Cartel-Noiteboa.jpg

Durante esta segunda quincena do mes de abril e mailos meses de maio e de xuño, o Auditorio de Negreira acolle o Ciclo de Teatro do Concello de Negreira, o cal traerá representacións a nosa vila de grupos afeccioados e profesionais, con Escolas de Teatro, como a de Ames ou Muros, e compañías contrastadas no panorama teatral galego como: Redrum Teatro ou Teatro do Noroeste.

 

Para abrir o ciclo, este sábado 22 ás 21:00 horas teremos en Negreira ao grupo de teatro Metátese, de Palas de Rei (Lugo), coa obra ¨O Euromillón"¨. Trátase dun espectáculo coral que aborda o complexo mundo dos concursos televisivos desde a perspectiva teatral da comedia. O Euromillón é un concurso musical que reúne ás mellores voces da nación e que entrega a nada desprezable cantidade dun millón de euros á voz gañadora.

 

Unha obra en ton de comedia negra na que se aprecian constantes persecucións, raptos, estrañas relacións amorosas, vinganzas, tiros e gánsters sen escrupulos musicais......

 

O venres 28 de abril terá lugar a primeira das compañias profesionais. Redrum Teatro coa obra "Noiteboa", unha traxicomedia que narra a vida dunha familia durante as festas de Nadal. Esta montaxe, prevista para as 21:00 horas, conta cun elenco de luxo formado por: Mela Casal, Ernesto Chao e Guillermo Carvajo.

 

Compretando este primeiro mes, o sábado 29 as 21:00 horas será a quenda da compañía O Aturuxo de Melpómene, coa obra "Terapia de Bar". 

 

Citas en maio

 

No mes de maio haberá catro citas. Comezamos o sábado 6 coa compañía Teatro do Noroeste e a obra "Palabras malditas"; o sábado 13 co grupo Aquelando Teatro, de Muros e a obra "A Fiestra Valdeira", e o venres 19 de maio coa Escola Municipal de Teatro de Ames e a obra "Os Suplicantes". Todas elas ás 21 horas.

 

A Escola Municipal de Teatro de Negreira, como anfitrións, pecha o ciclo coas súas estreas.

 

Para o venres 26 e o sábado 27 de maio, o grupo de adultos "Debullando Teatro" presenta a obra O Mordomo!, Of Course, a partir das nove da noite, e para o sábado 3 de xuño as 18:30 horas, os máis pequenos da Escola de Teatro de Negreira e o grupo da Fundación de Discapacitados Comarca de Barcala, terán ocasión de amosar as súas pequenas representacións.

libroslibres3.jpg

A área de Cultura da Deputación da Coruña animará á lectura coa entrega esta fin de semana de 5.000 libros en trinta concellos dentro da campaña “Libros para sermos libres”. En Negreira, o reparto de libros desenvolverase ás 12 horas do domingo na Feira. Coa iniciativa conmemórase o Día Internacional do Libro como cada 23 de abril.

 

Conmemórase así, a xornada festiva con esta primeira fase dunha campaña que se prolongará nos vindeiros dous anos até compretarse a totalidade dos 93 concellos coa entrega de 15.000 exemplares dos fondos da Deputación.

 

«Trátase dunha iniciativa pioneira que quere visibilizar o libro e promover a lectura na poboación, aproveitando a celebración dunha data que se conmemora en todo o mundo», segundo explicou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín.

 

Os libros con que se agasallará á veciñanza dos distintos concellos proveñen dos fondos da Deputación da Coruña e son títulos de edición propia entre os que se encontran as obras gañadoras de premios como o Torrente Ballester, o Rafael Dieste, o Murguía, o Castelao ou o González Garcés, ademais doutros que se refiren ás recentes conmemoracións como o Día das Artes Galegas coa artista Maruxa Mallo como protagonista.

 

Entre a selección de títulos atópanse tamén clásicos como “Cousas” de Castelao, centro dun recente programa literario-teatral que se realizou en diversos concellos.

 

Nesta primeira fase, que terá continuidade nos dous anos seguintes, incluiranse na distribución obras de narrativa, ensaio ou poesía. Entre os títulos de poesía atópanse obras gañadoras ou finalistas do González Garcés de autores como Ramiro Fonte ou Helena Villar Janeiro.

 

Obras de narrativa gañadoras do Torrente Ballester como A choiva do mundo de Xosé Manuel Pacho Blanco ou teatrais do Rafael Dieste como Final de película de Gustavo Pernas ou A ciencia dos anxos de Inma Antonio xúntanse a outras de ensaio e investigación como o clásico Alfarería tradicional en Buño de Luciano García Alén ou de banda deseñada como Mensaxes de Mariano Casas.

jorgetuñas200417.jpg

O Alcalde do Concello de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, vén de presentar hoxe a súa renuncia ó cargo, en virtude do acordo alcanzado no ano 2015 co partido Ciudadanos de Negreira, pola celebración do xuízo no que figura como investigado por unha suposta apropiación indebida de teléfonos móviles da súa anterior etapa como alcalde de Negreira, tralo anuncio realizado hoxe á veciñanza, a través da emisora municipal Radio Negreira.

 

Este venres 21 de abril, ás 20:00 horas, celebrarase un Pleno Extraordinario e Urxente para dar conta da súa renuncia. O proceso para a elección de novo alcalde contempla un prazo máximo de 10 días para a convocatoria dun Pleno.

 

Asume a Alcaldía en funcións, o segundo tenente de alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, do Partido Socialista. O ata agora rexedor municipal, Jorge Tuñas Caamaño, seguirá formando parte da Corporación Municipal como concelleiro electo do PSOE.

nenosescolainfantilabril.jpg

Vintedous nenos e nenas, das dúas aulas de 2 a 3 anos da Escola Infantil Municipal de Negreira, visitaron este xoves a biblioteca e maila emisora municipal Radio Negreira, na Casa da Cultura, acompañados das súas profesoras e maila directora do centro, dentro dunha saída programada co gallo do Día Internacional do Libro que se celebra este domingo 23 de abril.

 

nenosescolainfantilabril (1).jpg

 

Os pequenos/as coñeceron de primeira man a biblioteca e a súa oferta de libros en préstamo, así como pasaron un rato divertido nos estudos de Radio Negreira para cantar cancións. 

 

nenosescolainfantilabril (3).jpg

futsala260417.jpg

Negreira e A Baña acollen este sábado 29 de abril, a Fase Final Intercomarcal de Fútbol Sala Escolar do programa Xogade, da Secretaría Xeral para o Deporte, da Xunta de Galicia. Os encontros de semifinais xogaranse pola mañá nos pavillóns de Pedra Mámoa e San Vicenzo, mentras que pola tarde disputaranse as finais e os encontros polo terceiro posto, no pavillón de Pedra Mámoa. En total vanse xogar 14 partidos.

 

A competición dará comezo ás 10:00 horas en ambos pavillóns polas semifinais da categoría infantil, seguidas da benxamín (11:00 h), e por último a alevín (11:50 h), categoría na que Negreira conta co único equipo participante nesta fase final intercomarcal.

 

Partidos e horarios

 

 

Quedades convidados/as a achegarvos ata os dous pavillóns municipais de deportes da comarca de Barcala, e pasar unha boa xornada de futsal. Ademáis, contades cunha ampla oferta de establecementos de restauración que farán mais cómoda a visita.

gdr.jpg

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Compostela, está a organizar un Plan de Formación en Marketing e Imaxe Corporativa, dirixido a poboación activa (ocupados e desempregados) principalmente vencellada ó sector comercial. 

 

Esta formación ten como finalidade, a mellora da imaxe dos establecementos comerciais, a través de obradoiros de escaparatismo  e empaquetado de produtos,  e tamén se vai a incidir na importancia da atención ó cliente, o uso das novas tecnoloxías como ferramenta de promoción comercial.

 

Características do curso:

 

·         Carga horaria: 58 horas  (1 día a semana – 4h/día)

·         Comezo: Semana do 8 – 12 de maio.

 

O día e a hora estableceranse nas seguintes xuntanzas informativas dos lugares onde vanse a impartir:

 

En Negreira, o mércores 3 de maio, de 9:00 a 10:00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura (Carreira de San Mauro, 11).

 

En Vedra, o xoves 4 de maio, de 9:00 a 10:00 horas, na sé de Terras de Compostela (Cibrán 4, San Xulián de Sales – Vedra).

emprego_06.jpg

Por Decretos de Alcaldía nº 78/2017, con data 2 de maio de 2017, aprobáronse as bases para a contratación dunha praza de persoal laboral temporal, concretamente dun Técnico de información, publicidade e promoción turística a través de concurso – oposición con suxeción as seguintes condicións, e para o cal, o prazo de presentación de solicitudes é o de 10 dias naturais contados dende o día seguinte ó da data de publicación na web do Concello de Negreira (ANUNCIO).

 

Podense consultar o contido íntegro das bases nos seguintes arquivos adxuntos.

 

itvagricola.jpg

A Unidade Móbil número 3 de Inspección Técnica de Agrícolas desplazarase ao Concello de Negreira nas seguintes datas e ubicacións:

 

- Do 26 ao 27 de xuño – Campo da festa de Pesadoira (Alvite)
- Do 28 ao 30 de xuño – Campo da feira de Negreira

O horario de atención ó público será de 9:00 a 13:30 horas, e de 15:15 a 18:00 horas.

 

Para solicitar cita previa:

 

- Por teléfono: 902 30 90 02
- A través de Internet na seguinte ligazón: www.sycitv.com


Nota: A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operación de inspección regulamentarias.

teatro 385.jpg

Teatro do Noroeste é unha compañía profesional galega fundada no 1987, e que polo tanto cumpre o seu trinta aniversario sobre os escenarios. Na súa dilatada traxectoria ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos.

 

teatro 389.jpg

 

Este sábado 6 de maio desembarca no Ciclo de Teatro de Negreira co seu espectáculo teatral Palabras malditas, baixo a dirección de Eduardo Alonso, a partir das 21:00 horas no Auditorio do Centro Sociocultural. Con entrada de balde.

 

 

teatro 388.jpg

 

Sipnóse

 

Un perseguido profesor experto en poesía francesa e unha prostituta coinciden nunha sórdida pensión da Coruña, nos anos corenta, en plena época de represión e asasinatos. Malia as aparentes diferenzas que os separan, aférranse o un ao outro como á única táboa de salvación no inmenso océano da soidade. E entre os dous formarán un tándem pletórico de inspiración.

 

Reparto

 

Miquel Insua, no papel de Vicente; Manuela Varela, no papel de Clara; Luma Gómez, no papel de Ermitas, e Ima António, en papel de camareira e axudante de dirección.

 

Xénero: Teatro contemporáneo

Duración: 100 minutos

Público: + 18 anos

Idioma: Galego

maiores080517 1.jpg

O Concello de Negreira celebrou como cada primeiro sábado do mes de maio, o seu encontro anual dos maiores coa participación dunhas setecentas persoas no xantar popular que tivo lugar baixo a carpa montada no campo dá feira. Durante a festa entregáronse os galardóns á veciña e veciño de maior idade participantes. No caso da primeira recaeu en Pilar Mayo Brantuas, natural da parroquia de San Mamede da Pena, de 101 anos de idade. O varón de maior idade foi Jesús Dourino Forján Mayo, natural da parroquia de San Estevo de Landeira, e de 98 anos de idade.

 

maiores080517 2.jpg


A celebración estivo acompañada de animación musical a cargo da Banda Municipal de Negreira e mailo dúo Meigas Son, encargadas de amenizar o baile de tarde como colofón a un evento que contou coa presenza do alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, xunto coa concelleira de Servizos Sociais, María Jesús Veiga Hortas, e mailos concelleiros de Deportes, José Daniel Casal Leis, e de Cultura, Flora Grille Novío. Por parte do grupo municipal do Partido Popular, acoderon os concelleiros Juan Rey Maceira, Manuel Hombre Porto e María José Carballo Villar.