NICRAFOLK NEGREIRA 2025
O sábado 21 de xuño no patio do Ceip O Coto chega unha nova edición deste concerto con tanto arraigo no noso Concello.
A partir das 19:30h comenzaremos coa Foliada Local coa participación dos grupos locais da Escola Municipal de Pandeireta, O grupo de música tradicional Os Garuleiros e a Sociedade Cultural e Folklórica Veiga do Cotón, que farán que o comezo da festa coas súas interpretacións e os seus bailes sexa xa do mais intenso.
As 21:00h remataremos coa foliada e comenzaremos coas actuacións dos tres grupos do Nicrafolk que a continuación imos coñecer un pouco mais en profundidade:
MARICARME actuará as 21:00h (aprox 60min)
Maricarme é o resultado de xuntar tres recoñecidas caras do panorama musical galego: Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras), Cibrán Seixo (Davide Salvado, Budiño) e Migui Carballido (Zeltia Irevire). Os instrumentos acústicos (violíns, pandeiros, bouzouki...) únense á sonoridades máis electrónicas (sintetizador de baixo, pads, pedais...) creando un folk orixinal e poderoso. Maricarme viaxa dende a tradición oral ás composicións propias e presenta un concerto dinámico no que prometen facervos bailar.
Este novo supertrío do folk galego, orixinado en 2023, xa pasou por algúns dos ciclos e festivais máis senlleiros do noso panorama musical, entre eles: Festival Maré, Seráns en Feixóo, Festiletras, Castelo Conta, As Cores do Outono, Foliada da Fonsagrada…
Mercedes Peón - INGRÁVIDA actuará as 22:15h (aprox 80min)
Premio Nacional á Cultura da Xunta de Galicia - Artista do ano para Folkword
Candidata a artista do ano para BBC Radio 3 - Artista Top TEN na Revista Songlines
E moitisimos máis ao longo da súa extensa traxectoria...
Compositora, vocalista e instrumentista galega, Mercedes Peón é considerada como unha das mulleres máis carismáticas do circuíto da world music actual. A súa música achega unha variedade compositiva que arrinca desde a polirritmia, baixo a mirada dos ritmos máis ancestrais, culminan en temas eclécticos e descaradamente vibrantes. O seu amplo repertorio, e a enerxía que se apodera de cada unha das súas actuacións, fan desta muller unha figura fundamental da escena etnocontemporánea en Europa.
Despois de afondar na tradición durante máis de 25 anos, no 2000 gravou o seu primeiro álbum, chamado Isué. Nos seus traballos posteriores Ajrú (2004) e Sihá (2007), as súas composicións levárona a unha particular atmosfera na que se achegou ao electroacústico, facendo do resultado o seu sinal distintivo dentro e fóra das nosas fronteiras.
O universo creativo de Mercedes Peón amplíase así, ao combinar artesanía musical e vangarda creativa mentres mantén o seu discurso, sempre social e feminista. Esta traxectoria fai dela unha das artistas galegas máis destacadas de comezos do século XXI.
O ESPECTÁCULO:
Logo de 20 anos da estrea do seu primeiro disco Isué, Mercedes Peón ofrécenos esta xira percorrendo temas dos seus 5 discos editados en solitario, chea das influencias das recollidas de campo que fixo durante 25 anos polas aldeas, dos traballos cinematográficos ou para danza. Este concerto está acompañado polos grupos de pandeireteiras Raigañas, Xirifeiras, por voces de ConcertoTempo, polo dúo Caamaño&Ameixeiras, Mónica de Nut e Ana Fernández.
A cabalo do acústico e da electrónica, Xira Ingrávida é unha festa de celebración desta efeméride e unha homenaxe a persistencia da creación colectiva, que é un xeito de mirar o mundo.
OS CARUNCHOS - Unha gorxa chea de paxaros (Manuel Maria) actuará as 23:45h (aprox 75min)
Os Carunchos nace a finais de 1994 coa idea de mesturar temas cantados co repertorio de gaiteiros solistas, conseguindo naquel momento unha formación nova e orixinal coa que Os Carunchos participan nos máis importantes festivais folk do país.
Os Carunchos renden homenaxe ao poeta Manuel María musicando unha selección dos seus poemas. Ao tempo que celebran o seu 30 aniversario neste 2024, Os Carunchos celebran tres décadas de música en galego co gran Poeta da Terra. Deste encontro prodixioso entre a música e a palabra xorden trece temas, “unha gorxa chea de paxaros” e de versos, cos que celebrar a longa vida dunha das bandas fundamentais da música tradicional galega.