Programa de Benestar en Balnearios 2025

O departamento municipal de Servizos Sociais informa da apertura do prazo para solicitar a participación na convocatoria do programa de Benestar en Balnearios 2025 da Xunta de Galicia. Este programa ofrece estadías de 10 días en réxime de pensión completa en 15 balnearios de Galicia, desde xullo ata decembro de 2025.
A quen vai dirixido?
O programa está dirixido a persoas maiores de 60 anos, ou pensionistas maiores de 55 anos, xunto a un acompañante. No caso de ter un fillo/a con discapacidade igual ou superior ao 33%, tamén podería acompañar.
Prazo de inscrición:
O prazo de inscrición é do 17 de xuño ata o 15 de xullo de 2025.
Como e onde se solicita a praza?
Preferentemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (procedemento BS607A): sede.xunta.gal. Tamén se pode solicitar presencialmente en calquera rexistro oficial da Xunta, ou rexistro administrativo ou oficina de Correos, presentando o impreso de solicitude que se pode descargar na sede electrónica da Xunta ou na web: politicasocial.xunta.gal.
Custo:
A tarifa varía en función do establecemento escollido. A Xunta de Galicia financia ata o 48% do custo total. O prezo indicado é por persoa en réxime de pensión completa.
Confirmación da reserva:
Unha vez recibida a confirmación oficial da concesión da praza, débese contactar directamente co balneario escollido para reservar a quenda cun depósito de 30 €, aboándose o importe restante á chegada.
Para máis información, os interesados poden contactar cos Servizos Sociais do Concello de Negreira.