Renovado o convenio de Atención Temperá até 2028
Negreira e Val do Dubra renovaron o seu convenio de colaboración para manter a xestión compartida do Servizo de Atención Temperá, entre o 1 de novembro de 2026 e o 31 de outubro de 2028. Trátase de dar continuidade á atención especializada á infancia e ao acompañamento das familias nos dous concellos.
O convenio regula a organización, o funcionamento e o financiamento do servizo, así como a solicitude conxunta dunha subvención á Xunta de Galicia. O Concello de Negreira segue asumindo a xestión e coordinación da unidade, que conta cun equipo interdisciplinar de catro profesionais.
A unidade atendeu a 168 menores, dos que 98 son nenos e setenta nenas. O servizo diríxese á poboación infantil, de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou risco de presentalos, e estende a intervención ás familias e á súa contorna. O traballo abrangue a comunicación e a linguaxe, o desenvolvemento cognitivo e psicomotor, a autonomía persoal e o desenvolvemento social e afectivo.
O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, salientou o carácter «fundamental» deste servizo e, a valoración positiva que fan familias e mailo equipo técnico como razóns para manter a colaboración entre os dous concellos.
Pola súa banda, o alcalde de Val do Dubra, Diego Luis Díaz Méndez, sinalou: «A colaboración entre os dous concellos permite ofrecer unha atención especializada e próxima ás familias. Con este convenio damos continuidade a un servizo necesario para apoiar o desenvolvemento dos nenos e nenas desde os primeiros anos de vida», afirmou Díaz Méndez.
A colaboración entre Negreira e Val do Dubra con este servizo iniciouse no ano 2021. En marzo de 2022, a unidade incorporouse á Rede Galega de Atención Temperá e, no 2023, inaugurouse a nova sede de Negreira, nas antigas vivendas dos mestres situadas ao carón do CEIP O Coto, tras a rehabilitación do edificio.
Xunto coa intervención especializada e o apoio ás familias, a unidade desenvolveu iniciativas como «Os fillos da incerteza: a nosa alvariza». O proxecto combina inclusión e educación ambiental mediante actividades en contacto coa natureza centradas no coñecemento das abellas e orientadas ao desenvolvemento de habilidades sociais, cognitivas, motoras e sensoriais.