Xuntos polo Nadal 2026
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, pon en marcha unha nova edición do programa «Xuntos polo Nadal», unha iniciativa destinada a persoas de 60 anos ou máis que viven soas e non teñen con quen compartir estas datas. O seu obxectivo é favorecer o envellecemento activo, a convivencia e evitar a soidade durante as festas do Nadal.
O programa ofrece un total de 270 prazas nas residencias de tempo libre do Carballiño (Ourense) e Panxón (Nigrán), con aloxamento en habitacións compartidas, manutención en réxime de pensión completa, actividades de animación sociocultural e transporte de ida e volta en autobús desde as principais cidades galegas.
As persoas participantes poderán escoller unha das tres quendas dispoñibles:
- Do 23 ao 30 de decembro de 2026 (8 días).
- Do 31 de decembro de 2026 ao 7 de xaneiro de 2027 (8 días).
- Do 23 de decembro de 2026 ao 7 de xaneiro de 2027 (16 días).
Requisitos para participar
Poderán solicitar unha praza as persoas que teñan 60 anos ou máis, estean empadroadas en Galicia, vivan soas no seu domicilio e non teñan con quen pasar as datas do Nadal. Ademais, deberán poder valerse por si mesmas e non padecer enfermidades transmisibles nin trastornos mentais ou condutuais que poidan alterar a convivencia.
Prazo e presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto do 16 ao 30 de novembro de 2026, ambos os dous incluídos.
A participación no programa é totalmente gratuíta. As solicitudes deberán presentarse preferentemente por vía electrónica, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mediante o procedemento PR004A. Tamén se poderán presentar presencialmente nos rexistros habilitados, dirixidas ao departamento territorial correspondente da Consellería de Política Social e Igualdade.
Será necesario achegar o formulario de solicitude cuberto, o informe social e a declaración responsable. Ademais, deberá indicarse expresamente a quenda elixida.
Documentación e formularios:
- Formulario de solicitude
- Informe social
- Declaración responsable
- Presentación electrónica de solicitudes
As persoas interesadas poden consultar toda a información sobre o programa na páxina da Consellería de Política Social e Igualdade.