Nós chega a Negreira

Nós chega a Negreira

O Concello de Negreira incorpórase á rede de grupos de conversa Falarmos Nós, unha iniciativa impulsada pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña que ten como obxectivo facilitar espazos de encontro e participación para favorecer o uso do galego no día a día.

O pasado fin de semana, o local da Asociación Xiradela, en Arteixo, acolleu a xuntanza previa ao inicio da nova xeira 2026/2027. No encontro participaron representantes da Deputación e as persoas dinamizadoras dos grupos que xa formaban parte da rede na xeira anterior, así como dos novos grupos que se incorporarán ao proxecto a partir deste outono.

Os grupos de conversa están dirixidos tanto a persoas que saben falar galego pero non o empregan habitualmente nas súas relacións sociais como a aquelas que se atopan nun proceso de adquisición da competencia oral e contan cunha boa capacidade de comprensión e de expresión básica.

A xornada en Arteixo serviu para analizar o funcionamento dos grupos, compartir experiencias e avanzar na coordinación das diferentes iniciativas que forman parte da rede. O proxecto conta, ademais, con materiais e recursos facilitados pola Deputación, así como con accións formativas para as persoas dinamizadoras e actividades complementarias para as persoas participantes.

Na actualidade, a rede conta con máis dunha ducia de grupos activos nos concellos da Coruña, Arteixo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Carballo, Ferrol, Narón, Negreira e As Pontes.

No caso de Negreira, o grupo de conversa desenvolverase todos os mércores, das 18:00 ás 19:00 horas, na Casa da Cultura, baixo a coordinación do Servizo de Normalización Lingüística da Baña e Negreira.

A primeira sesión terá lugar mañá, mércores 30 de setembro, e desde o SNL anímase á veciñanza a participar e sumarse a esta iniciativa.