Noites en Vela 2026
A Ponte Maceira volverá converterse no sábado 18 de xullo nun escenario único coa celebración dunha nova edición das Noites en Vela, unha cita cultural organizada conxuntamente polos concellos de Ames e Negreira que, desde 2016, pon en valor este enclave patrimonial e paisaxístico situado no Camiño de Fisterra-Muxía.
A partir das 21.00 horas, o público poderá gozar das actuacións do cuarteto Balteira e do grupo de gaitas da Asociación Cultural Follas Novas de Ames. A programación completarase cun espectáculo pirotécnico que servirá de peche á velada.
Os alcaldes de Negreira, Manuel Ángel Leis, e Ames, Blas García, destacaron a importancia desta iniciativa para promocionar un espazo tan emblemático como A Ponte Maceira, declarada Ben de Interese Cultural e integrada na rede dos Pobos Máis Bonitos de España.