Negreira transforma 935.000€ en melloras

Negreira transforma 935.000€ en melloras

As melloras xa se perciben en distintos puntos do noso territorio. O Concello ten en marcha un investimento de 935.000 euros para renovar vías, conservar infraestruturas e seguir atendendo as necesidades das parroquias. Son actuacións financiadas a través do POS+ 2025 e dunha subvención nominativa da Deputación da Coruña que converten a planificación municipal en resultados concretos para a veciñanza.

Durante os meses de agosto e setembro executáronse traballos en Landeira, na avenida de Feiraco, na Fonte do Carme e na pista que une Aro con Pedralonga. Unhas intervencións necesarias que melloran a seguridade, facilitan os desprazamentos e dan resposta ao desgaste dunha rede viaria especialmente extensa.

O reto é importante: Negreira conta cun gran número de estradas e vías municipais, moitas delas en zonas rurais cunha intensa actividade agrícola e forestal. Por iso, o goberno local mantén unha planificación equilibrada, baseada nas necesidades reais de cada lugar e coa conservación do rural como unha prioridade permanente.

Negreira transforma 935.000€ en melloras

Trátase dun traballo que vai máis alá do asfaltado. As brigadas do PEL e de Galicia Suma Talento están a limpar pistas interiores e a recuperar fontes, lavadoiros e outros espazos públicos. As actuacións chegaron a lugares como Triáns, Padín, Chancela, A Barquiña, o miradoiro do Cotro, Agrís, Negreiroa, Zas, A Pena, Landeira, Vilar de Arriba, Vilar de Abaixo, Campolongo e Fontán. Pequenas intervencións que coidan o patrimonio, dignifican as aldeas e melloran o día a día da veciñanza.

O Concello prepara xa o seguinte paso coa incorporación do persoal do obradoiro dual de emprego “Valora 2026”. O programa permitirá acometer novas melloras en infraestruturas e locais públicos, ao tempo que ofrece formación e oportunidades laborais.

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, subliña que «cada obra, cada limpeza e cada espazo recuperado responde a un mesmo compromiso: que as melloras cheguen a todo o concello. Seguimos traballando con planificación, constancia e atención ás necesidades da veciñanza», sinalou.