Un simposio homenaxea ó filólogo Xosé Luís Pensado no seu centenario
Este 2024 é o ano no que se conmemora o centenario do nacemento do profesor e filólogo negreirés, Xosé Luís Pensado Tomé (Negreira, 1924 - Salamanca, 2000). Xosé Luís Pensado foi o noso intelectual que acadou os máis altos graos no mundo académico das Letras no século XX.
Exerceu como docente na Universidade de Madrid e como catedrático de Filoloxía Románica e de Filoloxía Galaico-Portuguesa, nas Universidades de Oviedo e de Salamanca. Está considerado o máximo especialista mundial na figura do frade sabio e ilustrado do século XVIII, P. Martín Sarmiento.
As publicacións do profesor Pensado, no ámbito da súa especialidade, cóntanse por centos. Dende o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, un centro dependente da Consellería de Cultura e, mailo Concello de Negreira, conmemórase esta efeméride coa celebración dun Simposio de conferencias dedicado á súa vida e obra, a celebrarse entre Santiago de Compostela e Negreira, o venres, día 15 de marzo de 2024.
Programa de actos
MAÑÁ
Lugar: Aula Co1 da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
- 9:30 horas - Apertura do Simposio, con representantes da Universidade de Santiago de Compostela, a Real Academia Galega, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello de Negreira e da organización do simposio.
- 10:00 horas – Conferencia: “A contribución de Xosé Luís Pensado ao coñecemento do Padre Sarmiento”, por Henrique Monteagudo Romero.
- 11:00 horas – Conferencia: “Unha visión de Pensado na Universidade de Salamanca”, a cargo de Alexandre Guerra.
- 11:30 – Pausa
- 12:15 horas – Conferencia: “X. L. Pensado e as súas ideas sobre a gueada”, a cargo de Ramón Lorenzo Vázquez.
- 13:00 horas – Conferencia: “A obra de Xosé Luís Pensado Tomé (1924-2000), na constitución da lingüística galega moderna: datos, reflexións e lembranzas”, por Xesús Alonso Montero.
TARDE
Lugar: Auditorio da Casa da Cultura (Negreira)
- 17:30 horas – Conferencia: No centenario do nacemento de Xosé Luís Pensado Tomé”, por X. Amancio Liñares Giraut.
- 18:15 horas - PAUSA
- 18:45 horas – Conferencia: “D. Xosé Luís Pensado Tomé: Galicia desde Salamanca”, por Xosé Luís Axeitos.
- 20:00 horas – DESCUBERTA dunha placa conmemorativa na casa natal do profesor Xosé Luís Pensado Tomé, na rúa do Carme.
Nota: Haberá un servizo gratuíto de autobús para os desprazamentos: Santiago – Negreira – Santiago.