Negreira homenaxea a María Moldes Suárez no Premio 8M
O Concello de Negreira Negreira desenvolverá unha completa programación de actividades para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller. A concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, Teresa Duro Leis, cando á directora do Centro de Información á Muller, Rosa Fuentes Cambeiro, e maila psicóloga, Natalia Suárez, foron as encargadas de presentala este martes 27 de febreiro en Radio Negreira.
As actividades deron comezo ao longo do mes de febreiro, cando o alumnado de 1º de bacharelato do IES Xulián Magariños asistiu a diversos obradoiros de formación fronte ao acoso na rúa, impartidos polo persoal municipal do Concello de Negreira.
Durante o mes de marzo, a planta baixa do Centro Sociocultural acollerá a exposición ‘Destino: Igualdade’, da Fundación Vicente Ferrer. Ademais, este mesmo mes terá lugar a presentación do V Plan de Igualdade do Concello de Negreira.
O xoves, día 7, ás 18:00 horas, a rapazada será a protagonista, xa que poderán gozar, no auditorio da Casa da Cultura, do contacontos musical ‘Cambia o conto’, de Música Miúda. Unha forma orixinal e divertida de achegar o concepto da igualdade ás idades máis temperás.
E a Casa do Concello cubrirase cunha lona e iluminarase de morado para dar visibilidade a esta data tan sinalada no camiño á igualdade. Este mesmo día será o prato forte da programación: a entrega do VIII Premio 8M do Concello de Negreira, que este ano recae en María Moldes Suárez, cooperante e delegada da Fundación Vicente Ferrer en Galicia e Asturias.
Traspasar fronteiras
A galardoada, orixinal e veciña de Negreira, é licenciada en Belas Artes e en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo. Como profesora foi quen de traspasar as fronteiras do noso país e transmitir o español en diferentes partes do mundo, como Londres, Roma, e mesmo na India.
Con este premio, desde o Concello de Negreira búscase recoñecer o traballo e o papel das mulleres vinculadas ao municipio ao longo da historia. A gala terá lugar o venres 8 de marzo, ás 20:00 horas, no auditorio Afonso Eanes de Cotón. A entrada será libre e gratuíta.
Por último, o sábado, día 9 de marzo, o auditorio Afonso Eanes do Cotón acollerá, ás 21:00 horas, o monólogo ‘Enredada’, de Leti da Taberna, dirixido a un público adulto.
Desde o CIM Negreira aseguran que “é un pracer poder contar, un ano máis, cunha programación repleta de actividades que nos permiten chegar a todas as idades e seguir avanzando neste camiño no que aínda queda tanto por facer”, ademais, sinalan, “é un orgullo poder seguir promovendo este tipo de iniciativas e poñer o noso grao de area para darlle visibilidade ao papel desenvolto polas mulleres do noso municipio”.