coro

Segundo a información comunicada ao Concello, a día de hoxe, venres 27 de novembro, no noso municipio os casos activos son 12 se ben a incidencia acumulada nos últimos catorce días, tal e que como informa a diario o Sergas, é de 13 casos diagnosticados por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA). Dende o Concello gustaríanos enviarlle unha mensaxe de ánimo a todas estas persoas, e que agardamos que se recuperen o máis axiña posible.


Así mesmo, apelamos de novo á responsabilidade individual e insistimos na necesidade de cumprir coas medidas de prevención e moito sentidiño para que saiamos desta tod@s xunt@s.


É moi importante seguir mantendo a distancia de seguridade, o uso obrigatorio de máscara e o lavado de mans para que así, os contaxios sigan descendendo no noso concello, agradecendo a toda a veciñanza o cumprimento das normas.

Reis

Para que os nenos e nenas de Negreira vexan aos Reis Magos, este ano será diferente, pero á vez, máis doado que nunca, pois grazas ao Concello poderedes disfrutar deste servizo para poñerse en contacto coas súas Maxestades Gaspar, Melchor e Baltasar.


Accedendo á web www.nadal2020.es atoparedes un apartado chamado «rexistro» e nel deberedes marcar o concello ao que pertences, neste caso, o de Negreira. E de non dispoñer dun número de teléfono coa aplicación Whasapp, debedes poñervos en contacto coa web e chamaránvos canto antes.


O prazo para rexistrarse está aberto ata o día 29 de decembro na propia web ou no número de teléfono móbil: 641 585 245.


Unha vez marcado o concello, seguirás os pasos necesarios para inscribir ao neno ou á nena. Poderedes comentar algo que cosnideredes oportuno e importante para que os Reis Magos o teñan en conta antes de falar cos pequenos.


Despois do rexistro persoal e de marcar a data e a hora, lembra que terás que ter dispoñible o número de teléfono móbil rexistrado o día e a hora. E se por casualidade non fose posible contactar por estar fóra de cobertura, tentarano de novo ao finalizar a xornada.

luces_nadal_negreira.JPG

A iluminación de Nadal no concello de Negreira quere sumarse ás iniciativas que estivemos a realizar durante o outono, conxuntamente coa Asociación de Empresarios de Negreira (ENe), de cara a fomentar o consumo no comercio e a hostalería da vila, máxime nesta época que é unha das máis importantes e especiais do ano. Tamén queremos axudar a levantar o ánimo entre a veciñanza, sobre todo entre os máis novos despois dun ano moi difícil debido ás circunstancias derivadas da pandemia sanitaria a nivel mundial, polo que un sorriso dos nenos e as nenas, é sumamente importante nunhas datas tan entrañables.

Non queremos esquecer a motivación especial que a iluminación das nosas rúas e tamén como é costume das parroquias, supoñen para a cidadanía á hora de animalos a facer as compras no noso pobo, xa que sabemos que non é o mesmo que non haxa luces para mercar e consumir nosos establecementos locais que se engalanan para a ocasión, e que tamén ofrecen descontos e un amplo surtido de produtos por estas datas.

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, María del Mar García Vidal e mailo concelleiro de Deportes, Novas Tecnoloxías e Participación Cidadá, Iván Guardo Porto, asistiron o acendido da iluminación de Nadal na árbore instalada na praza do Concello.

Por último, queremos animar a toda a veciñanza e aos profesionais do comercio e a hostalería, a sumarse a participar no concurso de decoración de Nadal, a través dun proxecto que contribuirá á participación activa do pobo de Negreira na tradición de Nadal e á posta en valor do comercio, a hostalería e o patrimonio cultural.

As inscricións son gratuítas e están abertas a toda a poboación maior de idade do concello de Negreira, así como a establecementos hostaleiros e comerciais con actividade emprazada no termo municipal.

Podes consultar as bases premando na seguinte ligazón:

eólicos

Ante o prazo de exposición pública ó que se somete actualmente toda a documentación aportada referente ao proxecto do Parque Eólico Banzas, promovido por Green Capital Power SL, dende o Concello de Negreira infórmase da posta a disposición da veciñanza, de un servizo de asesoramento xurídico para resolver calquera dúbida, e que tamén facilitará información relativa a dito procedemento en curso.


O horario previsto para a atención ó público será de 12.00 a 14.00 horas nas seguintes datas: venres 11; martes 15 e venres 18 de decembro, no Local Social da parroquia de Campolongo.


Infórmase que debido ao actual estado de emerxencia sanitaria pola Covid 19, e para evitar a aglomeración de persoas en espazos pechados, é necesario pedir cita previa nos seguintes números de teléfono: 881 035 142 (de 8.00 a 15.00 horas), ou no 673 249 477.

coro.jpg

Segundo a información publicada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), o número de novos contaxios diagnosticados por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA), nos últimos 14 días no noso concello é de 26 casos. En canto ao número de casos activos a día de hoxe, venres 11 de decembro é de 29 contaxios.

 

O Concello de Negreira pídelle á cidadanía o cumprimento das medidas hixiénicas e de protección fronte á pandemia, e que son as recomendadas polas autoridades sanitarias que no caso da Consellería de Sanidade, e tras analizar o subcomité clínico a situación epidemiolóxica na nosa comarca, acordou implementar unha vixilancia especial cando a outros 15 concellos galegos, e entre eles figuran os veciños municipios da Baña, Mazaricos e Santa Comba. Todos estes municipios continuarán, polo de agora, co mesmo nivel de restricións actual.

 

É moi importante seguir respectando as medidas sanitarias e de seguridade para poder continuar reducindo a cifra de contaxios no noso concello como xa sucedeu en ocasións anteriores durante a pandemia.

logo-negreira-turismo.png

A Área de Turismo do Concello de Negreira presenta o novo logo de Turismo de Negreira, co patrimonio e a natureza como valores destacados. Trátase dunha imaxe composta por varios elementos. O máis destacado é o nome da vila e do Concello en cor negra. Por debaixo e con menor tamaño, a palabra “turismo” en cor verde. Acompañando as dúas palabras do logo, sitúase a imaxe, tamén coas cores verde e negra. Un conxunto que semella unha folla de carballo, coa parte superior representando o patrimonio negreirés, xa que pode intuírse o pazo do Cotón, protagonista e xerme da vila, ou a Ponte Maceira, flamante porta de entrada do Camiño no Concello de Negreira. A sombra do elemento superior en verde completa o conxunto nunha folla dunha típica árbore galega como é o carballo, que marca a importancia da natureza.

Principal-14.JPG

Rede Araña, en colaboración co Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela e mailo Centro de Información á Muller do Concello de Negreira, iniciaron hoxe unha acción formativa de emprendemento para mulleres dentro do programa "Adiante rural", coa participación dunha ducia de veciñas da comarca de Barcala.

 

Este curso vaise desenvolver ata o venres 18 de decembro, tódalas mañás, en horario de nove da mañá ás dúas da tarde, na Casa da Cultura, e incluirá este xoves 17 a participación de Beatriz García Cibreiro, vicepresidenta de AJE para Santiago de Compostela, para un estimulante Networking.

 

Foto-2.jpg

A devandita acción formativa inclúe dúas partes diferenciadas: Unha primeira de motivación para a búsqueda de emprego, dunha duración de 5 horas, que inclúe motivación e reforzo, coaching motivacional, e habilidades sociais de aplicación no ámbito profesional; e unha segunda acción dunha duración de 20 horas en tres módulos: Liderado feminino; marketing online e axudas e subvencións para o emprendemento feminino no medio rural.

 

O acto de inauguración contou coa presenza da concelleira da Muller e Igualdade, María del Mar García Vidal, e maila directora do CIM, Rosa Fuentes Cambeiro.

 

Principal15.jpg

O pasado 30 de setembro comezou o Programa de emprego Mocidade 2020, promovido polo Concello de Negreira en colaboración cos concellos da Baña, Santa Comba e Val do Dubra, ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da comunidade autónoma de Galicia.

 

Concibido como un programa mixto de emprego e formación, está dirixido a mellorar a ocupabilidade das persoas de dezaoito ou máis anos incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

 

Foto_1.jpg

Do 26 de outubro ao 5 de novembro, no proxecto impartiuse a formación complementaria en materia de prevención de riscos laborais por parte dunha entidade de prevención autorizada correspondente á ocupación que o alumnado traballador vai desempeñar: Fábrica de albanelería e Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería (con 8 alumnos/as traballadores/as en cada unha).

 

O curso básico de PRL, de 60 horas de duración, foille comunicado á Fundación Laboral da Construción (FLC) para que ambas especialidades obtivesen a titulación oficial. A maiores, a especialidade de albanelería recibiu o curso de 2º ciclo de Prevención de riscos laborais específico e en xardinería o curso básico de Prevención de riscos no sector forestal.

 

A entidade de prevención que impartiu o curso proporcionoulle ao alumnado traballador para facer prácticas os equipos de protección individual adecuados, de maneira que probasen diferentes tipos de arneses, cascos, conectores e liñas de vida para unha colocación correcta dos diferentes equipos así como a través de exercicios de seguridade e posición.

 

A formación en prevención de riscos laborais é obrigatoria e imprescindible para que o alumnado traballador poida saír a realizar as obras. En concreto, son 45 as actuacións previstas nos catro concellos participantes do Programa de emprego mocidade 2020.

 

Realizada xa unha parte dos módulos de formación teórica de ambos certificados de profesionalidade, o equipo de Fábrica de albanelería comezou as prácticas de formigón e tabicado no campo de fútbol de Pedra Mámoa e o de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería está a renovar o invernadoiro no terreo da rúa Tedelle da Baña e tamén con actuacións de xardinería na zona do Parque do Coto, en Negreira.

 

O Programa de emprego Mocidade 2020 está subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e cofinanciado pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

 

Foto_2.jpeg

Foto_3.jpeg

DSC_0753.JPG

A Fundación Mª Esperanza Rubido Romero efectúa unha achega de 3.000 euros para a contratación dunha profesional para levar a cabo o Programa de mellora de benestar persoal e social neste ano que estivo adaptado á actual situación sociosanitaria por mor da pandemia sanitaria da Covid19.

 

Os obxectivos deste programa foron mellorar as habilidades na área de vida no fogar, aumentar a autonomía persoal das persoas usuarias da fundación, así como identificar e expresar as emocións.

 

Dende a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos "Comarca de Barcala", agradecen a colaboración da Fundación Mª Esperanza Rubido Romero debido a que a súa situación é preocupante, xa que levan acarreando problemas económicos durante estes últimos anos.

 

Foto-2-17.JPG

No acto de sinatura participaron hoxe, o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, en calidade de presidente do Padroado da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos Comarca de Barcala, xunto con José María Varela Rial, preesidente da Fundación Mª Esperanza Rubido Romero, e mailo vicepresidente da Fundación e alcalde do Concello da Baña, José Antonio Pereira Gil.

 

Manuel Ángel Leis agradeceu esta colaboración anual, dada a importancia que ten para a Fundación "pola situación económica que está atravesando nos últimos anos, e sobre todo, a colaboración que estamos prestando os concellos de Negreira e A Baña" para manter a actividade.

 

Pola súa banda, José María Varela sinalou que a entidade barcalesa "ten preferencia fronte a outras posibles axudas que poidamos dar".

 

portada-concurso.jpg

O Concello de Negreira vén de facer público o cadro de honra de gañadores do Concurso de decoración de Nadal, tanto na categoría de Particulares coma na de Establecementos.

 

Co obxectivo de contribuír a dinamizar e engalanar o municipio negreirés, o Concello organizou o Concurso de decoración de Nadal con dúas categorías diferenciadas: Particulares, para todo tipo de vivendas, e Establecementos, na que podían participar todo tipo de negocios abertos no territorio de Negreira. Os gañadores déronse a coñecer o venres, 18 de decembro trala valoración dos membros do xurado.

 

O xurado con dereito a voto estivo formado exclusivamente por representantes convidados das corporacións dos concellos veciños de A Baña, Ames e Brión, garantindo deste xeito a imparcialidade. Os criterios de valoración foron 3: Creatividade, Orixinalidade e Apreciación de elementos locais, con 10 puntos de máximo por cada un dos criterios.

 

Na categoría de Establecementos, os gañadores son os seguintes, con imaxes con parte das decoracións expostas:

 

1º) Las Cosas de Lía

 

cosas_de_lia.png

 

2º) Abraham Fotógrafas

 

abraham.png

 

3º) A Nosa Taberna

 

nosa_taberna.png

 

Na categoría de Particulares, as persoas gañadoras son as seguintes, con imaxes con parte da decoración realizada:

 

1º) Uxía Pérez Ponte

 

uxia.png

 

2º) Silvia Fernández Blanco

 

monica.png

 

3º) Mónica Romero Castro

 

romero.png

 

O xurado valorou de forma moi positiva a calidade nas decoracións cunha grande creatividade e orixinalidade como factor máis común, e con moitos elementos feitos de xeito artesanal e reciclados. O apartado máis diferencial do concurso foi o de Apreciación de elementos locais, xa que non todas as persoas participantes lle deron protagonismo a este criterio.

 

O establecemento gañador, Las Cosas de Lía (Rúa do Carme, 19), destaca cunha decoración co Pazo do Cotón como protagonista do conxunto, ao que acompaña unha coidada vila de Nadal, cun pequeno tren con movemento rodeando unha fervenza con auga natural. A decoración complétase con luces e outros elementos característicos do Nadal, e unha árbore branca no fondo.

 

A vivenda gañadora, de Uxía Pérez, amósanos un conxunto ben coidado e escollido. Ademais dunhas luces de Nadal, podemos ver unha fiestra con decoración vexetal, campás, lazo e estrelas; outros motivos vexetais na entrada e unha pequena árbore e unha xesta decoradas flanqueando a fiestra máis destacada. Aquí atopamos un pequeno Belén ou Nacemento, representado na Ponte Maceira, a cal foi diferencial pola puntuación como elemento local do noso Concello.

 

Os premios entréganse este venres 18 de decembro, con 400 € para o primeiro dos establecementos, 150 € para o segundo e unha cesta de regalos cortesía de Gadis para o terceiro. Para os particulares, o primeiro levará unha tarxeta regalo (para gastar en establecementos de Negreira) de 100 €, o segundo outra tarxeta regalo (para gastar en establecementos de Negreira) de 60 €, e o terceiro unha cesta de regalos cortesía de Gadis.

 

As decoracións poderán contemplarse en establecementos e vivendas ata o 7 de xaneiro de 2021, e iranse publicando na páxina de facebook “Descubre Negreira”.