Sesión informativa para migrantes e solicitantes de asilo
O Concello de Negreira, en colaboración coa ONGD SenValos, organiza unha xornada informativa dirixida a persoas migrantes en situación administrativa irregular e a solicitantes de protección internacional (asilo), co obxectivo de ofrecer información clara, práctica e actualizada sobre o proceso de regularización extraordinaria previsto para 2026.
A sesión terá lugar o mércores 11 de febreiro, ás 11.00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura de Negreira, con entrada libre ata completar aforo.
Durante a xornada explicaranse os requisitos, prazos, documentación necesaria e criterios xerais establecidos polo Goberno. Entre outros aspectos, informarase de que, con carácter xeral, será preciso acreditar unha permanencia continuada mínima de cinco meses, residencia en España antes do 31 de decembro de 2025 e carecer de antecedentes penais. No caso das persoas solicitantes de asilo, poderá ser suficiente ter presentada a solicitude antes desa data e poder acreditalo.
A sesión contará cun espazo para resolver dúbidas e ofrecer orientación práctica sobre as canles oficiais de información.
Esta actividade enmárcase no Programa de Mediación Intercultural de Negreira, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo Plus (FSE+), dentro do Programa FSE+ Galicia 2021–2027, coa participación da Xunta de Galicia.
O Concello de Negreira, xunto con SenValos, subliña a importancia de proporcionar á cidadanía información fiable e práctica, especialmente nun momento no que os prazos e requisitos poden xerar incerteza.