concello.jpg

 

A Corporación Municipal de Negreira celebrará sesión ordinaria o próximo día 12 de setembro de 2016 ás 21.00 horas no Salón de Plenos do Concello, conforme a Orde do Día que se relaciona a continuación:

 

Orde do día:

Punto Primeiro.- Dar conta dos Decretos emitidos pola Alcaldía dende a data do anterior Pleno Ordinario: Dende o Decreto nº 138/2016 ata o Decreto
nº 182/2016, ámbolos dous inclusive.

Punto Segundo.- Programa de vivendas baleiras.- Designación dos representantes municipais na Comisión de Seguimiento e Coordinación do correspondente Convenio de Colaboración.

Punto Terceiro.- Aprobación provisional, se procede, da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación de terreos de uso público local con mesas e cadeiras e outros elementos análogos con finalidade lucrativa.

Punto Cuarto.- Aprobación provisional, se procede, da modificación da Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica.

Punto Quinto.- Aprobación inicial, se procede, de modificación orzamentaria municipal por transferencia de créditos.

Punto Sexto.- Dación de conta do escrito de agradecemento presentado polo Presidente da Unión Barcalesa de Covas.

 

Punto Sétimo.- Rogos e Preguntas.

concilia22016.jpg

O Centro de Información á Muller (C.I.M.), do Concello de Negreira, ten aberta a inscrición para que as familias con fillo/as en idades de 3 aos 12 anos, poidan participar da actividade do programa Concilia 2016 que vaise desenvolver polas tardes, de 16.30 a 19.30 horas, de luns a venres, nas instalacións do Colexio de Educación Infantil e Primaria O Coto.

As actividades comezarán o vindeiro día 3 de outubro e o prazo de inscrición está aberto até o xoves 22 de setembro, nas dependencias do Centro de Información á Muller (C.I.M.), sitas na pranta baixa da Casa do Concello (rúa do Carme, 3), na área de Servizos Sociais. Máis información no número de teléfono: 981 886 320.

andaina-9.jpg

A 9ª Andaina Popular «Negreira no Camiño de Fisterra» que se celebra este sábado 24 de setembro, vai transcorrer por un trazado novo, mediante unha camiñada de 25 quilómetros cunha dificultade media, a través da Ruta dos 3 Pazos (O Cotón, Baladrón e Albariña), duns 16 quilómetros, e co engadido de nove máis unha vez chegados ó punto de partida, polo Camiño de Fisterra na súa saída de Negreira polo Corpachón ata Zas, e dende alí, por un sendeiro, os participantes regresan a Negreira polo paseo fluvial do río Barcala.

 

Con esta iniciativa preténdese potenciar e dinamizar o Camiño de Fisterra e Muxía, ao seu paso polo noso concello. 

 

Para facer efectiva a inscrición, podes chamar ó número de teléfono 981 885 886 ou enviar os datos a: Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.. A inscrición é de balde. Os datos a cumprimentar son os seguintes: nome e apelidos; data nacemento; localidade e teléfono de contacto.

logo-1.png

O Concello de Negreira vén de adxudicar as obras relativas ao Plan de Desenvolvemento Rural (PDR), financiadas pola Consellería de Medio Rural, e que consisten no asfaltado das seguintes tres pistas: De Marcelle a Casal de Mato; do Cornado ao límite con Santa Comba, e un treito dun camiño de Pesadoira, na parroquia de Alvite. Ditas obras estanse executando na actualidade.

E atópanse na derradeira fase de contratación, as obras contempladas no Plan de Obras e Servizos (POS 2016), financiadas pola Deputación da Coruña e que están divididas en dous proxectos: 

Pistas en formigón: Negreiroa; Bellalta; Gorgal; Niñarelle; A Chancela, e máis un muro de contención en Mourís.

Pistas en asfalto: Bouza (Zas); estrada de Marcelle a Landeira; de Alvite a Santo Tomé; Abeanca, e de Castelán a Castro.

 

Todas estas obras son compromisos recollidos no programa electoral do actual Goberno municipal e necesidades expostas polos veciños.

cartel2_web.jpg

 

O segundo domingo do mes de novembro (día 13), Negreira celebra a súa gran festa anual do deporte na rúa coa edición número 37 da Carreira Popular de Negreira, sobre un percorrido de 10 quilómetros que consta de dúas voltas a un mesmo circuito prácticamente urbán e que foi estreado na edición de 2015. A súa saída será ás 10:30 horas desde a rúa de Castelao, lugar tamén da chegada.

Desde esta semana os atletas da proba principal, así como das tres carreiras de base, xa podedes formalizar a vosa inscrición no seguinte enlace: http://emesports.es/event/xxxvii-carreira-popular-de-negreira/

Horarios e distancias

Carreira principal: 10:30 horas. Distancia de 10.050 metros.

2ª Carreira Xuvenil, Cadete e Infantil: 11.45 horas. 3.800 metros.

3ª Carreira Alevín e Benxamín: 12.25 horas. 1.000 metros.

4ª Carreira Prebenxamín: 12.50 horas. 250 metros.

5ª Carreira Chupetes: 13:00 horas. 200 metros.

Importante

Para participar na Carreira Absoluta (Xúnior – Sénior e Veteranos), os atletas deberán aboar a cantidade de 5 €/participante, sempre que fagan a solicitude de inscrición, dende o 15/09/2016 ó 15/10/2016, e 6 €/participante dende o 16/10/2016 ó 31/10/2016 e, serán 9 €/participante dende o 01/11/2016 ata o 10/11/2016.

Esta proba pertence o calendario oficial da Real Federación Española de Atletismo (RFEA), polo que o corredor consinte expresamente que os seus datos básicos (nome, apelidos, NIF/NIE/Pasaporte, data de nacemento, sexo e código postal de residencia), serán enviados á RFEA para a xestión das licenzas dun día, resultados e ranking. A posesión da licenza garante que o corredor participa cuberto por un seguro de responsabilidade civil e de accidentes.

Regulamento da Carreira Popular:

 

DSC_0359.JPG

Este luns 26 de setembro efectuouse en Radio Negreira o sorteo de agasallos de prendas deportivas doadas por Breogán Deportes e Garsport, establecementos colaboradores coa IX Andaina Popular «Negreira no Camiño de Fisterra», celebrada o pasado sábado. De entre tódolos participantes, este foi o resultado final dos dez agasallos: 

1) Camiseta. Diego Fernández (Negreira)

2) Camiseta. Manuel Castro Nimo (Noia)

3) Mochila. Xoán Xosé Hidalgo (Ames)

4) Camiseta: Andrea Laiño (Negreira)

5) Camiseta: Rosa María Conde (Santiago)

6) Camiseta: Julián Sobrino Vázquez (Ames)

7) Malla corta: María Teresa Figueira (Rianxo)

8) Top atletismo: Teresa Couto Valle (Noia)

9) Chaleco polar: Javier Cacho Otero (Santiago)

10) Mochila: Juan Dieste Leis (Boiro)

 

Noraboa todos eles e elas, e grazas a tódolos participantes. Agardámosvos para a edición de 2017 en Negreira. 

foto-romanico.jpg

O Concello de Negreira ofrécevos este vídeo promocional do que foi a décima edición da Feira do Románico, celebrada na primeira fin de semana de setembro e, que foi elaborado pola firma DairVisual, audiovisuais e fotografía, radicada en Negreira, no cal pode verse boa parte do ambiente do mercado e das actividades de rúa desenvolvidas ao longo dos tres días que dura o evento, un dos de maior afluencia e participación do ano en Negreira, xunto co desfile e concurso de Entroido e maila Carreira Popular.

 

 

ciclo_monologos.jpg

A cuarta entrega do ciclo de monólogos de Negreira contará un ano máis con alguns dos mellores actores e cómicos do panorama galego.

 

O primeiro en actuar será o cómico Isi na xornada do venres 7 de outubro. O seguinte venres, 14 de outubro, será a quenda do actor Luís Zahera, seguido polo coruñés David Perdomo o venres día  21. Carlos Blanco será o encargado de pechar o ciclo na xornada do 28 de outubro.

 

Tódalas funcións terán lugar no Auditorio do Centro Sociocultural e as entradas poden retirarse na delegación de Cultura dende o luns anterior a cada sesión, a un prezo de 5 euros por función. Este ciclo de monólogos é a principal actividade do Outono Cultural de Negreira, que tamén incluirá concertos no mes de novembro.

 

Máis información. 

logo_apego4.jpg

Logo de que na primavera se adherisen ao programa Apego os concellos da Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo, chega agora o momento no que comezan a traballar na súa aplicación coas familias interesadas en incorporar o galego á crianza das súas fillas e fillos nos respectivos municipios.

 

Estes once concellos súmanse aos doce que puxeron en marcha a iniciativa en 2015 (Negreira, A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo) co impulso inicial da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Grazas a esta colaboración intermunicipal, a poboación atinxida polo programa Apego supera xa o millón de habitantes.

 

O programa procura aumentar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Dentro das accións que se realizan, a máis coñecida xa é a entrega de cadansúa caixa con información e recursos en galego ás familias que acceden a formar parte da comunidade do programa. A partir desa adhesión, reciben periodicamente información e propostas para que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades. Para lograr isto, ademais dos espazos na rede onde se facilitan recursos (www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal), varios concellos publican materiais específicos para divulgar a oferta de actividade infantil e tamén reforzan a programación con convocatorias nas que as nenas e nenos poden gozar, aprender e relacionarse na nosa lingua.

 

Grazas ao medre do proxecto, coas novas incorporacións, Apego está xa producindo novos recursos, nesta ocasión materiais audiovisuais para a súa difusión nas redes. Trátase de pezas de vídeo para transmitir os obxectivos do proxecto, explicarlles o funcionamento ás persoas que desexen sumarse e divulgar de xeito atractivo algúns contidos que, ben seguro, as nais e pais han considerar útiles (unha canción para ir durmir composta especialmente para este proxecto, xogos de dedos, os sons dos animais, as cores, as froitas, como atar os cordóns...). A distribución destes materiais farase a partir da canle en Youtube do proxecto Apego e tamén das súas redes sociais.

 

O Apego mantense desde os Servizos de Normalización dos concellos participantes, a onde se poden dirixir as persoas que desexen máis información ou sumarse á comunidade de usuarias.

industria2.jpg

Hoxe venres 30 de setembro un total de 20 alumnas e alumnos comezan o Obradoiro de Emprego Barcala – Dubra II, no que tomarán clases durante 6 meses. O alumnado procedente dos concellos de Negreira, A Baña e Val do Dubra divídese a partes iguais nos módulos de operacións de revestimentos e construción e de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.

 

Os participantes levarán a cabo unha serie de melloras nos tres concellos como parte práctica formativa do programa. En Negreira procederán ó formigonado impreso na rúa do Parque do Coto e na parte traseira do Pavillón de Pedra Mámoa, á reforma Interior na Escola Unitaria de Aro e á mellora da Fachada do Instituto Vello.

 

En Val do Dubra repararán as beirarrúas en Bembibre, Rial e Portomouro e farán a reforma interior e a mellora da fachada da Casa Escola de Coucieiro; e na Baña a renovación das beirarrúas en Ceilán e a pavimentación de accesos á vivenda comunitaria de San Mamede.

 

Ademais da instrución dentro dos módulos, o alumnado recibirá formación de alfabetización informática, sensibilización ambiental, prevención de riscos laborais e clases para poder obter o título de Educación Secundaria Obrigatoria ou das competencias clave.