O Concello presenta o programa cultural do Nadal 2024

Presentación programa cultural Nadal 2024

Negreira prepárase para celebrar un Nadal cheo de actividades dirixidas a todas as idades, cun programa que combina cultura, lecer, tradición e festividade. A programación, que se desenvolverá entre decembro e xaneiro, ofrece propostas para pequenos e maiores, en diversos espazos da localidade.

Mercado e inauguración do alumeado 

O Nadal comezou con forza na primeira fin de semana de decembro, celebrándose o tradicional Mercado de Nadal e levándose a cabo o acendido da iluminación de Nadal coa música e enerxía do pasarrúas de “Os Elegantes”, a ritmo de batucada.

XIII Certame de poesía “Ardeiro”

O mércores día 11 de decembro, ás 19:30 horas e no Auditorio Afonso Eanes do Cotón, vai ter lugar o fallo do xurado do XIII Certame de poesía Xosé M. López “Ardeiro”, que inclúe a actuación musical do dúo Minguante. O premio para o poemario gañador é de 2.500€ e a publicación da obra, ademais dun premio de consolación para o segundo semifinalista de 500€.

E o martes día 17 de Nadal, a Escola Municipal de Teatro presenta a súa exhibición navideña por parte do grupo de pequenos,  no Auditorio Afonso Eanes, a partir das 17:00 horas.

A chegada de Papá Noel

O venres 20, Papá Noel visitará a Escola Infantil de Aro dende as 11:00 horas e a Escola Infantil Municipal, ás 12:00. Esa mesma tarde, ás sete da tarde, a Escola Municipal de Música ofrecerá unha audición de Nadal no Auditorio Afonso Eanes.

O sábado 21 está reservado para o Gran Festival de Nadal, organizado polo Concello e a Sociedade Cultural e Folclórica Veiga do Cotón, no Auditorio Afonso Eanes do Cotón, con reserva de entradas, a partir das seis da tarde.

O luns 23, Papá Noel recibirá aos máis pequenos na súa casa, instalada na praza do Concello, a partir das 17:00 horas.

Festa do nen@

Metidos xa no 2025 en xaneiro, o xoves día 2 teremos unha nova entrega da festa infantil con xogos inchables e obradoiros no pavillón do CEIP O Coto, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

Banda música

 

Banda música

O sábado 4 chega a quenda para o concerto especial de Ano novo a cargo da Banda de Música Ateneo de Negreira. Bandas sonoras de clásicos do cine de Hollywood soarán no auditorio Afonso Eanes do Cotón, baixo a interpretación dos músicos dirixidos por Raúl Martín Niñerola. “Sons de Hollywood”, comeza ás 19:00 horas.

Cabalgata de Reis

A tarde do domingo 5 de xaneiro é a máis agardada do ano polas crianzas de Negreira. A Cabalgata dos Reis Magos pechará as celebracións do Nadal. A comitiva real partirá ás 17:30 horas do Campo da Feira. Ao remate do percorrido haberá a recepción das súas Maxestades de Oriente no pavillón do colexio O Coto.

Para os que queiran participar acompañando aos Reis Magos na cabalgata, poden anotarse na Delegación de Cultura (máis información no 676 454 879 ou no enderezo electrónico: marcos.perez@concellodenegreira.es.