Renovación das piscinas e mellora dos servizos
O Concello de Negreira executou ao longo deste ano diferentes actuacións nas piscinas municipais para modernizar as instalacións, corrixir deficiencias e mellorar a calidade do servizo. Os traballos forman parte da planificación do equipo de goberno para renovar progresivamente as infraestruturas que, polo paso do tempo, quedaran obsoletas ou presentaban problemas de mantemento.
Na Piscina Climatizada, o Concello e a empresa concesionaria acordaron asumir conxuntamente as melloras. Así, reparáronse filtracións, humidades e fendas no exterior do edificio; actuouse nas tubaxes da zona de caldeiras e instaláronse novos equipos de climatización e un novo baño turco. Tamén se renovou todo o equipamento de fitness e cardio, substituíuse o solo técnico e pintáronse o ximnasio e a sala de actividades. Segundo os servizos técnicos, algunhas deficiencias derivaban da falta de mantemento acumulada e outros equipamentos xa chegaran ao final da súa vida útil.
O Concello e a empresa tamén estudan unha futura ampliación da sala de cardio para gañar espazo e comodidade. Os servizos técnicos municipais xa traballan na súa valoración para poder incorporala á programación de próximos investimentos.
Na Piscina exterior do Coto, as actuacións realizadas permitiron resolver os problemas recorrentes dos últimos veráns, provocados polo estado obsoleto das instalacións.
O Concello prepara agora outras pequenas intervencións pendentes para completar a renovación e estuda adaptar o período de apertura á evolución da climatoloxía. A posibilidade de abrir antes permitiría aproveitar mellor este espazo e prolongar o servizo cando as condicións meteorolóxicas o aconsellen.
O alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, destacou que o Concello seguirá planificando melloras nas infraestruturas e nos servizos públicos, atendendo as demandas da veciñanza e as necesidades futuras de Negreira.