Fantasia.jpg

A comparsa Talismán, de Salceda de Caselas, con máis de 80 compoñentes e a gran triunfadora na edición de 2019, regresa este sábado para desfilar polas rúas de Negreira no concorrido e participativo desfile de Entroido 2020 que comezará ás 17:00 horas coa saída dende o Campo dá Feira. Este ano con máis de unha ducia de comparsas, sen contar aos grupos de Negreira, Ames, Teo ou Ordes.

 

O desfile transitará pola Carreira de San Mauro, a rúa da Cachurra, a avenida das Brañas, Rosalía de Castro, a rúa de Castelao e maila rúa do Carme, punto e final do desfile.

 

O Concello de Negreira lembra á veciñanza que está prohibido estacionar desde a mañá do sábado na primeira parte da rúa de Castelao, entre o Camiño Vello e Rosalía de Castro, así como en toda a rúa do Carme; para a celebración do desfile.

 

Pistoletazo

Os catro días de festas de Entroido comezan este venres 21 en Negreira, a partir das 11:30 horas, cos desfiles da rapazada do CEIP O Coto polas rúas da vila, así como os nenos e nenas da Escola Infantil Municipal, que farán un percorrido dende a escola ata a Casa do Concello.

 

E ás 22:00 horas comezará a gran festa na Praza do Concello, co extraordinario espectáculo da orquestra La Fórmula, que durante máis de catro horas fará bailar e desfrutar ao público asistente.

 

Desfile

O sábado 22 é o día grande do Entroido. A partir das catro da tarde, as comparsas, carrozas e grupos, comezarán a concentrarse no Campo dá Feira, coa saída, a partir das cinco da tarde. Unha vez rematado o desfile, na Praza do Concello sucederase a actuación do grupo Atenas e maila posterior entrega de premios.

 

Domingo

O gran baile de disfraces para maiores trasládase este ano para a carpa instalada na Praza do Concello, a partir das 19:00 horas, amenizado por un grupo musical e con premios á mellor parella (cea nun restaurante), ao mellor grupo (xantar nun restaurante), e mellor caracterización (un pequeno electrodoméstico).

 

Luns

A festa infantil de disfraces tamén presenta a novidade de celebrarse no pavillón do CEIP O Coto, a partir das 17:00 horas, onde haberá talleres, inchables e música.

Portada

Coas rúas atestadas de xente seguindo un dos desfiles máis numerosos e de maior nivel da última década, o sábado de Entroido, Negreira converteuse nun fervor de persoas chegadas de todos os recunchos para non perderse detalle dun desfile animado polo bo tempo e que foi máis longo do habitual pola presenza de máis dunha vintena de agrupacións.

 

Foto-1.jpg

A Rueirada de Exipto, unha espectacular montaxe de máis de cen persoas pertencente á Agrupación Folclórica Ximiela de Louro (Muros), foi a gran triunfadora do concorrido desfile; seguida de Talismán no fondo mariño, de Salceda de Caselas; e Somolodemo....ou non, de Carnavaleiras de Liñaio. En carrozas, o primeiro premio foi parar a David e Goliat, de Os da Troula (Portas), e o segundo foi para Mad Max: Fury road, de As furiosas da Baña. O terceiro recaeu en: Caseta Osborne, de Negreira.

 

Foto2.jpg

O apartado de grupos estivo moi reñido. Levouse o primeiro premio de 250 euros: As sojras adovesidas nas vespas; seguido de Imos de voda, e Escuadrón Mouchao.

 

Foto-3.jpg

Resultado do concurso

 

Disfraces:

1) Hansel e Gretel (Lousame)

2) Mr. Bean (Lousame)

3) Cenicienta (Ribeira)

 

Grupos:

1) As sojras adovesidas nas vespas (Landeira)

2) Imos de voda (Ordes)

3) Escuadrón Mouchao (Negreira)

 

Modalidade de comparsas:

1) O Imperio de Nefertiti (Louro-Muros)

2) Talismán no fondo mariño (Salceda de Caselas)

3) Somolodemo......ou non (Carnavaleiras de Liñaio)

4) Maxia Cingara (Noia)

Accésit 1 - Negreira tiene un color especial

Accésit 2 - Os Trasnos da Muiñeira (Camiño - Ordes)

 

Foto-4-1.jpg

Modalidade de carrozas:

1) David e Goliat (Os da Troula - Portas)

2) Mad Max: Fury Road (A Baña)

3) Caseta Osborne (Negreira)

4) Queen for ever by Remolóns (Vilagarcía)

Accésit 1: Talismán no fondo mariño

Accésit 2: A Rueirada de Exipto

 

DSC_2114.JPG

Baixo a organización da Escola Canina Mascoguau, e coa colaboración do Concello de Negreira, este domingo, día 1 de marzo, celébrase no Campo de fútbol Jesús García Calvo, a cuarta proba da Liga Autonómica de Agility, valedeira para a clasificación para o Campionato de España. A cita comezará a partir das 10:00 horas co seguinte programa:

 

09.30 horas – Entrega de documentación

10.00 horas – Promoción

12.00 horas – Competición

14.00 horas - Iniciación

 

O agility é unha práctica deportiva que está en auxe en Galicia, na que participan cans e persoas, e que consiste en guiar ao can para que percorra un circuito cheo de obstáculos, no menor tempo posible, coa maior precisión e co mínimo número de erros ou faltas.

 

O director da proba será o presidente da Escola Canina Mascoguaou, Jorge Vázquez Álvarez, quen forma parte do Comité Organizador xunto ao presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira Díz. O propio Jorge Vázquez será o xuíz da proba na que haberá un total de 86 participantes, cos seus respectivos cans.

 

A xornada de competición divídese en tres categorías: Promoción, para maiores de 18 meses, consistente en dúas mangas de agility; a de competición, mediante unha manga de agility (non se usan as zonas de contacto) e unha manga de jumping que se divide en alturas de 25, 30, 40, 50 e 60 centímetros, e finalmente, a de iniciación, para cans menores de 18 meses ou que estean a empezar no agility, segundo salientou en Radio Negreira 107.0 FM o director da proba, Jorge Vázquez, para quen o máis importante de este deporte «é o importante vinculo existente entre o can e o guía, e que o entendan como un xogo» afirmou.

 

Foto-1-1.JPG

O Agility é unha práctica deportiva que está dentro da disciplina da Federación Galega de Caza, onde calquera clase de can pode practicalo, con independencia da raza, tamaño ou idade, aínda que adoitan ser cans de razas como o border collie ou o shetland, os que maior presenza teñen nos concursos.

 

A proba, que forma parte do calendario da Liga Autonómica de Agility non será a única que acolla Negreira este 2020. De feito, os organizadores xa comunicaron que existe un acordo co Concello para celebrar unha segunda proba o domingo 12 de xullo, coincidindo coas festas de verán na honra a San Cristovo.

Deputa

O Servizo de Patrimonio e Contratación, da Deputación da Coruña, sinalou a data do luns, día 30 de marzo, para o pago de depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, en expedientes de expropiación forzosa con motivo das obras de ampliación e mellora da seguridade vial, na estrada DP 5602 de Negreira a Pontenafonso, no treito entre Liñaio e a ponte de Barbazán, segundo o disposto no artigo 49 do Regulamento de Expropiación Forzosa, de 26 de abril de 1957.

 

O lugar será a pranta baixa do Centro Sociocultural, en Negreira, de 16:00 a 18:00 horas, e relación de titulares permanece publicada no taboleiro de anuncios, na Casa do Concello.

ImagenDOG

A Secretaría Xeral da Igualdade, a través dunha Resolución do 6 de febreiro de 2020, establece as bases reguladoras e convoca para o ano 2020 o programa de axudas para a concesión das estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas.

 

Obxecto

Facilitarlles ás mulleres, preferentemente vítimas de violencia de xénero, que teñan fillas ou fillos menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo, un espazo e un tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer, reforzando o seu vínculo materno-filial nun ambiente de seguridade, respecto e bo trato como modelo de convivencia.

 

Prazas e duración

Convócanse ata un máximo de 90 prazas, cunha duración de entre 7 e 9 días, en réxime de pensión completa, e desenvolveranse preferentemente entre finais do mes de xuño e principios do mes de setembro.

 

Condicións económicas

Os gastos de aloxamento, en réxime de pensión completa, traslado de ida e volta desde o seu concello de residencia, equipo de monitoras/es e actividades complementarias serán gratuítos para as persoas beneficiarias, e serán por conta da Secretaría Xeral da Igualdade.

 

Requisitos das beneficiarias

    a. Ter fillas ou fillos menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo e con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos.

    b. Non convivir con parella afectiva.

    c. Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da CA de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.

    d. Que a media dos os ingresos brutos mensuais da solicitante non superen o límite do importe de 1,5 veces o IPREM

    e. Non padecer ela, nin as fillas/os menores e/ou menores en acollida que a acompañen, unha enfermidade que requira illamento e/ou que impida a normal convivencia.

 

Para asistir ao programa, as mulleres beneficiarias irán acompañadas das súas fillas/os menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo e con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos, ambos inclusive, na data de presentación da solicitude..

 

Prazo de presentación

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 24 de marzo de 2020. 

 

Para maior información e presentación de solicitudes é necesario contactar cos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Negreira, chamando ó teléfono 981 885 381 ou ben nos teléfonos da SXI: 981 545 361 / 981 957 699 ou no enderezo electrónico da Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

 

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, vén de asinar dúas convocatorias de plenos da Corporación Municipal para a xornada do luns, día 9 de marzo.

 

Sesión de carácter extraordinaria, ás 18:30 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello, co sorteo para a formación das Mesas Electorais a constituir con ocasión das Eleccións ao Parlamento de Galicia 2020 a celebrarse con data 5 de abril (domingo).

 

Documento adxunto:

 

 

Sesión de carácter ordinaria, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello, con motivo do pleno ordinario correspondente ao mes de marzo.

 

Documento adxunto:

 

DSC_0220.JPG

O Concello de Negreira recoñeceu este xoves 5 de marzo, o traballo da axente de economía doméstica do servizo de Extensión Agraria de Negreira, cuxo equipo foi crave para profesionalizar o rural do municipio e reivindicar o papel da muller na sociedade da época.

 

María del Carmen Álvarez de Ron Riopedre, coñecida como "Mita", marcou un antes e un despois na sociedade barcalesa. O seu traballo modernizou o rural e reivindicou o papel da muller neste ámbito. O  Concello de Negreira recoñece o seu traballo co Premio 8 de Marzo nun Auditorio cheo de público.

 

Foto-1.jpg

Coa participación do alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez; a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, María del Mar García Vidal, así como da Asociación de Mulleres Gandeiras Baneón, o equipo de igualdade EQUA do IES Xulián Magariños, e o grupo de pandereteiras; foi un antigo compañeiro seu como Joaquín Buergo del Río, o encargado de poñer en contexto o arduo traballo realizado naquela época dende a axencia de Extensión Agraria.

 

Mita, asturiana de nacemento, en concreto de Vegadeo (1945), mudouse a Negreira onde traballou como axente de economía doméstica na primeira axencia do extinto Servizo de Extensión Agraria, de toda España. Os seus fillos, María del Mar e Dan Cruz, foron os encargados de agradecer este recoñecemento á traxectoria profesional e social da súa nai.

 

Foto-2.jpg

O seu labor, xunto coa dos membros do seu equipo, contribuíu á modernización e profesionalización do rural do municipio, constituíndo unha figura crave para o progreso de leste. As súas formacións e a súa incesante capacidade de traballo introduciron novos tipos de cultivo en Negreira e reivindicaron a figura da muller no ámbito rural, e na sociedade en xeral.

 

Mita e o seu equipo de Extensión Agraria conseguiron modernizar unha sociedade que por aquel entón permanecía pechada a unha economía de subsistencia e á discriminación da muller. Cos seus talleres Mita deu a coñecer novos cultivos no rural do municipio, profesionalizándoo e deixando atrás o autoabastecimiento. Á súa vez, consciente de que a poboación da Galicia rural sufría de carencias alimenticias, deu a coñecer a pirámide alimenticia, co obxectivo de mellorar a nutrición dos veciños e veciñas.

 

Dentro das iniciativas realizadas con mulleres incluíronse viaxes e colaboracións para crear asociacións feministas como a de Mulleres Gandeiras Baneón. Á súa vez, o seu incesante labor tamén impulsou a creación de organizacións doutro tipo, como a de xubilados. Tamén creou xunto co seu marido a Asociación Cultural Tambre, constituíndo sempre unha figura destacada na organización de actividades e eventos do municipio, chegando tamén a fomentar a I Carreira Popular de Negreira, unha cita de ámbito nacional na actualidade.

 

 

DSC 0253

A compañía de teatro Os Quinquilláns actuou coa súa obra A pluma viva de Rosalía  hoxe, 6 de marzo, de 12.30 a 13.30 horas, no Auditorio de Negreira ante o alumnado de primeiro, segundo e terceiro de ESO do IES Xulián Magariños e o alumnado de sexto de primaria do CEIP O Coto. 

A obra está centrada en Rosalía de Castro, pensada para conmemorar o Día de Rosalía que se festexa todos os anos o 24 de febreiro. Conta a visita que fixo Rosalía por sorpresa á imprenta de Soto e Freire en Lugo.

 

FOTO 2 2

mente.jpg

O Obradoiro de Emprego Xóvenes 2019, participado polos concellos de Val do Dubra, A Baña, Negreira e Santa Comba, sendo promotor o primeiro deles e co apoio da Xunta de Galicia; promove a vindeira semana no noso concello, unha serie de talleres baixo o título: Move o teu corpo e mente, a levarse a cabo, entre o luns 16 e mailo luns 23 de marzo, nos locais sociais de Marcelle, Bugallido, Gonte, Broño, Romarís, Barbazán, Liñaio e Portor.

 

A especialidade de Actividades de Animación Física, Deportiva e Recreativa (AFDA0211), organiza talleres para persoas adultas onde se procura poñer en práctica o aprendido a través da estimulación cognitiva, a diversión, o movemento e as relacións sociais.

 

Segundo informan, en cada lugar, acompañarase a actividade dunha pequena chocolatada para facer máis amena a xornada, e todas as persoas interesadas en participar só teñen que acudir aos locais socias que queiran, no horario que mellor lles conveña, dentro da súa dispoñibilidade.

 

Horarios

 Luns 16 de marzo:

- Local social de Marcelle (de 10:00 a 11:30 horas)

- Local social de Bugallido (de 12:00 a 13:30 horas)

 

Martes 17 de marzo:

- Local social de Gonte (de 10:00 A 11:30 horas)

- Local social de Broño (de 12:00 a 13:30 horas)

 

Mércores 18 de marzo:

- Local social de Romarís (de 10:00 a 11:30 horas)

- Local social de Barbazán (de 12:00 a 13:30 horas)

 

Luns 23 de marzo:

- Local social de Liñaio (de 10:00 a 11:30 horas)

- Local social de Portor (de 12:00 a 13:30 horas)

 

Club.jpeg

O equipo das Sinerxéticas, do IES Xulián Magariños, clasificouse de forma extraordinaria para a final do Club de Debate 2020 que organizan os equipos de normalización lingüística de diferentes concellos, entre eles, o de Negreira, na que foi a segunda fase de zona da presente edición, e na que participaron un total de oito equipos, celebrándose na Casa da Cultura de Outes.

 

Quedaron segundas, con 415 puntos, tralo equipo Canido, pertencente ao IES de Canido (Ferrol), con 438 puntos, defendendo o argumento, a favor e en contra, sobre a seguinte cuestión: «A monarquía é necesaria no século XXI?»

 

As Sinerxéticas, que ao igual que As Falangueiras, participan no Club de Debate co apoio do Concello de Negreira, quen sufraga os gastos de participación xunto ao resto de concellos; está formado polos seguinte alumnado: Reyes Freire; Lara Vieito; Raúl Castro; Lorena Golán; Andrea Losada; Eda Bove e Iria Sánchez, e a súa preparadora é Sara Marchena, estando acompañados por Begoña Leal, coordenadora do Servizo de Normalización do instituto, e xunto á directora do centro, Clara Rodríguez; e maila técnica de Normalización Lingüística do Agrupamento A Baña-Negreira, Carme Pereiro.

 

Tamén estiveron arroupando ao alumnado de Negreira, os concelleiros Iván Guardado Porto, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Novas Tecnoloxías e Participación Cidadá; Juan Plata Barbazán, concelleiro de Comercio, Turismo e Industria, e Adolfo Manuel Barbosa Pérez, concelleiro de Agricultura, Medio Ambiente, Parques e Xardíns.

 

O segundo equipo participante, As Falangueiras, non puido clasificarse entre os dous primeiros para a final. As Sinerxéticas fixéronse cos 300 euros e unha praza, ao igual que os vencedores, para a fase final, da que xa se coñece o tema a debater: O futuro do galego está en nós. Porén, aínda queda por celebrar a terceira rolda destas xornadas da que sairán outros dous participantes na final, e que enfrontará a alumnos de Santiago, Teo e Ames.