A Xunta realiza labores de limpeza no rego da Portela

A acumulación de árbores e outros materiais orgánicos nos cauces dos ríos e dos regatos é un dos factores que favorece o risco de inundacións durante a tempada de chuvias. Por este motivo, Augas de Galicia leva a cabo, no marco das súas competencias, diferentes traballos de conservación e mantemento que nas próximas semanas se desenvolven de xeito paralelo nos concellos de Negreira e de Ames.
No noso concello, a actuación afecta a uns 900 metros do rego da Portela, entre as parroquias de Santa María de Portor e Santa Baia de Logrosa, moi preto do río Tambre.
En Ames, afecta a 1,3 quilómetros do rego da Pataleira ao seu paso pola parroquia de San Lourenzo de Agrón, igualmente afluente do Tambre.