Verán Cultural

O Concello de Negreira continúa desenvolvendo a programación do Verán Cultural, cunha ampla oferta de actividades culturais, de lecer e de conciliación que se estenderá ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro.

O Concello de Negreira continúa desenvolvendo a programación do Verán Cultural, cunha ampla oferta de actividades culturais, de lecer e de conciliación que se estenderá ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro.

A programación, que arrancou no mes de xuño con citas xa consolidadas como o Festival Internacional de Folclore "Vila de Negreira", os concertos do Nicrafolk ou a Feira do Románico, afronta agora unha nova etapa cun calendario pensado para todos os públicos.

Entre as actividades de maior demanda destaca o Diververán, destinado a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Os obradoiros de manualidades e pintura desenvólvense de luns a venres en horario de mañá na Casa da Cultura, distribuídos en diferentes quendas durante os meses de xullo e agosto, favorecendo a conciliación das familias durante o período estival.

O espazo público volverá converterse nun dos grandes protagonistas grazas ao ciclo Cultura a Pé de Rúa, que levará espectáculos de teatro, circo e música a distintos puntos da vila. O Parque do Coto acollerá propostas como Carman, Dr. Flaming ou a actuación da formación Royal. Ademais, a Praza do Concello será o escenario, o 25 de xullo, dunha nova edición do Cristobaliño, unha iniciativa da Asociación Negreira Viva que conta coa colaboración do Concello. A programación continuará o 13 de agosto coa representación de Hoxe si!, da compañía De Sempre Arriba.

A creación contemporánea tamén terá un papel destacado coa chegada do Delas Fest, o festival feminista de arte urbana e contextual, que se celebrará entre o 27 de xullo e o 2 de agosto, achegando intervencións artísticas e propostas culturais de vangarda ao municipio.

Xa na recta final do verán celebraranse os tradicionais Campamentos de Verán, que nesta edición terán lugar no Albergue Xuvenil de Espiñeira, en Boiro, entre o 26 de agosto e o 4 de setembro.

A actividade cultural continuará durante o mes de setembro cunha programación variada. O venres 18, o Auditorio Afonso Eanes do Cotón acollerá a representación da obra As formas do amor, dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O sábado 19 celebrarase unha nova edición do Nicrarock no Parque do Coto, coa actuación de D'Crooners e Pepe Piña. O domingo 20 terá lugar na Praza do Concello o tradicional Festival de Bandas, coa participación da Banda Municipal Ateneo de Negreira e da Banda de Música de Lousame. A programación completarase o venres 25 coa proxección de Rondallas, dentro do ciclo de cine no Auditorio Afonso Eanes do Cotón.

Ademais, nunha data aínda por confirmar, celebraráse unha nova edición do Encontro As Tres Negreiras, unha cita de confraternidade que reunirá aos municipios de Negreira, A Estrada e Santa Comba e que incluirá conferencias e actuacións musicais.