Reforzo do parque móbil cun novo tractor
Esta nova adquisición foi posible grazas a unha subvención da Xunta de Galicia, a través do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), procedente do canon eólico, que supuxo un investimento de arredor de 69.000€ para o noso concello. Na imaxe, o alcalde, Manuel Ángel Leis xunto co concelleiro de Parques e Xardíns, Adolfo Manuel Barbosa e mailo operario do novo tractor.
O novo vehículo agrícola substitúe a un dos existentes, que levaba preto de 40 anos en funcionamento e que, nos últimos tempos, presentaba frecuentes problemas mecánicos. Con esta renovación, garántese un traballo máis eficiente e seguro nas tarefas de limpeza e desbroce de estradas e camiños municipais.
Actualmente, en Negreira contamos con dous tractores equipados con brazo desbrozador para labores de mantemento da rede viaria dos núcleos e espazos públicos.
Tal e como sinala o alcalde, Manuel Ángel Leis, esta adquisición forma parte dunha estratexia de mellora progresiva do parque móbil municipal, que nos últimos anos tamén incluíu a compra dun camión 6x6 e unha barredora. Nesta liña, o Concello continuará investindo en medios que permitan ofrecer servizos de maior calidade á veciñanza.
Ademais, esta mellora complétase cunha planificación eficaz do traballo da brigada, reforzada mediante programas como o PEL da Deputación da Coruña ou o Aprol da Xunta de Galicia, que non só contribúen á creación de emprego, senón tamén ao desenvolvemento de tarefas esenciais de limpeza e mantemento en todo o municipio.