Ruta guiada con música en directo

Experiencias 2026: Gastronomía, Benestar e Tradición

O Concello de Negreira, no marco das actividades de ecoturismo "Experiencias 2026: Gastronomía, Benestar e Tradición", organiza este domingo 14 de xuño a xornada gratuíta «Música e Tradición no Camiño». 


A cita arrincará ás 10:30 horas desde a Capela de San Brais, en Ponte Maceira, dando inicio a unha ruta guiada a pé de 3,5 quilómetros que conectará esta emblemática paisaxe co histórico Pazo do Cotón. Durante o percorrido, as persoas participantes poderán mergullarse na historia e na cultura local da man dun guía de turismo profesional nunha experiencia deseñada para desconectar e gozar da natureza en pleno corazón das Terras de Santiago.


O gran atractivo do itinerario será a fusión entre o patrimonio natural e a música en directo, grazas ás intervencións musicais da prestixiosa soprano Esperanza Mara. A artista ofrecerá microconcertos en tres paradas clave do camiño: o punto de saída en Ponte Maceira, A Chancela e a Capela de San Mauro. 


Aínda que a actividade é totalmente de balde, as prazas son limitadas, polo que é imprescindible realizar unha reserva previa a través do código QR de inscrición habilitado no cartel oficial do evento ou no seguinte enlace: https://da.gd/0pooBg