Novos cursos de galego

Novos cursos de galego

O Servizo de Normalización Lingüística dos concellos de Negreira e A Baña impulsa este outono dúas novas propostas destinadas a facilitar a aprendizaxe, o uso e a socialización en lingua galega, con actividades pensadas especialmente para aquelas persoas que queren achegarse ao galego, mellorar a súa expresión oral ou incorporar a lingua ao seu día a día.

A primeira das iniciativas é un curso de introdución á lingua e cultura galegas en Negreira, dirixido a persoas maiores de 16 anos que se achegan por primeira vez ao galego. A formación terá unha duración de 20 horas, será totalmente gratuíta e desenvolverase de maneira presencial na Casa de Cultura de Negreira.

As sesións terán lugar os mércores e xoves, entre as catro e as seis da tarde, desde o mércores 14 de outubro ata o xoves 12 de novembro. Ao longo do curso, as persoas participantes adquirirán unhas nocións básicas de lingua galega e tamén coñecerán diferentes aspectos da cultura de Galicia, como as festas e tradicións, a gastronomía ou a música. Ao remate da formación, o alumnado recibirá un diploma acreditativo de participación.

Para participar é necesaria inscrición previa. O prazo permanecerá aberto ata o 2 de outubro e hai un total de 20 prazas dispoñibles. As solicitudes, unha vez cubertas e asinadas, poden enviarse ao Servizo de Normalización Lingüística ou presentarse presencialmente na Casa de Cultura de Negreira.

E xunto a esta formación, o Servizo de Normalización Lingüística pon en marcha unha segunda proposta: “Falarmos... nós!”, un grupo de conversa en galego promovido pola Deputación da Coruña, pensado para crear un espazo próximo e acolledor no que falar, escoitar, socializar e compartir experiencias en galego.

O primeiro encontro será o mércores 30 de setembro, de seis a sete da tarde. Non se trata dunha clase convencional, senón dun espazo de conversa no que non haberá leccións nin deberes. A intención é que as persoas participantes poidan falar con naturalidade, expresar as súas opinións, formular dúbidas, equivocarse e ir gañando confianza no uso da lingua.

O grupo estará formado por un número reducido de participantes e contará cunha ou dúas persoas dinamizadoras que propoñerán diferentes temas e facilitarán a participación de todo o mundo. Poderanse abordar cuestións relacionadas coa cultura, a actualidade, a música, os libros, as viaxes ou as propias experiencias persoais.

A actividade está aberta tanto a persoas que saben falar galego pero non o utilizan habitualmente como a aquelas que están aprendendo e queren gañar soltura. O único requisito é entender o galego e ter ganas de participar.

As inscricións para “Falarmos... nós!” abriranse o luns 7 de setembro ás nove da mañá. Poderán realizarse presencialmente na Casa da Cultura de Negreira ou na Casa do Concello da Baña, así como a través do correo electrónico snlabananegreira@gmail.com ou nos teléfonos 981 88 65 01 e 981 88 58 86, en horario de oito da mañá a dúas da tarde.