Nova senda entre A Barquiña e A Chancela
Negreira contará cunha nova senda peonil na subida entre o cruzamento da Barquiña e mailo alto da Chancela, e vai ser construida pola Xunta de Galicia. A listaxe de expropiacións xa foi publicada no Diario Oficial de Galicia, do martes 5 de maio.
Os primeiros 150 metros van dende o cruzamento da estrada AC-447 pola marxe esquerda, cun ancho de 1,80 metros para minimizar afeccións en parcelas privadas, posto que son terreos de solo urbano en núcleo rural sen edificar. O estudo técnico di que na marxe dereita non é viable por existir edificacións e muros de contención de formigón. E ao final deste primeiro treito da senda cruza un afluente do río Tambre, cuxo paso debe ser ampliado, segundo o estudo técnico.
O cambio de marxe sitúase nun punto de boa visibilidade. A senda transcorrerá pola marxe dereita en sentido subida por Cepelo. Vai sela zona que colla máis terreos privados e onde se concentran a totalidade de expropiados pola Xunta.
Turismo de Galicia aposta por unha beirarrúa en «formigón desactivado co terriza, con beirado estético prefabricado e franxa vexetal de 50 centímetros», pero únicamente, no treito en curva de subida ata superar o peche da parcela de Irmáns Mallón.
A partir de aí, volve ser unha senda segregada de xabre-cemento, con ancho de 2,30 metros, adentrándose na zona boscosa de subida por Cepelo ata chegar ao cruzamento do alto da Chancela, onde se prevé o lousado do punto de paso para garantir a continuidade perceptiva do Camiño de Fisterra e Muxía.
Vaise ter en conta neste último tramo, ás árbores autóctonas –polo que haberá estreitamentos da senda-, de diámetro maior de 20 centímetros.
Na web da Axencia de Turismo de Galicia pódese acceder ao procedemento para consultar a información.