Permisos para as fogueiras de San Xoán
O Concello de Negreira abriu o procedemento para a presentación da declaración responsable para a realización das tradicionais cacharelas na tarde e noite do vindeiro 23 de xuño de 2026. As persoas interesadas teñen de prazo para tramitar a súa solicitude ata o 19 de xuño.
A tramitación pódese facer por vía presencial, no Rexistro Xeral do Concello (Rúa do Carmen, 3 baixo), ou mediante a sede electrónica a través da web institucional: www.concellodenegreira.gal.
Normas e medidas de seguridade obrigatorias:
- Dimensións do lume: En zona urbana, o volume de combustible da cacharela non sobrepasará os 3 metros de perímetro nin 1 metro de altura. En zona rural, non poderá exceder os 5 metros de perímetro/diámetro nin os 3 metros de altura.
- Distancias mínimas: Débese manter unha separación de polo menos 12 metros entre as cacharelas e os edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano (excepto no casco urbano). Está prohibido situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, en zonas de dominio público ou preto de locais con produtos inflamables.
- Protección do chan: No caso de que a fogueira se realice sobre terreos de uso público de lousa, os organizadores teñen a obriga de protexer o pavimento cunha capa de area de, como mínimo, 10 centímetros.
- Materiais prohibidos: Queda totalmente prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites ou calquera substancia que desprenda fume tóxico. Tampouco se poderán botar ao lume recipientes con líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), nin queimar restos domésticos, agrícolas ou forestais.
- Control e limpeza: Deberá haber sempre xente ao lado do lume con auga suficiente para a súa extinción. Antes de abandonar o lugar, as cinzas teñen que quedar totalmente apagadas e todos os restos deberanse retirar nun prazo máximo de 48 horas, deixando o espazo limpo.
Ante calquera incidencia, a organización debe coñecer os números de teléfono directos dos Bombeiros (080 ou 085) e de Emerxencias (112).