Final Comarcal de fútbol sala 2017.jpg

O Pavillón Municipal de Pedra Mámoa acolleu a Fase Final Comarcal da Liga Escola Barcala-Xallas-Muros, de onde sairon os tres equipos que participarán na Fase Final Intercomarcal do programa Xogade, a celebrarse no 29 de abril, e con Negreira de novo como sé, nos pavillóns de Pedra Mámoa e o de San Vicente, no veciño Concello da Baña.

 

En categoría Alevín, o equipo do Negreira B resultou campión ao vencer na final 7-2 ao conxunto de Brión B, logo de superar en semifinais 1-3 ó Negreira A. Os de Brión pasaron á final tras impoñerse na tanda de penaltis ao Santa Comba tralo 3-3.

 Alevíns.jpg

                               

En categoría Infantil, a vitoria na final correspondeu ao equipo de Brión 6-3 sobre o Mazaricos.

                        

 Infantil Brión.jpg

 

Na categoría Benxamín, resultou vencedor o equipo da Escola Deportiva Os Miúdos, de Muros, logo gañar na final por un axustado 4-3 a Brión, quenes en semifinais deron a sorpresa ao derrotar nos penaltis ó equipo de Negreira tralo empate a dous goles no marcador. Na outra semifinal, venceu Os Miúdos 7-1 a Mazaricos.

 

                           Os Miúdos.jpg

 

En canto á categoría Prebenxamín, categoría que non participa na Fase Final Intercomarcal, non chegou a xogarse pola incomparecencia do equipo do Concello de Santa Comba que debía disputar a final da tarde ante o equipo de Negreira. Finalmente, xogou un amigable entre os dous equipos da Escola Deportiva co resultado final de 4-1 para o Negreira A.

 

                                 Prebenxamín.jpg

 

Entrega de premios

 

Ao remate da xornada que contou cun gran ambiente nas bancadas de Pedra Mámoa, entregáronse os trofeos por parte do alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño; o concelleiro de Deportes e Xuventude, José Daniel Casal Leis; a concelleira de Educación e Servizos Sociais, María Jesús Veiga Hortas, e maila concelleira de Emprego, Muller, Agricultura e Medio Ambiente, María del Mar García Vidal. 

mamatrabajo4.jpg

A Xunta abre o prazo de solicitude da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de 3 anos. A orde do 24 de marzo de 2017 pola que se establecen e regulan as bases ten por obxecto establecer as bases e convocatoria para a concesión da prestación familiar.

 

Devandita convocatoria ten aberto o prazo de solicitude dende hoxe día 4 de abril até o 29 de maio, ambos os dous incluídos, nos Servizos Sociais Comunitarios, na Casa do Concello.

 

Contía da axuda

 

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria.

 

A contía será a seguinte:

•       Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.

•       Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.

•       Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

 

Máis información .

guarderia3.jpg

O Concello de Negreira ten aberto o prazo para a renovación de matrícula e de solicitude de novo ingreso, de nenos e nenas de 0 a 3 anos, na Escola Infantil Municipal para o curso 2017-2018.

 

O prazo de renovación e solicitudes de novo ingreso vai dende o día 1 ó 30 de abril, debéndose presentar as solicitudes no Rexistro Xeral, na Casa do Concello, en horario de 9 a 14 horas.

 

A documentación necesaria pódese consultar no seguinte Bando da Alcaldía.

 

inform_clausura1.jpg

O Servizo de Voluntariado Social do Concello de Negreira vén de clausurar o seu Obradoiro anual de informática para adultos que foi impartido ao longo dos últimos meses nas dependencias da Casa da Cultura, a cargo dos voluntarios, José Ángel Nouche e Alicia Varela, ésta última, alumna do Ciclo Superior de Sistemas Informáticos en Rede, do IES Xulián Magariños.

 

O alcalde, Jorge Tuñas Caamaño, xunto co director do instituto, Adelino Pose Reino, e maila técnica do Voluntariado Social, Laura Plata, encargáronse da entrega de diplomas a tódolos asistentes a este periodo de formación que se prolongou dende o pasado mes de setembro.

 

inform_clausura2.jpg

doa0504172.jpg

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), fai un chamamento especial para doar sangue do grupo sanguíneo A negativo (A-), xa que as reservas están baixas, en vésperas das vacacións de Semana Santa. As reservas de Cero positivo (0+), Cero negativo (0-), e A positivo (A+), están en niveis normais, segundo informa ADOS.

 

Co fin de facilitar as doazóns de sangue, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue despraza este xoves 6 de abril a Negreira, unha unidade móvil que permanecerá nas inmediacións do Centro de Saúde, en horario de 10 a 14, e de 16 a 21 horas.

 

Lembramos que para doar sangue é necesario almorzar, e despois de xantar agardar 2 horas. En Galicia precisamos 500 doazóns cada día.

 

#Súmatedoasangue

Frankenstein_04155.jpg

A tarde do 24 de xullo de 2013, en vésperas do día grande de Galicia, o tren Alvia 04155 descarrilaba á entrada de Santiago de Compostela cun saldo de 81 falecidos e máis de 140 feridos. A verdade oficial sinala como único responsable ao maquinista. Pero unha traxedia nunca ten unha única causa... Qué hai detrás do accidente ferroviario máis grave da democracia española?

 

Frankenstein-04155 é unha longametraxe-documental,  impulsado pola Plataforma de Vítimas do tren Alvia 04155, coa producción de Boneca Lareta, e que tivo a súa estrea ao grande, como merece, nun dos festivais de cine máis prestixiosos e lonxevos de Europa, a Semana Internacional de Cine de Valladolid SEMINCI 2015 onde obtivo unha mención especial do xurado. Logo, tamén obtería o premio especial do público en CINEUROPA.

 

Trátase do penúltimo documental dentro do I Ciclo de Documentais Val de Barcala, organizado pola Asociación Cultural Afonso Eanes, e que poderemos ver este venres no Auditorio de Negreira. Tamén haberá, un coloquio posterior co seu realizador, Aitor Rei.

 

Aínda sendo unha actividade de balde, existe a opción da entrada solidaria: recolleranse alimentos non perecedoiros que logo serán doados ós Servizos Sociais Comunitarios de Negreira.

 

Data: Venres 7 de abril

Hora: 21:00

Lugar: Auditorio do Centro Sociocultural

Tráiler: https://www.youtube.com/watch?v=XtTVF0T8ErU

vestiarios 2.jpg

O Concello de Negreira fixo hoxe entrega da execución das obras para dotar ao pavillón do CEIP O Coto duns vestiarios e aseos, grazas a unha achega económica da Consellería de Política Social por un importe de 45.284 euros, aínda que o investimento total na actuación ascende a 60.379 euros, xa que a diferenza entre as dúas cantidades (15.000 euros) correspóndese coa parte que sufragou o Concello.

 

Con esta actuación, cóbrese unha demanda da comunidade educativa que estaba enriba da mesa do goberno municipal. Foi o alcalde, Jorge Tuñas Caamaño, e mailo concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Ángel Leis Míguez, quenes fixeron entrega das chaves á directora do colexio, Amparo Mera.

 

vestiarios 1.jpg

 

O Concello fará uso das instalacións para o desenvolvemento de actividades das súas Escolas Deportivas Municipais e outros eventos.