Youtubeiras vai pola sexta edición co obxectivo de ensanchar a comunidade creadora en galego na Rede

Diseño sin título (26).png

Os premios, cuxas bases xa están publicadas na web www.youtubeiras.gal, repartirán este ano 7.500 euros entre as persoas gañadoras de oito categorías: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público. O prazo de inscrición abrirase o 27 de setembro e finalizará o 15 de novembro.

Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e, co apoio da Deputación da Coruña.

 

Para rede, a nosa

María López encargouse de desvelar o lema para esta sexta edición: Para rede, a nosa. “Con este lema, forte e enérxico, simbolízase a seguridade e máis o orgullo de termos unha rede de creadoras e creadores que xeran contidos en Youtube, mais tamén noutras plataformas: Twitter, Facebook, Instagram, TikTokou Twitch. Así está a medrar a presenza da nosa lingua nos novos formatos, conectando con novas xeracións e chegando a outros espazos imprescindibles para o futuro”, sinalou López, quen tamén destacou que Youtubeiras actúa como un “elemento normalizador da nosa fala” e de “divulgación da nosa cultura”, engadiu María López.

Os Premios reestruturan, ademais, as súas categorías. Contarase cun total de oito apartados: youtubeira/o, canle, vídeo, youtubeira/o revelación, premio á calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público. As persoas gañadoras dos sete primeiros recibirán 1.000 euros, mentres que no último caso a dotación económica ascenderá aos 500 euros. Así, os Premios Youtubeiras repartirán un total de 7.500 euros. O prazo de inscrición para competir no concurso abrirá o 27 de setembro e finalizará o 25 de novembro.