Rehabilitado un dos muíños históricos da Ponte Maceira
O Concello de Negreira vén de rematar as obras de rehabilitación dun dos muíños tradicionais da Ponte Maceira, unha actuación orientada á recuperación e conservación deste elemento de valor histórico e etnográfico, integrado nunha contorna declarada Ben de Interese Cultural (BIC). A intervención permitiu reparar os principais danos estruturais que presentaba a construción, garantindo así a súa estabilidade e contribuíndo á protección dun conxunto patrimonial de especial relevancia para o municipio.
Os traballos incluíron a reconstrución do tramo de muro derrubado, coa reutilización das pezas e dos materiais orixinais, así como a reparación do tellado e da fachada sur, afectados polo paso do tempo e pola acción das raíces da vexetación. Tamén se levaron a cabo labores de selado de xuntas, co obxectivo de reforzar a estrutura e previr novos danos.
A actuación contou co apoio económico da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e enmárcase no esforzo por preservar e poñer en valor o patrimonio histórico e cultural de Negreira. A recuperación deste muíño contribúe á conservación da identidade tradicional da Ponte Maceira, un dos enclaves patrimoniais e turísticos máis destacados do municipio, situado no Camiño de Fisterra e Muxía e que recibe cada ano milleiros de visitantes.