Obradoiro informativo sobre o novo regulamento de estranxeiría
O Concello de Negreira organiza para o xoves 19 de decembro unha nova actividade enmarcada no programa de inmigración, que desenvolve actuacións de asesoramento xurídico en estranxeiría e mediación intercultural.
Este novo obradoiro está destinado especificamente a mulleres migrantes, para informarlles sobre as novidades do novo Regulamento de Estranxeiría, que entrará en vigor o próximo 20 de maio de 2025. Tamén se abordarán técnicas e estratexias para a mellora da empregabilidade das mulleres migrantes residentes no Concello de Negreira, enlazando coas novas figuras de acceso á regularización a través do arraigamento que contempla o novo Regulamento de Estranxeiría.
A execución do programa de inmigración iniciouse no ano 2020 coa colaboración da “ONGD SenValos”, xunto cos Servizos Sociais do Concello de Negreira e contando co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo Plus.
O lugar de celebración do obradoiro será o Auditorio da Casa da Cultura de Negreira, en horario de 10:00 a 14:00 horas, e o acceso será libre e gratuíto para todas aquelas mulleres que desexen participar. Estará impartido por persoal técnico especializado da “ONGD SenValos” e da “Fundación Mujeres”.
O Concello de Negreira, segundo o Padrón Municipal a 1 de xaneiro de 2022, contaba con 271 persoas estranxeiras empadroadas (150 mulleres e 121 homes), o que supón case o 4% da poboación total. As principais nacionalidades de orixe das persoas migrantes de Negreira son Marrocos, Brasil e Venezuela.
A través do programa de inmigración, atendéronse máis de 190 persoas nestes catro anos de execución, das cales un 62% eran mulleres e un 38% homes.